Co leite subindo fortemente en Europa, nun momento no que a cotización da manteiga se sitúa en niveis históricos, por enriba dos 8.500 euros a tonelada en Alemaña, e o leite spot en Italia, considerado o referente en relación a demanda de leite líquido, situado este luns en 65 céntimos en Milán e 66 en Verona, cabe unha subida do prezo do leite no campo a curto prazo, igual que aconteceu no outono de 2022?
Esta foi a pregunta trasladada este martes por Campo Galego á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e á presidenta de Leite Río, Carmen Lence, no transcurso dunha visita institucional a unha das dúas plantas de envasado que a empresa galega ten no Ceao, en Lugo.
A primeira en responder, Carmen Lence, deixou a porta aberta a revalorizar os contratos asinados antes do seu vencemento na primavera. “Pode ser que si”, afirmou, aínda que freou as espectativas de que esta posible suba de prezo sexa inminente. “Está aumentando a produción e vimos de prezos máis altos ca en Europa, agora estamos máis ou menos á par”, asegurou.
Carmen Lence abre a porta a subir o leite se o resto de industrias tamén o fan cando renoven contratos no mes de decembro
A media do conxunto de países da UE situouse en agosto en 46,8 céntimos, máis tense producido desde entón, nos últimos dous meses, unha forte revalorización en países como Holanda. En Galicia o leite estase a pagar neste momento, de media, por baixo dos 45 céntimos, cando noutras comunidades como Asturias, Castela e León, Cataluña ou Andalucía se sitúa no entorno dos 50 céntimos.
A responsable do Grupo Lence móstrase, en todo caso, disposta a revalorizar os contratos asinados por Leite Río e Leyma, que non vencen até o 1 de maio e establecen un prezo base de 39,7 céntimos, pero condiciónao ao que fagan as demais empresas, ás que lles toca, na maior parte dos casos, renovar contratos en decembro, agás Lactalis, que asinou até abril.
Leite Río ten pechada a compra de leite até o mes de maio cun prezo base de 39,7 céntimos
“Nós fixemos contratos a longo prazo porque pensamos que é importante para o gandeiro ter unha estabilidade. Temos pechada a compra de leite até o mes de maio, o que non quere dicir que se o prezo sobe, como xa pasou noutras ocasións, nós tamén o subiremos para estar acordes ao mercado. Iremos vendo, pero nós imos estar co mercado”, avanzou Carmen Lence.
Buscar o equilibrio
Considera a conselleira que cabe marxe para subir o leite en Galicia a curto prazo? María José Gómez, a persoa que ten nas súas mans as competencias en materia agrícola e gandeira na comunidade, preferiu non mollarse: “o sector xa respondeu, eu que queres que che diga?”, foi a súa contestación tras escoitar a opinión de Carmen Lence.
“É un sector delicado que sempre ao longo da historia tivo os seus altibaixos e eu aposto sempre polo equilibrio. Se a distribución non lle merca o leite ás empresas a un bo prezo elas tampouco poden subir o prezo aos gandeiros”, xustificou a conselleira, que abogou por unha política de non intervención.
“Se a distribución non lle merca o leite ás empresas a un bo prezo elas tampouco poden subir o prezo aos gandeiros”, di María José Gómez
“Eu encantadísima de que suba o leite, pero hai que manter o equilibrio, esa é unha palabra que me gusta moito. Nin prezos en exceso nin por debaixo dos custos de produción”, dixo, aclarando despois que non é suficiente con cubrir unicamente o gastos das granxas porque “ten que haber unha marxe de beneficio para que os gandeiros poidan apostar por incorporarse os novos e por manterse os que xa están”, dixo.
Que medidas ten previsto adoptar a Consellería para favorecer ese incremento de prezos que garanta a continuidade do sector? “O diálogo é sempre a ferramenta que temos desde a Consellería. O mercado consiste na oferta e a demanda; non podemos as Administracións actuar aí, senón non estariamos onde estamos”, concluíu.
