A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Lely organiza o próximo 12 de marzo unha xornada de portas abertas en Gandería Chancela, en Palas de Rei

FOTO 2 lely chancelaLely organiza o vindeiro xoves 12 de marzo unha xornada de portas abertas en Gandería Chancela (San Xorxe de Augas Santas, Palas de Rei). A xornada comezará ás 11 da mañá e terminará ás 17 horas.

Gandería Chancela conta con 4 robots de muxido Lely Astronaut A5, 2 Lely Collector C2 para a limpeza dos seus patios, un arrimador de comida Lely Juno 150 e 2 cepillos Lely Luna.

Como xa é habitual á hora da comida haberá polbo e carne ou caldeiro para todos os asistentes. A xornada, organizada por Lely, ten a colaboración de Aira, Galical, Allflex, Agrícola Noroeste e Servizos Gandeiros Muiña.

Ao comezo da xornada haberá unha visita moi especial dos máis pequenos, xa que as clases dos nenos de 3 e 4 de primaria do CEIP Plurilingüe de Palas de Rei farán a súa particular visita a unha granxa de referencia na zona.

Á fronte da explotación atópase José Antonio Serén Blanco, terceira xeración dunha familia dedicada á gandería. “Esta granxa vén de moi atrás. Primeiro foron os meus avós os que empezaron, despois colleron o relevo os meus pais e eu incorporeime no ano 2001, que foi cando se fixo a granxa que temos hoxe en día”, explica.

FOTO 5 lely chancela

Desde entón, a evolución foi constante. En 2012 realizaron unha primeira ampliación e en 2024 culminou cunha nova expansión, aumentando as instalacións tanto en anchura como en lonxitude para adaptar a nave ás necesidades actuais do rabaño e á incorporación de novas tecnoloxías.

Unha aposta progresiva pola automatización

O primeiro paso cara á automatización chegou en 2015 coa instalación do arrimador de comida Lely Juno 150, unha experiencia que José Antonio cualifica como “moi boa” e que marcaría o inicio dunha transformación máis profunda.

Menos dun ano atrás, a granxa deu o salto definitivo á robotización do muxido coa incorporación de catro unidades dos Lely Astronaut A5 e a implementación do sistema de tráfico libre. “Nós buscamos que as vacas se muxan soas o maior número de veces posible ao día. Por iso apostamos polo tráfico libre e polo Astronaut A5”, sinala.
Aínda que o arranque esixiu dedicación para adaptar aos animais ao novo sistema, a satisfacción é total: “Dedicámoslle moito tempo ao principio para afacer ás vacas, pero estamos máis que satisfeitos. Adaptáronse máis rápido elas que nós”.

Actualmente a explotación muxe unhas 180 vacas, co obxectivo de non superar as 200 en produción, unhas 50 por cabina, para manter un equilibrio óptimo. A media de produción sitúase en 43-44 litros por vaca e día, cunha destacada frecuencia de muxido de entre 3,7 e 3,8 muxidos diarios por animal.

FOTO 3 lely chancela

José Antonio destaca ademais como esta frecuencia inflúe na estratexia reprodutiva: “Non nos apuramos a inseminar, porque con tantos muxidos ao día as vacas aguantan moito máis en produción, ou ese é o meu punto de vista”.

Más eficiencia, máis tempo e mellores condicións de traballo

Tras a incorporación dos robots de muxido, a aposta pola automatización continuou coa instalación de dúas unidades do sistema de limpeza Lely Collector C2, mellorando as condicións hixiénicas dos patios e contribuíndo ao benestar do rabaño.

Na actualidade, tres persoas traballan na explotación, xestionando o día a día con maior eficiencia. “O traballo cos robots é moito menor, temos máis tempo para dedicarnos a outras cousas e mellorar aspectos da granxa”, afirma o gandeiro.

A confianza na tecnoloxía foi clara desde o principio: “No seu momento non o dubidei. Tiña claro que quería Lely e non mirei nada máis. Ademais da granxa, temos unha empresa de servizos e os comentarios sobre o robot e a marca non podían ser mellores”.

Inicialmente, José Antonio optara por tres unidades de muxido, pero pronto decidiu incorporar unha cuarta para mellorar a frecuencia de muxido e o confort do gando. “Démonos conta de que as vacas estarían mellor con catro, e así foi”.

Un modelo de futuro para o sector lácteo galego

A experiencia de Gandería Chancela reflicte como a robotización, ben planificada e dimensionada, non só incrementa a eficiencia produtiva, senón que mellora a calidade de vida do gandeiro e o benestar dos animais.

A xornada de portas abertas permitirá á xente que se achegue coñecer de primeira man un modelo que combina tradición familiar, visión empresarial e tecnoloxía avanzada, consolidando a esta explotación de Palas de Rei como un referente na modernización do sector lácteo en Galicia.

FOTO 4 lely chancela

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *