Levan á Valedora do Pobo a inmobilización dun cebadeiro de Narón durante 6 meses

O Sindicato Labrego considera que o bloqueo do cebadeiro por parte da Xunta é “arbitrario” e pide unha rápida resolución do caso. A paralización orixinouse por un positivo por tuberculose nunha granxa de vacas nutrices da mesma propietaria, ubicada a 3 quilómetros

Levan á Valedora do Pobo a inmobilización dun cebadeiro de Narón durante 6 meses

Imaxe da explotación. / Fonte: Sindicato Labrego.

María Jesús Otero é titular de dúas explotacións gandeiras en Narón, unha pequena granxa de vacas nutrices e un cebadeiro de xatos, ubicado a 3 quilómetros da granxa. Na campaña de saneamento, que pasou en xaneiro deste ano, todo transcurriu ben, pero en marzo, cando María Jesús incorporou unha vaca de Cantabria á granxa de vacas nutrices, este animal dou positivo en tuberculose, proba que se confirmou despois en matadoiro. Fíxose entón o baleirado sanitario da granxa de vacas e desde entón, as súas dúas explotacións están inmobilizadas.

O Sindicato Labrego considera incomprensible que a Xunta inmobilizara o cebadeiro e que ademais manteña o seu bloqueo seis meses despois. Para a organización agraria, trátase dunha decisión “arbitraria”, polo que decidiu denunciar o caso ante a Valedora do Pobo, pois entende que se lle está a causar un grave prexuízo económico á familia afectada, “sen motivo xustificado”.

A cuestión de fondo é que o cebadeiro é unha instalación illada da granxa de reprodución, polo que a propietaria entende que nunca debeu ser inmobilizada. A granxa de vacas nutrices, no momento do baleirado, tiña cinco animais que foron sacrificados, unha decisión a do sacrificio que a propietaria tamén cre que foi excesiva, pois sostén que o animal mercado en Cantabria mantívose illado dos outros desde a súa compra (3 de marzo) ata que se lle fixeron as probas de saneamento e deu positivo (24 de marzo).

En calquera caso, fíxose o baleirado da granxa e a última petición presentada para levantar a inmoblización das explotacións, hai tres meses, aínda non foi resolta por Medio Rural, o que leva ó Sindicato Labrego a recurrir ante a Valedora do Pobo.

Máis información
Medio Rural sostén que o cebadeiro inmobilizado en Narón ten relación epidemiolóxica cun caso de tuberculose.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información