A lei europea contra a ‘importación de deforestación’ terá impacto nas materias primas dos pensos galegos

Os fabricantes de alimentación animal analizan nunhas xornadas as consecuencias da norma. O sector defende as medidas de autocontrol, coas que aspiraban a chegar no 2030 a un 100% de penso libre de deforestación. A nova normativa, sen embargo, obrigará desde este ano a cambiar os criterios de compras ó exterior

A lei europea contra a ‘importación de deforestación’ terá impacto nas materias primas dos pensos galegos

A lei aprobada o pasado mércores, 19 de abril, polo Parlamento Europeo para evitar as importacións de materias primas e derivados que xeren deforestación en terceiros países, elevou a preocupación dos fabricantes de pensos galegos, que levan tempo advertindo de que a medida pode traducirse nunha subida de prezos nun momento onde o custo dos cereais é preocupante.

Así se expuxo esta mañá na “XV Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis” organizada pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) á que asistiron máis de 60 expertos e representantes do sector e que foi inaugurada polo director da entidade, Bruno Beade.

A nova norma, que agora debe ser publicada no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) e que probablemente entrará en vigor o próximo mes de maio, prohibe a comercialización de produtos procedentes de zonas en risco de deforestación, entre os que se inclúe unha parte do aceite de palma ou da soia que se emprega nos pensos. Isto esixe novos requisitos de rastrexabilidade e datos de xeolocalización de cada explotación de orixe de produción da materia prima.

O sector dos pensos calculaba o ano pasado que a maior parte das importacións de materias primas estaban libres de deforestación, pero admitía que había dúbidas sobre unha parte delas, por exemplo sobre o 29% das importacións de soia do Brasil. Co seu programa de autocontrol, os fabricantes de penso esperaban chegar ó 2030 cun 100% de compras de soia sostible, pero a nova norma obrigará a que iso suceda xa este ano.

Un contexto de máximos históricos

O sector considera que a lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados, á vez que lembran que xa se promocionan prácticas de produción responsable, como no caso da soia sostible.

Neste aspecto, Ana Hurtado, da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Cesfac), explicou na súa intervención nas xornadas os principais puntos da nova norma e tamén as preocupacións do sector.

A lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados

Así, fixo fincapé no compromiso dos fabricantes de pensos coa sustentabilidade e o uso de fontes de proteína sostibles (palma e soia) para unha subministración responsable de pensos compostos. Con todo, asegurou que o novo regulamento “converte o compromiso nunha obrigación” polo que destacou a necesidade de entender “a trasposición da norma e os mecanismos de control”.

Así mesmo, a experta advertiu de cuestións como problemas para o cumprimento dos requisitos legais por causas alleas á industria, falta de aprovisionamento por desvío cara a outras áreas cunha lexislación menos esixente e menor competitividade do sector por incremento dos prezos.

Lei de Envases

Pola súa banda, Paloma Sánchez, directora de Competitividade e Sustentabilidade na Federación Española de Alimentación e Bebidas (FIAB) disertou no seu relatorio sobre as obrigacións dos fabricantes de pensos con respecto ao Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, mentres que Juan Gómez Apesteguía, responsable da área de Seguridade Alimentaria nas Produccións Gandeiras da Xunta, expuxo as melloras introducidas nas inspeccións oficiais.

Os protocolos de análises das materias primas e o manexo dos kits de control foron abordados por Gerardo Fernández e Carlos Martínez, xefe da Unidade de Técnicas Cromatográficas dos Servizos de Apoio á Investigación (SAI) da UDC e experto na empresa DSM.

Europa esixirá soia libre de deforestación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información