Leite Noso faise en firme coas marcas Deleite e Muuu

O xulgado mercantil de Lugo volve a adxudicarlle á firma os nomes comerciais usados pola antiga Alimentos Lácteos

Leite Noso faise en firme coas marcas Deleite e Muuu

Deleite, marca da antiga Alimentos Lácteos, volverá ós supermercados nos próximos meses.

A sociedade Leite Noso, constituida por unha trintena de gandeiros galegos, fíxose en firme coas marcas Deleite e Muuu nunha subastilla celebrada no xulgado mercantil de Lugo. A firma xa lograra a adxudicación de ambas marcas con anterioridade, pero un recurso de Casa Macán obrigou á repetición do proceso. Finalmente Macán optou nesta ocasión por non presentar oferta, en base a disconformidades coas formas de pago, e Deleite e Muuu, nomes comerciais da desaparecida Alimentos Lácteos, fóronlle adxudicados a Leite Noso por un importe de 670.000 euros.

Leite Noso solventará agora os últimos trámites administrativos e pretende iniciar o proceso de produción nos próximos meses, para o que ten un preacordo con Logística Alimentaria, propietaria da antiga factoría de Alimentos Lácteos en Outeiro de Rei.

Subvencións a industrias lácteas

Doutro lado, Medio Rural concretou onte no Parlamento como se rexirán as liñas de axudas a industrias lácteas no periodo 2015-2020. A idea da Consellería é priorizar o apoio á produción de derivados lácteos de maior valor engadido que o envasado de leite líquido, segundo anunciou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, no Parlamento. Ulloa explicou tamén que as axudas do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2015-2020 para industrias lácteas dirixiranse ó conxunto de empresas do sector, a diferenza do periodo 2007-2015, cando as subvencións só foran para pymes e empresas intermedias, pero non para grandes empresas.

Durante os últimos 8 anos, Medio Rural apoiou 171 proxectos de investimento nas industrias lácteas por importe de 37 millóns de euros en base ás axudas do PDR. Tamén financiou con fondos propios investimentos en grandes empresas como Puleva, Capsa ou Leche Celta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información