“Lasurgal quere ser un exemplo para o sector lácteo galego”

Jaume Llopis, presidente do consello de administración da empresa, sitúa como un dos retos principais do proxecto o de lograr máis valor para o leite, de xeito que o gandeiro cobre máis

“Lasurgal quere ser un exemplo para o sector lácteo galego”

Jaume Llopis, nas instalacións de Lasurgal, en Melide.

Lasurgal, o proxecto no que se embarcaron a cooperativa Icos e tamén Xesgalicia, por parte da Xunta, cumpre o primeiro mes tras a súa presentación pública. A iniciativa, que arrancou en plena crise do sector, trata de marcar un novo camiño na relación entre industrias e gandeiros. “A cuestión é pasar da confrontación á cooperación, cunha estratexia de traballo ‘win – win’ na que industria e gandeiros gañen, sen que ningún gañe máis que o outro”, expón o presidente do consello de administración de Lasurgal, Jaume Llopis, un recoñecido xestor que pasou por firmas como Nestlé ou Grupo Borges e que acumula 40 anos da experiencia na industria agroalimentaria española.

“Temos cooperativas interesadas en entrar no proxecto, o que proba que a nosa filosofía de traballo gusta”

Cre que a maior implicación dos gandeiros na transformación do seu produto, como sucede en Lasurgal, é unha das liñas polas que ten que ir o sector?
– O que buscamos facer no noso caso é arrincar o máximo valor do leite, vía produtos de calidade con marca, e que por esa liña a industria lle poida subir o prezo do leite ó gandeiro. En Lasurgal está a propia empresa matriz, Lasurgal, os gandeiros –a través da cooperativa Icos- e a Administración. O máis importante é a confianza mutua e a transparencia entre todas as partes, que os números estean enriba da mesa e que se lle poida dicir ó gandeiro ‘Todo o que vendamos por enriba de x prezo implicará que che podemos pagar máis polo leite’. Esta é unha filosofía de traballo que benefia ó sector e a proba está en que xa temos máis cooperativas que queren entrar no proxecto. En Lasurgal aspiramos a ser un exemplo para o sector lácteo galego, que a iniciativa teña un efecto demostración.

“A liña de queixos impulsarase de xeito inmediato e queremos encargar a torre de leite en po a inicios do 2016”

A estratexia de Lasurgal para valorizar o leite pasa pola fabricación de queixos e por subprodutos de maior valor engadido, como os dirixidos a leites infantís. Que prazos barallades para impulsar estas liñas de traballo?
– Tivemos un consello de administración a semana pasada no que acordamos avanzar de xeito inmediato na liña de queixos, que se centrará en produtos de denominación de orixe, como Arzúa-Ulloa, e de calidade. Para a fabricación dos queixos, estudiamos varias opcións de empresas. Poderiamos integrar no proxecto a un queixeiro e, en calquera caso, vai ser unha liña que se impulsará en breve e que estará en marcha no 2016. A seguinte etapa, a partir de finais do 2017, pasa pola comercialización a nivel internacional de produtos para nutrición infantil, que teñen uns requerimentos de calidade e de homologación importantes. O último paso será a posta en marcha dunha torre de leite en po, dirixida a traballar con clientes industriais. Como a torre ten uns prazos de entrega duns 2 anos, o máis probable é que a contratemos xa a inicios do 2016.

“As pymes como a nosa temos que especializarnos en facer algo diferente, único e mellor”

A apertura de mercados preséntase clave no proxecto. Que estratexia tedes para facervos un oco?
– Esta empresa parte cuns técnicos magníficos que saben facer uns produtos de moita calidade e agora temos que traballar os aspectos de marketing e comercial. Hai que estar no mercado, acudir a todas as grandes feiras internacionais e buscar distribuidores. A empresa ten capacidade para facer moitos produtos, como pode ser a manteca de vaca que mostramos na presentación de Lasurgal. É un bo produto, que lle falta? Presentalo ben, cun envase atraínte, cunha marca ben promocionada e lograr unha boa distribución.

“Se industrias e distribución cumpren o acordo asinado en Madrid será algo fantástico”

Por tanto, a evolución ten que ir na liña de vender menos a granel e en invertir en marcas. O que vale máis dunha empresa non son os ferros nin os ladrillos. O que vale máis son dúas cousas: as persoas e as marcas, e iso non está nos balances. As pymes, como esta, temos que buscar tamén nichos de mercado, segmentos nos que facer algo diferente, único e mellor. Cando eu fun director de Nestlé, lembro que deixamos de facer leite de améndoas porque era un mercado reducido e non interesaba. Hai nichos de mercado que ás grandes multinacionais non lles interesan pero nos que nós podemos entrar.

En canto á situación da gandaría en xeral, que perspectivas lle ve no actual contexto de crise e protestas do sector?
– Hai un acordo asinado pola maior parte das industrias e da distribución, que é algo que nunca houbo antes. Se todos cumpren ese acordo, será algo fantástico. A distribución compremeteuse a non usar o leite como produto reclamo nos supermercados. Se iso fose así, sería moi positivo. Poderían mellorar as marxes das grandes compañías industriais e iso debería repercutir no gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información