Lei de Recuperación da Terra Agraria: escenario e retos no día 0

A normativa, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, entra mañá en vigor co obxectivo de revertir o abandono. Nas últimas tres décadas, calcúlase que Galicia perdeu máis de 150.000 hectáreas de terras agrarias

Lei de Recuperación da Terra Agraria: escenario e retos no día 0

Montes do Macizo Central de Ourense afectados por lumes. / Arquivo.

A Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia xa está en marcha. Nace cun obxectivo ambicioso, como é o de “poñer a producir terras abandonadas e aportarlle base territorial suficiente ás explotacións que o precisan”, en palabras do conselleiro do Medio Rural, José González.

O reto non é pequeno, como proban os datos. Nas últimas tres décadas, calcúlase que Galicia perdeu máis 150.000 hectáreas de terras agrarias. É unha superficie que en parte quedou no abandono, a mato ou colonizada por frondosas caducifolias, e noutra parte foi ou forestada ou urbanizada.

En parello ó abandono, que se rexistrou sobre todo nas comarcas do interior galego con menor peso agrícola, as necesidades de terra das comarcas gandeiras continúan sen cubrir. Só as granxas de leite precisarían arredor de 35.000 hectáreas adicionais, segundo calcula o Plan Estratéxico do Sector Lácteo de Galicia.

Mostra do interese que hai por acceder a novas terras, tanto con fins agrícolas como gandeiros ou forestais, son os máis de mil proxectos que se presentaron á iniciativa de Medio Rural para solicitar fondos Next Generation orientados a mobilizar terras abandonadas.

Como afrontar ese dobre reto de frear o abandono e de poñer terras a disposición do agro?.

A Lei de Recuperación de Terra Agraria preséntase co principal obxectivo de ampliar os instrumentos para mobilizar a terra. En palabras do conselleiro do Medio Rural, que interviu hoxe nunha xornada sobre a nova normativa, “a Lei é unha caixa de ferramentas para poñer en valor a terra”.

Os novos instrumentos que ofrece, xa coñecidos, son os seguintes:

  • Banco de Explotacións. A maiores do Banco de Terras, que se pretende fortalecer, créase un banco de explotacións para que os produtores que se xubilen e carezan de relevo poidan arrendar ou vender as súas instalacións, parcelas e maquinaria. A función do Banco sería a de intermediar entre oferta e demanda, pero os posibles acordos terían que pactarse de xeito voluntario e privado entre as dúas partes.
  • Polígonos agroforestais: Os polígonos agroforestais poderán ser promovidos por iniciativa publica ou privada co obxectivo de recuperar terras en estado de abandono. En ambos casos precísase dispoñer dun acordo maioritario das persoas titulares, que representarán un mínimo do 70% das terras incluídas no polígono agroforestal. Exceptúase desa obriga o polígono cortalume, un tipo de iniciativa orientada á prevención de incendios e que só poderá ser de promoción pública.

    En xeral, para a promoción dun polígono agroforestal, polo menos un 50% das terras deberán estar en abandono ou infrautilizadas. Se se trata dunha iniciativa privada na que entre unha explotación agraria activa, para o cálculo non se contabilizarán as terras traballadas desa explotación que se inclúan no perímetro.

    De cara a reducir o minifundio das parcelas, nos polígonos agroforestais poderán levarse a cabo proxectos de reestruturación da propiedade para asegurar un tamaño mínimo de parcelas. A superficie mínima de actuación será de 10 hectáreas.

  • Agrupacións de xestión conxunta agrarias ou forestais: Poderán ser promovidas por asociacións sen ánimo de lucro, cooperativas, sociedades civís, Sat, sociedades mercantís ou Sofor (no caso das agrupacións forestais). As agrupacións agrogandeiras de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas. O obxectivo é facilitar o aproveitamento conxunto das parcelas, sen facer unha reestruturación da propiedade. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 por cento da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa.
  • Aldeas modelo: Os concellos interesados na declaración dunha aldea modelo no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude acompañada dunha proposta de perímetro e da documentación xustificativa de que dispoñen do acordo dos 70% dos propietarios do perímetro proposto. O obxectivo é dinamizar a actividade agraria arredor dos núcleos de poboación, de xeito que esas terras actúen de cortalumes en caso de incendio forestal.

O conselleiro do Medio Rural, José González destaca que todos estes instrumentos “ofrecen seguridade xurídica, baséanse na voluntariedade e proporcionan un beneficio económico para os propietarios das terras”.

Investigación da propiedade
No marco dos proxectos de mobilización de terras, todas aquelas superficies que sexan de propietario descoñecido someteranse a un proceso de investigación da propiedade. En tanto non apareza propietario, a Xunta estará facultada para arrendalos durante 10 anos. Se pasado ese prazo, non se producise reclamación sobre a súa titularidade, esta pasará á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Inicialmente estaba previsto que as terras pasasen á propiedade da Xunta ós 5 anos, pero unha enmenda do grupo socialista ampliou a dez anos o prazo. O conselleiro destacou que a Xunta aceptou arredor de 300 enmendas dos grupos da oposición, polo que considerou que é unha norma “moi traballada”.

Polémica sobre o Catálogo de usos da terra

A entrada en vigor da Lei de Recuperación de Terra Agraria completarase nos próximos anos cun Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Ese catálogo, que prevalecerá sobre calquera Plan Xeral ou clasificación previa, determinará os usos de toda a terra da comunidade.

Entre tanto non se elabora o Catálogo, os actuais usos da terra quedan bloqueados. É dicir, o solo de especial protección agropecuaria ou forestal manterá eses usos, en tanto o solo rústico ordinario manterá o seu uso actual, non podendo variarse a outro uso, salvo no caso de antigas terras agrícolas que se queiran recuperar do abandono. É dicir, se un solo rústico ordinario é na actualidade agrícola non poderá ter uso forestal.

O bloqueo da actual clasificación de usos da terra preocupa ó sector forestal, pois é partidario de que se permitan forestar solos rústicos abandonados

A normativa preséntase en principio como garantista dos usos agrarios do solo, se ben desde o BNG manifestouse o temor de que a Lei de Recuperación de Terra Agraria estea ó servizo de aumentar a superficie para o sector forestal.

Distinta é a óptica desde o sector forestal, onde ven preocupante o bloqueo da actual clasificación de usos da terra, pois entenden que onde non exista demanda agraria, sería lexítimo que houbese flexibilidade para forestar solos rústicos que agora quedan abandonados, tanto solos rústicos de especial protección agropecuaria como solos rústicos ordinarios.

En relación coa ordenación de usos, tamén se prevé elaborar un mapa de usos agroforestais, no que se terá en conta a información do Sixpac e do inventario forestal continuo de Galicia, así como as observacións de campo onde sexa preciso.

Antes da aprobación do Catálogo, este terá que pasar por unha Comisión de Xestión das Terras Agroforestais, un novo órgano consultivo da Administración no que participarán representantes de cooperativas, organizacións agrarias e sector forestal.

Tamén está prevista a creación dunha Comisión de Prezos e Valores da Terra para fixar os prezos de referencia do Banco de Terras.

A prohibición de novas plantacións de eucalipto entra en vigor o 3 de xullo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información