Larsa recibe un investimento de 3,2 millóns para potenciar a elaboración de queixo de barra

Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) decide abandonar a produción de queixos redondos na planta de Vilagarcía, que pasarán a elaborarse en casa Macán, en Taboada, que tamén se encargará do loncheado do queixo de barra

Larsa recibe un investimento de 3,2 millóns para potenciar a elaboración de queixo de barra

Planta de Larsa en Vilagarcía

Corporación Alimentaria Peñasanta (Capsa) investirá 3,2 millóns nos próximos meses na súa factoría de Larsa, en Vilagarcía de Arousa, co obxectivo de potenciar a elaboración de queixo de barra e realizar diversas melloras na planta.

Os responsables de Capsa anunciaron recentemente ao comité de empresa que renunciaban ao investimento de 6,5 millóns de euros na planta do polígono de Os Martices á que se comprometeron en 2013 e que no seu lugar o desembolso baixa a 3,2 millóns.

Segundo Carlos Rodríguez, presidente do Comité de Empresa, “o investimento inicial estaba vinculado a un plan para elaborar queixos pequenos e redondos, que finalmente Capsa descartou porque non lle ve viabilidade, e no seu lugar vai potenciar a elaboración de queixo de barra na planta de Larsa”.

Para iso a empresa realizará un peche temporal de tres meses de decembro a febreiro para realizar os investimentos finalmente acordados, de 3,2 millóns de euros, que se centrarán na construción dunha nova depuradora, novas cubas de queixo, melloras nas cámaras frigoríficas, unha nova lavadora de moldes ou melloras no mantemento xeral da fábrica.

Actualmente a planta vilagarciá elabora unhas 4.000 toneladas de queixo de barra ao ano e unhas 200 toneladas de queixo redondo (Tetilla San Simón, Arzúa-Ulloa…etc), ademais do envasado de leite e a elaboración de iogures, o seu produto estrela.

“Así como o iogur vemos que aumenta a súa produción ano a ano, no caso do queixo foi diminuíndo, polo que confiamos en que saia ben o proxecto de Capsa de incrementar a elaboración de queixo de barra na nosa planta”, asegura Carlos Rodríguez

Os queixos redondos e o loncheado elaboraranse en casa Macán

Precisamente, o plan de Corporación Alimentaria Peñasanta para Larsa inclúen desprenderse da elaboración de queixo redondo e centrarse en exclusiva no queixo de barra. Para iso, desviarán a produción de queixos redondos de Larsa a Casa Macán, xa que a Indicación Xeográfica Protexida esixe que sexa elaborado en Galicia. Tamén se realizará en Casa Macán o loncheado do queixo de barra, que ata agora se desviaba a Asturias. Trátase dun balón de osíxeno para a quesería de Taboada, que acaba de perder o contrato con Mercadona, cuxo interproveedor de queixo Tetilla e Arzúa Ulloa pasou a ser Queizuar.

Larsa Vilagarcía conta actualmente cun persoal de 70 traballadores fixos, aos que se suman outros externalizados e de empresas de traballo temporal, ata sumar un total de 85 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información