O último informe de prezos e entregas de leite, correspondente ó mes de agosto, amosa un leve repunte de 0,3 céntimos no prezo do leite a nivel español, sitúandose a media de valores pagados no campo en 32,3 céntimos. En Galicia, o repunte foi de 0,1 céntimos, situándose o prezo medio en 31 céntimos. Como é tradicional, é a comunidade co prezo máis baixo, nesta ocasión xunto con Cantabria. Na parte alta de cotizacións, destaca o caso de Asturias, con 34,4 céntimos.
O mes de agosto foi o primeiro do ano en que os prezos remontaron lixeiramente, logo de acusar unha tendencia á baixa desde xaneiro a xullo. O leite arrancou o ano en 33 céntimos a nivel estatal e tocou fondo en xullo, con 32 céntimos. A nivel galego, comezouse o 2019 con 31,7 e en xullo estaba en 30,9 céntimos.
Os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega) apuntan tamén a continuación da tendencia de aumento de entregas de leite a nivel español. En agosto deste ano produciuse un 2,5% máis que en agosto do ano pasado e no global do ano, o aumento de entregas acumuladas é do 0,6%.
Outro dato habitual no informe é a evolución do número de explotacións, que seguen na tendencia á baixa. Quedan 13.075 en toda España, unhas 800 menos que hai un ano. De todas elas, algo máis da metade, 7.280 están en Galicia, unhas 400 menos que hai un ano.