Leche Río, Alibós, Quescrem, Larsa ou Gadis, entre os galardonados cos Premios Galicia Alimentación

Leche Río, Alibós, Quescrem, Larsa ou Gadis, entre os galardonados cos Premios Galicia Alimentación

A innovación e o compromiso co sector da alimentación foron recoñecidos, un ano máis, nos Premios Galicia Alimentación. O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) distinguiu, esta mañá, estas dúas calidades, presentes nos proxectos galardoados na oitava edición. Nesta ocasión, as distincións recaeron en mans das seguintes compañías: Real Conservera Española, Hijos de Rivera, Grupo Leche Río, Alibós Galicia, Quescrem, Gadisa, Larsa e Pereira Produtos del Mar.

A entrega dos Premios foi o broche de ouro do VII Foro Galicia Alimentación, cuxa inauguración correu a cargo do presidente de Clusaga, Juan José de la Cerda, e do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

A entrega dos VIII Premios Galicia Alimentación 2022 contou coa presenza do conselleiro do Medio Rural, José González, da conselleira do Mar, Rosa Quintana, e do director do Instituto Galego de Promoción Económica, Fernando Guldrís.

Nesta oitava convocatoria, foron oito as compañías, proxectos e iniciativas que recibiron algún dos premios por parte do Clúster Alimentario de Galicia nas seguintes categorías: produto excelente, produto innovador, proxecto empresarial e estratexia de mercado.

A relación de galardoados é a que, a continuación, se detalla:

1. Produto excelente. A pesar de ser unha categoría de nova creación, foi a que máis candidaturas recibiu, alcanzando a cifra de 24.

Real Conservera Española S.L. por Navajas de las Rías Gallegas ao natural. O xurado destacou que o produto se elabora cunha previa selección manual dos mellores exemplares que, directamente, sométense a un proceso de depuración natural en auga de mar para eliminar a area. As navallas se enlatan unha a unha, a man e con todo o coidado que require este excelente produto. Recoñécese con todo isto un produto final excelente, con historia, carisma, artesanal e natural que ten a orixe na mellor materia prima e que é un embaixador da excelencia dos produtos galegos.

2. Produto innovador, que na presente edición conta con dúas premiadas ex aequo:

Hijos de Rivera S.A. por Fontarel Zero Sodio. Grazas á aplicación de tecnoloxía avanzada de ósmose inversa e a reconstitución da composición mineral orixinal da auga eliminouse o sodio, obtendo un produto recoñecido pola Fundación Española del Corazón polo seu beneficio para a saúde.

Grupo Leche Río S.L. por Optipro. O tribunal sinala que este produto está elaborado con leite ultrafiltrado con alto contido en proteína, baixo en graxas, sen azucres engadidos e sen lactosa. Estas bebidas de base láctea e hiperproteica están dirixidas a persoas que realicen algún tipo de deporte ou actividade física.

3. Proxecto empresarial, tamén con dúas compañías galardoadas ex aequo:

Alibós Galicia, dedicada á produción, elaboración e comercialización da castaña pelada e ultraconxelada e derivados para a súa venda a industrias do mercado internacional. O xurado sinalou que a empresa incentiva o sector primario e repercute no consumidor, garantindo un produto ecolóxico, seguro e saudable.

Quescrem pola súa planta de biogás baseada en permeato, a primeira do seu tipo en España. Destácase a súa preocupación pola sustentabilidade ambiental, buscando a incorporación de medidas que reduzan o consumo de recursos á vez que minoran a xeración de residuos, potenciando a circularidade dos procesos.

4. Estratexia de mercado, con tres marcas galardoadas ex aequo:

Gadisa Retail S.L.U. por Gadis, coa alimentación saudable. O tribunal apuntou que a marca emprega as súas redes sociais para levar a cabo diferentes accións para achegar un estilo de vida saudable aos seus seguidores publicando, ademais, contidos para a divulgación de coñecementos sobre distintos temas relacionados coa alimentación saudable e o consumo responsable.

Corporación Alimentación Peñasanta S.A. por Larsa, a marca de Pastoreo vinculada a Galicia desde fai case medio século. Ponse en valor o seu propósito para defender o patrimonio natural de Galicia para poder seguir gozando das súas paisaxes e sabores. O xurado indica que a estratexia seguida pola marca foi un éxito en termos de venda, imaxe de marca e brand equity.

Pereira Produtos del Mar S.A. por Gastronomía en el Camino de Santiago. Trátase dun receitario con 12 elaboracións que os peregrinos medievais incluían nas súas comidas. Neste caso, destácase a iniciativa, que cobre un baleiro bibliográfico sobre a gastronomía do Camiño durante os primeiros anos da peregrinaxe, unindo nun mesmo documento rigor histórico e científico, usos e costumes e gastronomía.

A maiores, a xunta directiva do Clúster Alimentario de Galicia decidiu entregar, por unanimidade, o Premio Honorífico Galicia Alimentación a Juan Vieites, quen foi secretario xeral de Anfaco-Cecopesca desde o 1991 até o ano 2022. Con este galardón búscase recoñecer a súa contribución ao Clúster Alimentario de Galicia como socio fundador, así como o seu labor a favor do impulso do desenvolvemento e á I+D+i no sector alimentario galego, en particular no complexo mar industria.

Durante a súa intervención, o presidente de Clusaga felicitou aos galardoados, aos que cualificou como “grandes expoñentes e exemplos da riqueza e o talento do sector en Galicia”. De la Cerda incidiu en que o da alimentación ?segue sendo un sector de gran importancia dentro da economía de Galicia, tanto en termos produtivos como sociais”.

VII Foro Galicia Alimentación

Antes da entrega de galardóns celebrouse o programa do VII Foro Galicia Alimentación, que reuniu a expertos e profesionais dentro da industria que analizaron e puxeron en común as súas reflexións e ideas acerca dos retos e o futuro do sector.

Para lograr un achegamento ao presente e ao futuro, o evento ofreceu tres relatorios e unha mesa redonda sobre estas cuestións: tendencias globais no ano 2022, a nanotecnoloxía e a súa aplicación no sector, as estratexias de futuro e a mercadotecnia de transformación social e, por último, os desafíos nunha contorna cambiante como o actual. Estas temáticas foron abordadas polos seguintes relatores: a Customer Success Manager de Innova Market Insights, Marta Delgado do Río; o Chair of the Research Office en International Iberian Nanotechnology Laboratory, Lorenzo Pastrana Castro; o presidente de AGR Food Mercadotecnia e AGR Transformación Social, Mateo Blay Berto; o director de Palafox Food & Wine, Jaime Palafox Gamir; o director de Entrepinares, José Manuel García-Bejines; a directora de Casa Grande de Xanceda; Cristina Fernández-Armesto; a directora de ODS Protein, Iría Varela Campo; e o director de Cafés Candeas, Ramón Alonso Castro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información