Leite Noso faise coas marcas comerciais de Alimentos Lácteos

A CIG amosa a súa sorpresa pola ausencia da empresa e agarda que se cumpran os compromisos laborais cos extraballadores/as. A sociedade Leite Noso constituíse hai 21 días e ten o seu domicilio no polígono industrial de Costa Vella, en Santiago de Compostela.

Leite Noso faise coas marcas comerciais de Alimentos Lácteos

O Xulgado do Mercantil de Lugo acordou adxudircarlle á empresa Leite Noso as dúas marcas comerciais da malograda Alimentos Lácteos (Deleite e Muuu), por un importe de 670.000 euros.

O Secretario Comarcal da Federación de Alimentación da CIG en Lugo, Christian López Carmona, amosou a súa sorpresa pola non comparecencia no Xulgado de ningún representantes dos poxadores. Ademais, lembra que inicialmente a administración concursal estabeleceu uns requisitos que tiñan en conta compromisos laborais cos principais afectados polo proceso concursal en Alimentos Lácteos, os traballadores e traballadoras. “Malia isto, non compareceron ningún dos licitantes, Lácteos Casa Macán e Leite Noso, polo que non se presentaron as fianzas de 70.000 euros nin os respectivos avais para garantir o comprometido en tal proceso de poxa”, matiza.

Compromiso de contratación de ex-traballadores/as de Alimentos Lácteos

Toda vez que as partes non comparecen, Leite Noso comunicou que mantiña a proposta inicial (máis elevada que a de Casa Macán), polo fican adxudicadas á mesma as marcas por importe de 670.000 euros, mediante unha periodificación de pagos en 3 anos e pendentes das garantías de cobro, avais bancarios para o caso de impago dos vencementos.

A proposta de Leite Noso, engade López Carmona, inclúe un acordo coa planta de Outeiro de Rei, antigamente de Leche Pascual, para comprometer á contratación exclusiva de extraballadores/as de Alimentos Lácteos para a maquila, fabricación e envasado que encomende Leite Noso.

O representante sindical amosouse sorprendido polo modus operandi dos licitantes, non comparecendo, o que podería estar relacionado coa intención de non elevar o gasto polas referidas marcas, “tendo en conta que durante o proceso de poxa se persona a representación de cooperativas que forman parte de un ou de varios dos proxectos que deberían de licitar no proceso fixado para hoxe, caso de Mopán”.

Leite Noso, unha sociedade constituída hai 21 días

Tamén está por ver se a que será propietaria, “realmente operará a maquila, fabricación e/ou envasado na factoría de Outeiro de Rei, pois estes serán os únicos nexos posíbeis para garantir novas contratacións do antigo persoal de Alimentos Lácteos”.

“Canda as garantías suficientes do Leite Noso, veremos se esta actuación obedece á materialización dunha vontade do proceso transformador do leite ou a unha estratexia de, definitivamente, eliminar a posibilidade dunha arma arroxadiza entre as empresas transformadoras”, subliña.

Leite Noso é unha sociedade que se constituíu hai 21 días, o 28 de agosto, no Rexistro Mercantil da Coruña cun capital de 3.000 euros. Esta domiciliada no Polígono de Costa Vella, en Santiago de Compostela, e como administradora figura Patricia Sánchez Lorenzo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información