Leche Río, a industria láctea de capital galego que máis leite recolle na comunidade, afirma estar a pagar prezos en orixe máis altos que a media do resto de empresas que operan en Galicia. A presidenta da empresa, Carmen Lence, destacou no transcurso dunha mesa redonda celebrada este venres, que a compañía pretende favorecer así o asentamento da poboación no rural e que o negocio lácteo se volva atractivo para as xeracións máis novas.
“Leche Río está a pagar nestes momentos por encima da media de Galicia en prezos aos seus gandeiros provedores”, asegurou a presidenta da compañía, que destacou a aposta que está a facer a empresa propietaria de marcas como Leyma ou Río pola sustentabilidade económica do campo galego.
Referíndose á aposta económica que realizan con esta política de prezos, asegurou que “deste xeito contribuímos á sustentabilidade e perduración no tempo do noso medio rural e, de forma indirecta, tamén favorecemos que poida asentarse poboación no noso rural e que o negocio lácteo se volva atractivo para as xeracións máis novas”. Ademais, dixo, Leche Rio é “a empresa galega que máis leite recolle en Galicia, transformándoo todo na nosa comunidade e deixando así todo o valor engadido en Galicia, creando emprego, e reducindo o impacto ambiental.”
Necesidade de equiparar o sector lácteo galego ao doutros países
Referíndose á situación actual do sector lácteo galego, a presidenta de Leche Río destacou que é importante fortalecelo, equiparándoo ao doutros países de Europa, “na dirección de favorecer a elaboración e comercialización de produtos derivados do leite, con alto valor engadido, e que xeren unha maior rendibilidade para os diferentes integrantes da cadea de valor do leite”.
A presidenta do grupo lácteo destacou ademais que a aposta actual da empresa busca a sustentabilidade asentada en tres alicerces básicos: o ambiental, o económico e o social, “contribuíndo así ao benestar e ao progreso das xeracións presentes e futuras”.
Durante a súa intervención, Carmen Lence destacou esta aposta pola sustentabilidade, enmarcada nun novo modelo de xestión e liderado implementado polo seu equipo desde que hai pouco máis dun ano se fixese coas rendas de Leche Río tralo falecemento do seu pai, Jesús Lence, unha nova filosofía empresarial baseada “no respecto polas persoas e traballadores, a orientación ao cliente, a eficiencia e a mellora continua”.
Desde o punto de vista ambiental, explicou que Leche Río está a apostar por un envasado máis sostible, en novos bricks con certificación FSC, elaborados con materia prima procedente de bosques sostibles, no envase de Leyma e de orixe 89% vexetal no novo envase da marca Río, o que supuxo un investimento de 4 millóns de euros realizado pola compañía, que instalou ademais unha enchedora Krones que envasa 8.000 botellas por hora en formato PET reciclable, eliminando o aluminio do peche da botella e reducindo considerablemente desta forma o seu impacto ambiental.