A factoría de Larsa en Vilagarcía, en marcha desde o 1947, estivo este inverno parada arredor de catro meses para executar unha serie de melloras. A compañía propietaria da planta, a asturiana Capsa, aumentou a liña de iogures, e modificou a liña de queixos para centrar a produción da planta no queixo de barra, en tanto externalizou a produción doutros queixos que tamén se viñan fabricando na industria, como o de Tetilla.
O resultado dos cambios presentouse hoxe nunha visita á planta na que participou o director xeral de Capsa, o lucense José Armando Tellado, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Tellado cifrou en 3,2 millóns de euros o investimento realizado e destacou que a factoría dispón na actualidade dunha capacidade de produción de preto de 8.000 toneladas ano de iogures e doutras 8.000 de queixo.
O éxito que están a acadar no mercado os novos iogures lanzados por Larsa no 2016, como o de licor café ou o de mandarina, están a levar á liña de produción de iogur ao borde da saturación, a pesar da ampliación realizada, polo que Capsa pronostica que será preciso acometer de novo un inminente aumento da capacidade de produción.
“Temos proxectos de investimento serios tanto en Vilagarcía como en Lugo para medrar” -anunciou José Armando Tellado.- “De aquí a un ano estaremos investindo para ampliar de novo a capacidade da planta de Vilagarcía”, subliñou.
Larsa aposta polo aumento da recollida de leite, que se sitúa en Galicia en arredor de 400.000 toneladas ao ano, e por continuar a medrar en vendas e facturación. “Este ano lanzaremos novos produtos ao mercado”, anunciou Tellado, que preferiu non concretar máis polo momento.
Beneficios en plena crise
Preguntado polo feito de que Capsa disparase un 30% o seu beneficio no ano 2016, coincidindo cunha seria crise do sector gandeiro, o director xeral da compañía considerou probable que os gandeiros de Larsa estean “razonablemente satisfeitos”. “O crecemento de Capsa é froito da aposta pola calidade diferenciada, polas nosas marcas -Larsa en Galicia e Central Lechera Asturiana a nivel estatal-, e por saír ao exterior con produtos lácteos industriais”, destacou Tellado.
As vendas no exterior de Capsa xa representan un 10% das súas cifras de comercialización totais, segundo os datos divulgados recentemente pola compañía.
“Queremos reformular o selo PLS para crear valor en toda a cadea do leite”
O director xeral de Capsa, José Armando Tellado, é tamén o presidente da Interprofesional Láctea (Inlac), un organismo no que participan industrias lácteas, cooperativas e organizacións agrarias. No marco do traballo que desenvolve a Interprofesional, Tellado sinala como obxectivos prioritarios acadar unha maior estabilidade do sector e lograr a obtención de máis valor en todos os eslabóns da cadea do leite.
Un dos proxectos nos que traballa a Inlac é a reformulación do logo Producto Lácteo Sostenible (PLS) para que identifique aos produtos que permiten unha axeitada distribución do valor que se xera na venda do leite.
Abaratamento do leite no supermercado
Os supermercados están a protagonizar nos últimos meses un abaratamento xeneralizado de marcas brancas ou segundas marcas, unha situación que preocupa no sector gandeiro. Cuestionada por esta situación, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, demandou do Ministerio que as comunidades autónomas teñan acceso ós datos recabados no marco do decreto de cesión de prezos, que permite que o Goberno coñeza o prezo de cesión do leite entre industria e distribución.
Vázquez considera que é preciso que a Xunta dispoña deses datos para poder adoptar medidas cando sexa preciso. Tamén sinalou que, conxuntamente co Ministerio, se está traballando na posta en marcha dun decreto para regular aos primeiros compradores de leite, que son os intermediarios que operan entre industrias e gandeiros.