Leche Río, Agroamb e Norvento impulsan en Lugo unha planta de biogás a partir de resíduos agroalimentarios

Leche Río, Agroamb e Norvento impulsan en Lugo unha planta de biogás a partir de resíduos agroalimentarios

Vista tridimensional da futura planta

Lence, grupo líder na elaboración de produtos lácteos, Norvento, compañía do sector das enerxías renovables, e Agroamb, grupo empresarial vinculado ao sector agrario e pioneiro na valorización de residuos orgánicos de Galicia, únense na promoción dunha ambiciosa iniciativa, o proxecto RIAZOR, unha innovadora planta de xestión circular de residuos e xeración de biogás que se situará no polígono de O CEAO (Lugo).

O proxecto RIAZOR, para o que se prevé destinar un investimento de 7,5 millóns de euros, permitirá valorizar residuos orgánicos e non perigosos xerados principalmente na industria láctea, aínda que ofrecerá a outras industrias agroalimentarias e organismos públicos locais a oportunidade de xestionar os seus refugallos nunha instalación que combina unha planta de biogás, un sistema de humidais e un sistema biolóxico para a eliminación de cheiros.

Calcúlase que a planta teña unha capacidade de xestión dunha media de 55.000 toneladas de residuos anuais cos que se xerará biogás que será inxectado e comercializado a través da rede nacional de gas natural. Segundo os promotores, “o modelo de economía circular e de proximidade no que está baseado posibilitará que o proxecto sexa economicamente sustentable pola súa propia actividade mediante a comercialización de enerxía limpa”.

Estímase que, durante a súa vida útil, a planta evitará emisións de gases de efecto invernadoiro por un volume de 37.300 toneladas de CO2 equivalentes, asociadas á xestión de residuos.

Compost para a agricultura

Así mesmo, o dixestato da planta de biogás permitirá xerar un compost orgánico destinado ao sector primario e un efluente líquido que será tratado nun sistema de humidais situado nas instalacións, “asegurando que outros compostos químicos, como o nitróxeno, sexan capturados de maneira eficiente no proceso, cumprindo cos estándares máis esixentes de calidade da auga para a súa reutilización en aplicacións industriais”.

Finalmente, a planta contará cun sistema de tratamento biolóxico de cheiros para atrapar compostos fedorentos, minimizando o impacto ambiental.

O proxecto RIAZOR foi presentado á primeira convocatoria do “Innovation Fund Small Scale” da Comisión Europea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información