Leche Río pechou 2020 cunha facturación de 139 millóns de euros e un incremento do persoal do 6%

Durante o pasado ano o grupo lácteo procesou un total de 222 millóns de litros de leite, procedentes das 435 explotacións. A empresa mantivo no campo volume de recollida de leite e prezos

La nueva imagen del grupo luce ya en sus plantas de O Ceao

Planta do grupo Lence no polígono do Ceao, en Lugo

O Grupo Lence pechou o ano 2020 cunha facturación de 139,2 millóns de euros, 3 menos que o ano anterior, e un Ebdita de 0,5 millóns, cifras por baixo do previsto a comezos de ano cando non se albiscaba a crise xerada pola pandemia. A pesar diso, o comportamento do grupo mantívose “en certa medida equilibrado”, en palabras da súa CEO, Carmen Lence, quen destacou á súa vez o forte compromiso do persoal nesta situación tan complexa e o da compañía co sector e o emprego.

A empresa aposta pola creación de emprego e incrementou persoal en plena pandemia

Do mesmo xeito ca outras empresas do sector de alimentación, a principal causa da diminución na facturación da compañía débese á caída abrupta da canle Horeca, que significou no caso de Lence unha redución da facturación de máis de 3 millóns de euros pola situación de peche vivida polo sector turismo e hostaleiro durante máis de medio ano. Iso impediulle á compañía executar os plans de expansión comercial e crecemento que tiña para o ano 2020.

A diminución na facturación en máis de 3 millóns de euros debeuse á caída abrupta da Canle Horeca durante practicamente todo o 2020, pero no primeiro semestre de 2021 alcanzáronse xa cifras de venda similares a 2019

Para este exercicio, e a pesar de que a previsión con respecto á pandemia non é do todo optimista, os datos económicos melloraron respecto ao ano precedente e a evolución prevese á alza pese ao contexto da canle Horeca que, segundo os diferentes indicadores, tardará aínda en recuperar os datos prepandemia. Así, no primeiro semestre de 2021 igualáronse os datos de venda de 2019, grazas ao gran crecemento na alimentación e na canle distribución.

Exportacións a China e Guinea Ecuatorial

“Nun ano 2020, no que se acusou unha baixada de prezos a nivel europeo, o grupo Lence, a través das súas diferentes marcas, mantivo o seu compromiso co rural galego, concretamente coas explotacións agrarias ás que seguiu recollendo a totalidade do leite ao prezo establecido a pesar da redución do mercado, pagando un prezo que se sitúa por riba da media de Galicia”, destaca a compañía nunha nota de prensa.

O grupo lácteo procesou un total de 222 millóns de litros de leite procedentes de 435 explotacións

Durante o 2020, o grupo lácteo procesou un total de 222 millóns de litros de leite, procedentes das 435 explotacións agrarias familiares provedoras, que se destinaron ao mercado nacional e ao internacional, con dúas novas incorporacións (China e Guinea Ecuatorial), chegando así a ter presenza en sete países.

Novos produtos e envases

Durante o pasado exercicio, o grupo Lence lanzou ao mercado catro produtos e procedeu á posta en marcha de envases sostibles en Leyma, ao que se sumaron neste primeiro semestre os da marca Rio de Galicia. Un camiño de innovación e sustentabilidade que se manterá neste ano no que xa se puxo no mercado o leite de pastoreo, ao que seguirá nestas semanas o leite ultrafiltrado e aos que se sumarán outras novidades tralo verán.

Nas próximas semanas sairá ao mercado o novo leite ultrafiltrado, ao que se sumarán outras novidades despois do verán

En materia de emprego, desde a compañía mantívose o impulso na creación de postos de traballo, cun incremento neto dun 6%, unha evolución á alza no que levamos de 2021. Doutra banda, destaca o investimento de case dous millóns de euros destinados á adquisición de novos equipos para a mellora da capacidade produtiva das factorías e a posta en marcha de novas aplicacións e ferramentas destinadas ao desenvolvemento de produto.

Obxectivos 2021
Ademais de mellorar as cifras de venda da compañía, o 2021 marca un cambio estratéxico, cunha planificación onde sustentabilidade, innovación e ampliación de mercado a nivel nacional e internacional son os principais eixos.

Neste sentido, a aposta por envases sostibles, con menos plástico, de doada reciclaxe e con menor pegada de carbono é só unha parte do camiño emprendido pola compañía para avanzar na economía circular.

En 2020 e 2021 destinaranse 5 millóns de euros a investimentos para a adquisición de equipos innovadores dirixidos a mellorar a capacidade produtiva das factorías e ao desenvolvemento de novos produtos

Exemplo diso é tamén o proxecto Riazor que, presentado conxuntamente coas compañías Norvento e Agroamb, ten como obxectivo xestionar os residuos agroalimentarios para producir biogás. O esforzo investidor continuará, para o que se prevén máis de 3 millóns de euros en nova maquinaria industrial, novos procesos e o desenvolvemento de novos produtos cun forte compoñente de innovación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información