Lely organiza o próximo día 12 de decembro unha xornada de portas abertas na gandaría Casa da Corte, no municipio coruñés de Dumbría, e máis concretamente na parroquia de Olveira. A xornada comezará ás 10 da mañá e terminará sobre as 5 da tarde. Ao mediodía servirase unha comida para todos os asistentes, onde poderán xantar polbo e carne ó caldeiro.
Esta xornada organizada por Lely está patrocinada ademais por Global Genetics, Piensos Norgasa, Arquitectura e Enxeñaría Rodríguez, Capelo, SL (concesionario Deutz) e Allflex (SenseHub).
Durante a xornada festiva, a xente que se achegue até esta explotación gandeira poderá ver os 3 Lely Astronaut A5 que teñen en funcionamento, e o seu arrimador de comida Juno Flex.
Una das características principais desta granxa da Coruña é que o tres robots Lely Astronaut A5 traballan no mesmo lote. As máis de 150 vacas en muxido teñen o tres robots a disposición para decidir en cal seren muxidas a cada momento do día.
Gumersindo Otero Lema, un dos socios desta explotación, explica que “notamos moito cambio desde que puxemos os robots, antes nunca librabamos porque sempre tiñamos que estar pendentes das vacas e do traballo diario”. Anteriormente contaban para facer o muxido cunha sala de 12 puntos que “dábanos moito máis traballo”, comenta o gandeiro. Agora “o traballo organízase doutra maneira, cunha persoa chega para facer os labores diarias, cambiounos moito a vida, isto é un mundo aparte”, afirma Sindo.
Este gandeiro coruñés destaca que desde que instalaron os robots “cada vaca leva o seu ritmo e non tes ningún tipo de tensión no animal”. A sala de muxido para Otero Lema é “moito máis sacrificada”.
En canto á produción, en Casa da Corte notaron moita diferenza. “Antes estabamos a dúas muxiduras na sala, cunha media de 34 litros e agora estamos nos 40 litros por vaca e por día no robot”, comenta Sindo. As vacas para o gandeiro “están moito mellor, máis tranquilas e sen presión, é moi diferente”.
Esta granxa de vacas de leite ten un lote único de animais para o tres robots. “Temos unha nave de 80 metros de longo con tres filas de cubículos na que adaptamos o deseño á perfección, dous robots en terceira fila (con área de separación) e un na cabeza. Os corredores son amplos e as vacas móvense moi ben por toda a granxa”, destaca o gandeiro.Nesta granxa contan con dous empregados, e a maiores traballan Sindo e a súa muller. “Con dúas persoas aquí chega perfectamente, porque non é só atender aos animais, nunha gandaría sempre hai moitas cousas que facer”, comenta o gandeiro.
Casa da Corte SC está orientada cara ás vacas Procross desde fai uns cuantos anos, aínda que tamén teñen vacas frisoas. “Gústanme moito os cruces, porque as vacas son máis áxiles e teñen máis enerxía e durabilidade. Agora mesmo teño o 50% do rabaño Procross e o resto frisoa, pero vou seguir tirando cara os cruces porque dannos un gran resultado”, comenta Sindo.
Outra particularidade desta granxa do municipio de Dumbría, na parroquia de Olveira é que sempre “buscamos touros de produción e sempre con A2A2, temos todo o rabaño con esa xenética, é un valor engadido máis para nós”, asevera Otero Lema.
A ración das vacas de leite está formada por 30 quilos de millo, 12 de herba e 7 de penso, e outros 7 quilos de penso no robot. “Antes na sala tiñamos codatron e faciamos punteo aos animais”, asegura Sindo, que tamén destaca que “agora mesmo estou a producir máis litros de leite e metendo menos penso que o que metiamos antes. A xente moitas veces pensa que as vacas van comer máis penso por teren robot e aquí foi ao contrario, porque dan máis leite e están moito mellor”.