A Xunta Xeral de Accionistas de Grupo Leche Río aprobou este luns as contas da compañía relativas ao exercicio 2019, que se pechou cunha cifra de negocio de 142.883.654,29 euros, un 6% máis que en 2018, ao recoller e comercializar máis de 800.000 litros de leite ao día procedentes de 450 granxas, principalmente situadas nas provincias de Lugo e A Coruña.
O principal segmento de mercado do Grupo Leche Río foi, un ano máis, o do leite UHT, no que a empresa é líder, que representa o 74% das súas vendas cunha facturación próxima aos 110 millóns de euros. “Con respecto ás vendas, cabe sinalar que o mercado de leite cru entre empresas, en 2019, moveu menos volume, polo que vendemos un 11% menos de leite sen procesar”, destaca Carmen Lence, presidenta do Grupo Leche Río.
Malia incrementar as súas vendas, os beneficios da empresa foron menores debido á caída no prezo da nata exportada a Francia e Alemaña
Aínda que en 2019 Leche Río aumentou as súas vendas nun 6%, a marxe de beneficio da empresa descendeu debido á caída do prezo da nata principalmente. Por iso, “a pesar de aumentar a facturación, a nosa marxe bruta é un 6% inferior”, sinala Lence. “A caída do prezo da nata xustifica esta caída na marxe. Estamos a investir para fabricar produtos de maior valor engadido e ser menos dependentes do prezo da nata: estamos a construír para o futuro”, engade.
Benestar animal, calidade e nova imaxe
As ganderías que serven á planta de Leyma en Arteixo están certificadas en benestar animal e a intención da empresa é ir engadindo a esta certificación ao resto das ganderías familiares coas que traballa o Grupo Leche Río nas tres plantas ubicadas na procincia de Lugo antes de final deste ano.
Antes de final de ano todas as explotacións que entregan a Leche Río estarán certificadas en benestar animal
Outra das apostas que está a facer a industria láctea é en materia de calidade, imaxe e envasado. Esta primavera estreou o novo formato de Leyma e pretende tamén renovar este ano 2020 a imaxe doutra das súas marcas de referencia, Río.
Así, a nova dirección de Grupo Leche Río aumentou significativamente o investimento en activos para mellora da calidade en máis dun 400%, e tamén o gasto en mantemento, co fin de evitar fallos futuros e anticiparse a problemas relacionados coa calidade e os procesos.
Avanzar na profesionalización da empresa
Carmen Lence asumiu, en maio de 2019, as rendas do grupo de empresas, que inclúe Leche Río, Lence Torres, Transleche e Complejo San Cristóbal, tralo falecemento do seu pai, Jesús Lence. Ao longo deste ano, apostou por “avanzar na profesionalización da empresa, sen perder o seu sinal familiar”, segundo as súas propias palabras.
Carmen Lence rodeouse así dun equipo no que Jesús García, que leva anos na empresa, mantén un papel destacado. Encárgase da parte de produción como responsable de operacións do Grupo. “Apostamos por unha xestión áxil e flexible, na que a toma de decisións é rápida, cunha estrutura sinxela que permite unha comunicación moi fluída”, engade.
O grupo vendeu a súa participación na cadea de supermercados Día, o que lle reportou perdas por valor de 13 millóns de euros
Cunha marxe bruta de 30.209.018 euros e un EBITDA de 2.307.753 euros, o resultado neto da empresa en 2019 foi de -13 millóns de euros. “Un resultado negativo que se xustifica no feito de que decidísemos vender a porcentaxe de participación que tiñamos na cadea de distribución Día e que estaba a xerar perdas latentes”, indica a directora financeira do grupo lácteo, Reyes Martínez-Reboredo.
Mellora da eficiencia das plantas
Leite Río dispón de catro plantas de envasado: unha situada en Veiga de Anzós (Láncara), dúas no polígono industrial do Ceao (Lugo) e a cuarta no Polígono de Sabón (Arteixo), aínda que algunha delas funciona moi por baixo da súa capacidade, polo que Carmen Lence admitía hai uns meses nesta entrevista a Campo Galego a posibilidade de deixar de operar a planta máis antiga, a de Veiga de Anzós.
É a única láctea galega entre as 10 principais industrias do sector en España
Grupo Leite Rio S.A. é unha empresa de carácter familiar con gran experiencia no campo do leite líquido, aínda que a nova dirección pretende dar un salto cara a produtos de maior valor engadido diversificando a súa gama no mercado. A empresa comercializa marcas como Río, Leyma, Solar, Cremosita ou Gustosa, entre outras, ademais de nata e batidos.
Cun cadro de persoal de máis de 220 traballadores, trátase da compañía máis importante de capital privado na provincia de Lugo e unha das principais empresas lácteas do mercado español, sendo a única empresa galega entre as 10 principais industrias lácteas nacionais.