Larsa, segunda parada da mobilización ante as industrias lácteas

Centos de gandeiros concéntranse ante a factoría da empresa en Outeiro de Rei. Unións Agrarias empraza a Capsa a “mover ficha” e anuncia unha posible campaña de boicot ós seus produtos nos supemercados. Demanda tamén accións por parte do Ministerio de Agricultura

A mobilización gandeira ante as industrias lácteas en demanda dunha suba do prezo do leite no campo viviu hoxe o seu segundo episodio en Outeiro de Rei (Lugo). Foi ante a planta de Larsa, onde centos de produtores se congregaron e cortaron a Nacional VI cunha fogueira a base de herba seca e neumáticos.

As granxas, apretadas polo aumento de custos de produción, sobre todo de pensos, enerxía e combustible, queren que ese aumento de custos se traslade ó prezo do leite no campo.

É unha ambición que desde Unións Agrarias, convocante do acto, ven máis que factible: “Primeiro, porque os produtos lácteos industriais revalorizáronse de xeito importante no último ano, o que repercute en maiores ingresos para as industrias” -expón Félix Porto, responsable de Acción Externa da organización-. “E en segundo lugar porque o leite está subindo nas cadeas de supermercados. Hai cadeas da distribución que están a subir 6 céntimos as marcas brancas para que ese aumento de prezo chegue ó campo, pero non está chegando”, cuestiona.

larsa ap

Unións Agrarias, convocante da protesta de hoxe, considera que Lactalis e Larsa teñen que “mover ficha”, ao ser as dúas principais industrias de Galicia por volume de recollida, con arredor do 35% do total do leite, “Larsa é ademais propiedade dunha cooperativa asturiana” -sinala Porto en alusión a Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa), participada de xeito maioritario por Central Lechera Asturiana-. “Non pode ser que Capsa presuma de beneficios históricos no 2020 mentres en Galicia teñen que pechar granxas proveedoras porque se ven contra as cordas pola suba dos custos de produción”, critica.

A organización agraria considera que o prezo medio do leite en Galicia ten que achegarse á media europea, que se sitúa nos 38 céntimos, de cara a compensar o aumento dos custos de produción, que se agravará previsiblemente nos primeiros meses do 2022, con novos encarecementos dos pensos e dos fertilizantes. “Se as industrias non moven ficha, faremos unha campaña de boicot dos produtos de Larsa e de Lactalis nos supemercados”, anuncia Porto.

As previsións do sector apuntan a que as por agora tímidas protestas gandeiras poderían endurecerse en próximas semanas, a medida que novas subas de pensos e insumos vaian afectando ás granxas.

“Denunciaremos a Larsa e a Lactalis ante a Agencia de Información y Control Alimentario por mercar o leite no campo por baixo dos custos de produción” (Félix Porto)

Unha segunda vía de acción que emprenderá Unións serán as denuncias ante a Agencia de Información y Control Alimentario (AICA), dependente do Ministerio de Agricultura. Unións avanzou hoxe que denunciará tanto a Larsa como a Lactalis ante a AICA. “Son industrias que están mercando o leite por baixo dos custos de produción, algo que está prohibido por lei, así que no caso de que o Ministerio non tomase medidas, as seguintes mobilizacións serían ante o Ministerio”, advertiu Félix Porto.

larsa mobilizacion

Larsa, consultada por Campo Galego a finais de outubro sobre a situación de prezos do leite, indicara que no último ano subira os prezos no campo arredor dun céntimo, pola indexación de parte do leite ós prezos internacionais da graxa e da proteína láctea. Esa suba dos prezos dos produtos lácteos industriais continuou nas últimas semanas, ata o punto de que Capsa xa anunciou que o prezo medio que lle pagará ás granxas en novembro subirá outro céntimo máis, segundo avanzou TVE e puido confirmar despois Campo Galego coa industria.

É unha suba que, en todo caso, o sector considera insuficiente, dada a progresiva suba dos custos de produción. Logo das mobilizacións ante Lactalis e Larsa, o calendario de protestas está por agora en pausa en Galicia, se ben espéranse novas accións nas próximas semanas. Á mobilización de hoxe en Outeiro de Rei, convocada por Unións, asistiron tamén representantes de Agromuralla, Sindicato Labrego e Asaga, co cal se espera que as próximas mobilizacións teñan un carácter unitario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información