Levántase o bloqueo da industria láctea de Ávila tras un preacordo

Ornua España acepta recoller de novo o leite dos 6 gandeiros que deixara e comprométese a negociar os prezos cos afectados. O Goberno de Castilla inspecciona a empresa

Levántase o bloqueo da industria láctea de Ávila tras un preacordo

Os gandeiros levantaron o bloqueo tras aceptar a industria unha negociación.

O bloqueo iniciado na mañá do domingo por un grupo de gandeiros ante a industria láctea Ornua, en Ávila, levantouse a última hora da tarde de onte logo de que os afectados chegasen a un preacordo coa industria coa mediación do Goberno de Castilla y León. Ornua, que deixara de recollerlle o leite a un grupo de seis gandeiros con contrato en vigor, comprometeuse a facerse cargo de novo da produción dos afectados en tanto se senta con eles a negociar prezos.

O problema entre a industria e os gandeiros xurdiu cando a empresa pretendeu cancelar un contrato que estaba en vigor ata o 30 de marzo de 2016 e sustituilo por outro cun prezo 4 céntimos inferior, a 27,5 céntimos o litro en lugar dos 31,5 que marca o contrato anual asinado entre as dúas partes. Ó negarse un grupo de seis gandeiros a asinar a nova proposta, Ornua deixou de recollerlles a produción, o que levou ós afectados a iniciar un bloqueo da industria, coordinado co apoio da Unión de Campesinos de Castilla y León (UCCL), adscrita á organización estatal La Unión de Uniones.

Tras case 36 horas de bloqueo, a situación era tensa, xa que a Delegación do Goberno enviara numerosos efectivos policiais á industria coa orde de desbloquear a entrada se os gandeiros non se retiraban. Doutro lado, o Goberno de Castilla y León, que estaba mediando no proceso, ofreceulles ós gandeiros o compromiso da industria de retomar a recollida do leite e de negociar coas explotacións afectadas nos próximos días, polo que os produtores optaron finalmente por levantar o bloqueo, á espera de acontecementos.

Perspectivas
Desde a UCCL informan tamén de que o Goberno de Castilla y León xa procedeu na tarde de onte a unha inspección da industria para examinar a documentación sobre contratos. “Desde a Junta dinnos que temos razón, xa que os contratos asinados entre as dúas partes son moi claros”, asegura a responsable láctea da UCCL, Adoración Martín, que pronostica sancións para Ornua. “A empresa pretendía que os gandeiros renunciaran de xeito unilateral ó contrato, pero iso non se vai suceder. Haberá que buscar un acordo que sexa bo para as dúas partes”, valora a responsable sindical, que non descarta que se retome o bloqueo se as negociacións non chegan a bo porto: “Estamos contra as cordas e xa non temos nada que perder”.

Doutro lado, a industria láctea Ornua, á que se lle pediu desde esta redacción a súa versión dos feitos na mañá de onte, segue sen contestar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información