
Os tractores seguen bloqueando a N-120 na entrada á cidade de Ourense logo de 25 días de protestas
A decisión do Parlamento Europeo de suspender a ratificación do tratado de libre comercio cos países do Mercosur, á espera de que sexa validado polo Tribunal de Xustiza da UE, foi recibida como un triunfo entre os agricultores e gandeiros que levan semanas protestando en Galicia contra este acordo comercial, que decidiron levantar momentáneamente e de xeito parcial as protestas.
En Lugo, os 150 tractores que desde fai 10 días rodean a Muralla de Lugo comezaron xa a abandonala, logo de que nunha asemblea celebrada este mércores pola noite as organizacións convocantes, as asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, optaran por facer “unha paréntese” nas protestas “para coller folgos nun camiño que se prevé longo”.
Os tractores volven así ás súas granxas de orixe, explotacións de leite e de carne de toda a provincia, despois de teren protagonizado nos últimos días distintos actos de protesta para alertar das consecuencias negativas que tería, din, especialmente para sectores como o do vacún de carne, a entrada de produtos como Brasil ou Arxentina a baixo prezo e con menores estándares de calidade.
Cúmprense 25 días de tractoradas en Ourense, coa N-120 cortada ao tráfico
No outro dos epicentros das protestas en Galicia contra Mercosur, en Ourense, os agriculores e gandeiros que se concentran desde antes do Nadal móstranse tamén satisfeitos co freo decretado onte en Estrasburgo, pero de momento non desconvocan as mobilizacións, á espera de avances concretos.
Compás de espera
Este mércores, o Parlamento Europeo aprobou nunha axustada votación, que contou con 334 votos a favor, 324 en contra e 11 abstencións, unha resolución que supón a paralización temporal da ratificación do acordo con Mercosur para que sexa estudiado pola Xustiza europea por se fose incompatible con outros tratados e normas da UE.
“A Eurocámara decide así enviar o acordo asinado o pasado 17 de xaneiro pola Comisión Europea e os países do Mercosur en Asunción (Paraguai) ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea polas dúbidas que suscita a súa compatibilidade co dereito comunitario. É algo que xa se tiña que ter feito antes, agora ralentízase o proceso pero o resultado é impredecible”, alerta Noelia Rodríguez, avogada e presidenta de Agromuralla.
O ditame do alto tribunal europeo podería tardar entre ano e medio e dous anos, pero a Comisión Europea podería solicitar mentres a entrada en vigor provisional do acordo xa asinado e que queda agora pendente da súa ratificación ou rexeitamento definitivo por parte do Parlamento.
Unha pequena vitoria nun longo camiño
“É unha pequena vitoria nesta batalla que estamos librando en defensa da soberanía alimentaria e en contra intereses que nada teñen que ver coa alimentación e saúde da poboación”, afirma a presidenta de Agromuralla, formada sobre todo por explotacións leiteiras e que foi unha das organizacións de produtores convocantes das protestas en Lugo.
As mobilizacións convocadas “a rebufo” polos sindicatos agrarios para a vindeira semana “chegan tarde”, di, e son “un simple paripé e unha mostra máis de cinismo, pois algúns dos que van saír á rúa móstranse abertamente a favor do tratado con Mercosur”, denuncia. “As protestas non poden cesar; temos que continuar facendo presión para que a nosa menxaxe chegue aos eurodiputados e aos sindicatos agrarios, que son os que nos teñen que escoitar e nos deberían representar”, asegura.
Grazas ás mobilizacións, agora hai moita máis información por parte da cidadanía e os consumidores das consecuencia deste acordo
Pola súa banda, Santiago Rego, presidente da outra das entidades convocantes, a asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que aglutina aos produtores de carne da provincia, pon o foco na labor de “concienciación da cidadanía e do consumidor”. “Agora, grazas ás mobilizacións, hai moita máis información das consecuencia deste acordo”, di.
Considera que a votación favorable ás súas demandas este mércores no Parlamento Europeo é “un balón de osíxeno” que abre “un período de reflexión” en Europa pero non “o fin do acordo comercial” polo que di que “hai que seguir mobilizándose”, aínda que cambiarán a presenza continua que tiveron estas dúas semanas diante da Xunta en Lugo por “accións puntuais en días concretos” para conseguir o obxectivo final: “vetar este tratado”.
“Coa forza das protestas levadas a cabo en lugares como Lugo ou Ourense o que quedou claro é que os agricultores e gandeiros, o medio rural e a cidadanía en xeral están en contra deste tratado” e retou a sindicatos como Unións Agrarias, que se teñen mostrado a favor do acordo con Mercosur, “a que convoquen unha mobilización para defender a sinatura deste tratado e ver cal é o resultado”.
Outras frontes: dermatose e PAC
A decisión de Estrasburgo de remitir o acordo con Mercosur ao Tribunal de Xustiza da UE foi recibida con satisfacción tamén pola Asociación do Sector Primario de Galicia, organizadora das protestas en Ourense, que cumpren xa 25 días e onde, sen embargo, polo momento non se desconvocan as mobilizacións.
Os agriculores e gandeiros que se concentran en Ourense móstranse satisfeitos co freo da Eurocámara a Mercosur pero non desconvocan as mobilizacións
A estrada N-120 ao seu paso pola capital das Burgas permanece cortada ao tráfico por uns 80 tractores, logo de térense cumprido xa 25 días de protestas e os manifestantes seguirán concentrados diante da Subdelegación do Goberno á espera de avances concretos ás súas reivindicacións, que inclúen tamén cuestións como a dermatose nodular contaxiosa ou os recortes previstos na futura PAC para o período 2028-2034.
Os manifestantes de Ourense queren conseguir unha reunión co ministro de Agricultura, Luis Planas, antes de retirarse
Entre outras cuestións, desde a Asociación do Sector Primario de Galicia, que dá acubillo no seu seo a agricultores da comarca da Limia e a gandeiros de vacún de carne de zonas como o Macizo Central ourensán, solicitan a vacinación da cabana gandeira contra a dermatose como unha medida que evite os sacrificios masivos de animais e o baleirado sanitario das explotacións en caso de que a enfermidade chegue a Galicia.
Os produtores ourensáns queren conseguir unha reunión co ministro de Agricultura, Luis Planas, antes de retirarse. Miguel Gómez, voceiro dos manifestantes, valorou ademáis a importancia que tiveron as mobilizacións para que a cidadanía coñeza as súas demandas.
Galego









Control OJD