Leche Río fai firme o abandono da recollida en parte das granxas

Unións Agrarias advirte de que pequenas e medianas explotacións de toda Galicia se están a ver afectadas. Pide que non se regularice a planta do Ceao en tanto a industria non garanta unha maior estabilidade para as explotacións

Leche Río fai firme o abandono da recollida en parte das granxas

Leche Río está a comunicar a través dos transportistas o abandono de parte das granxas.

Leche Río está comunicándolle a pequenas e medianas explotacións de toda Galicia que a partir de finais de marzo deixaralles de recoller o leite, segundo advirte Unións Agrarias. Ante esta situación, a organización agraria demanda a intervención da Xunta e pide que “non se faga a vista gorda” coas ilegalidades urbanísticas da planta de Río no Ceao en tanto a industria non garanta unha maior estabilidade para as granxas.

A dimensión do abandono de explotacións por parte de Río aínda non está claro para o sector, xa que a industria optou finalmente por manter a algunhas das ganderías ás que en principio ía deixar. A outras, Río estalles confirmando estes días que a partir do 1 de abril terán que buscar outro comprador, unha vía complicada, dada a saturación do mercado e a escasa dimensión de moitas das granxas que quedan sen recollida.

A empresa asegurara a pasada semana que era falso que fose abandonar a recollida en parte das explotacións, pero as comunicacións que están a trasladar estes días os transportistas de Río non deixan lugar a dúbida.

A nova campaña láctea que se inicia o 1 de abril comeza con perspectivas difíciles. O número de gandeiros que se ven na alternativa de entregar toda a súa produción para leite en po vai en aumento, en tanto arredor dun 20% do leite que moven as cooperativas primeiro compradoras tamén ten que ir para po, ante a falta de mercado, con casos como o de Codegui, onde a totalidade da produción vai para po.

Prezos para a nova campaña
En canto ó leite que se move a prezos de mercado, hai tamén tendencias á baixa. Lactalis, a empresa líder en recollida en Galicia, manterá prezos en abril pero a partir de entón modificaraos en función da evolución dos prezos en orixe en Galicia. A industria gala limitará ademais os volumes a entregar por cada granxa, que deberán ser unha media do recollido nas últimas dúas campañas. O leite que sobrepase ese límite pagarase a 12 céntimos litro.

Outras empresas como Pascual ou Entrepinares, que se mantiñan nos últimos anos no treito alto de prezos, aplicarán baixadas en abril, e aínda quedan industrias por confirmar a súa política de prezos para a nova campaña.

Equilibrio oferta e demanda
O Sindicato Labrego advirte de que só pode pensarse nunha recuperación de prezos cando haxa un restablecemento do equilibrio entre oferta e demanda. A organización considera unha mala noticia que a Comisión Europea non vaia acometer unha regulación pública da produción e sinala a dificultade de que se produzan regulacións a nivel nacional, pois ó tempo que pode haber países nos que se contén a produción, outros aumentarana, cos conseguintes efectos nocivos para o mercado.

Desde o Sindicato Labrego tampouco entenden o recente pronunciamento da Comisión Nacional da Competencia contra o decreto que permitiría coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución: “Parece ser que a opacidade do mercado beneficia ás leis de competencia. Sería oportuno que deixen de tratarnos de parvos e que digan claramente que intereses están a defender”, valora a organización agraria.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información