A conselleira defendeu que as industrias deben “manter o equilibrio cos gandeiros” e chegou a asegurar que “non é bo que o leite suba moito”
Por iso, en relación aos prezos, a Xunta prefire manterse como mero observador, tratando de concienciar ao consumidor para que merque o leite máis caro “É un produto de calidade e temos que mentalizarnos os consumidores de pagalo polo que se merece. Eu sempre penso que o leite no supermercado está demasiado barato”, chegou a afirmar.
Suba de 2,5 céntimos de Friesland Campina para outubro
A cooperativa holandesa Friesland Campina, principal empresa láctea dos Países Baixos, vén de subir de golpe 2,5 céntimos o prezo do litro de leite para este mes de outubro, logo de ter aplicado xa outra revalorización de 1,75 céntimos en setembro. Así, o prezo garantido aos produtores holandeses neste mes de outubro é de 53,5 céntimos por litro de leite que produzan cun contido estándar de 4,45% de graxa e 3,58% de proteína para un volume de entregas mensual de 77.000 litros.
En Galicia nós non temos notado un problema de descenso de produción por culpa da EHE
Carmen Lence achacou este incremento de prezos a que “teñen un problema grave coa enfermidade da EHE (Enfermedade Hemorráxica Epizoótica) porque moitos dos gandeiros decidiron deixar de mercar vacas novas e agárdase que haxa unha baixada da produción”, asegurou. Pola contra, en Galicia di que a súa empresa non notou unha baixada substancial da produción este ano como consecuencia da enfermidade. “Nós non temos notado un problema nese sentido e pensamos que a partir de agora, a medida que entramos no inverno, a incidencia da enfermidade diminuirá”, dixo a responsable de Leite Río.
Axudas ás industrias por importe de 195 millóns de euros en 8 anos para que o leite se transforme en Galicia
Na visita deste martes á planta de Leite Río no polígono do Ceao tanto Carmen Lence como María José Gómez insistiron no obxectivo de que o leite galego se transforme na comunidade e a conselleira asegurou que se está xa cerca de lograr o 75% de transformación, a meta fixada pola Xunta de Galicia na Estratexia do Lector Lácteo Galego.
“Leite Río é un símbolo en Galicia”, afirmou a conselleira, que reiterou a “aposta decidida da Xunta de Galicia pola industria láctea e polo sector agrogandeiro”. “Desde a Consellería apostamos por axudar á industrialización do sector e desde o ano 2016 levamos axudado a máis de 600 proxectos con case 200 millóns de euros de subvención que resultaron nun investimento total de máis de 630 millóns de euros neste sector”, detallou.
Leite Río supera os 900.000 litros de recollida diaria
O Grupo Lence pretende seguir aumentando a súa recollida de leite en Galicia, onde supera xa os 900.000 litros diarios, para acabar este ano con 320 millóns de litros de leite envasado nas súas tres plantas, as dúas do Ceao, en Lugo, e a de Arteixo, na Coruña. “Queremos seguir sendo unha empresa relevante, porque se deixas de ser relevante acabas desaparecendo”, asegurou Carmen Lence.
Plantas ao 50% da súa capacidade produtiva
O Grupo Lence realizará este ano investiremos por importe de 6 millóns de euros nunha nova liña de envasado con capacidade para encher 12.000 litros de leite á hora na planta Ceao II e outra na fábrica de Leyma en Arteixo. “Nós estamos sempre investindo en ser máis eficientes, porque hoxe as empresas lácteas vivimos nun mundo tan competitivo que ou invistes ou morres porque se non invistes quédaste atrás”, indicou Carmen Lence. O obxectivo do grupo é “seguir medrando en clientes” e impulsar produtos de maior valor engadido, como a gama Opti milk de leite con proteína. “Nós capacidade de produción temos”, asegurou.
A maior parte do que produce a día de hoxe Leite Río é brick de marca branca para distintas cadeas de supermercados
Durante o percorrido guiado coa conselleira polas instalacións de envasado, o responsable de operacións do Grupo Lence, Jesús García, explicou que a planta Ceao II, a máis grande da empresa, ten unha capacidade de produción de un millón de litros ao día, pero está traballando neste momento ao 50%, unha situación semellante ao das outras dúas plantas, polo que, reiterou, “temos un importante potencial de crecemento, tanto por capacidade das nosas plantas como por rutas de recollida de leite”.