Larsa boicotea a Ulega e negocia directamente cos gandeiros a renovación dos contratos do leite

Unións Agrarias puxo en coñecemento da Xunta e do Ministerio hai dúas semanas a actitude da empresa por saltarse a unha organización de produtores legalmente recoñecida e agarda “unha actuación exemplarizante”

Protesta convocada por UUAA diante da planta de Larsa en Outeiro de Rei o 16 de novembro

Protesta convocada por UUAA diante da planta de Larsa en Outeiro de Rei o pasado 16 de novembro

Non sentou ben a Capsa, dona de Larsa, que o sindicato Unións Agrarias levase a cabo accións de protesta diante da súa planta de Outeiro de Rei o pasado mes de novembro. A empresa, propietaria tamén de Central Lechera Asturiana, está a tomar represalias contra Ulega na actual negociación para a renovación dos contratos de recollida de leite ás granxas, segundo denunciaron este mércores en rolda de prensa Xosé Manuel Liste-Liñares, presidente de Ulega, e Oscar Pose, asesor técnico da organización de produtores vinculada a UUAA.

“Levamos varios anos negociando coas empresas lácteas os contratos do leite, pero este ano Larsa está poñendo impedimentos e boicoteando a negociación con Ulega, obrigando aos gandeiros de maneira individual a asinar baixo a ameaza de non recollerlles o leite”, denunciou Xosé Manuel Liste-Liñares.

Con Larsa o ano pasado houbo negociación por parte de Ulega sen chegar a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros presionándoos para que asinen baixo a ameaza de non recollerlles o leite

“Puxemos esta situación en coñecemento do Ministerio, a través da Aica, e da Xunta hai xa dúas semanas para que tomen medidas inmediatas”, explicou Óscar Pose, que reclama “unha actuación inmediata, contundente e exemplarizante ante prácticas que son contrarias ao paquete lácteo”, dixo.

Non recoñecer a unha organización de produtores como interlocutora na negociación dos contratos é un incumprimento do paquete lácteo. Así llo trasladamos hai 2 semanas á Aica e estamos agardando que actúe

“Con Larsa os outros anos estableceuse unha negociación en conxunto sen problema, aínda que non se chegou a acordo, pero este ano están visitando un a un a todos os gandeiros que pertencen a Ulega. O obxectivo está claro: Capsa non quere negociar con Ulega porque prefire negociar individualmente cos produtores”, denunciou Óscar Pose, que considerou “intolerable a actitude da empresa de non recoñecer a unha organización de produtores legalmente constituída “e máis vindo dun grupo con base cooperativa cuxo máximo responsable é ao mesmo tempo o presidente da Fenil”, lembrou.

Ulega foi a primeira organización de produtores de leite de vaca recoñecida polo Ministerio de Agricultura a nivel estatal, xa no ano 2012, e hoxe reúne a 1.600 gandeiros

Con estas prácticas, “estase presionando ás cerca de 1.000 explotacións ás que recolle en Galicia para que asinen un contrato co que non están de acordo”, asegura UUAA. “Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias”, critican.

Mediador público

Desde Ulega pediron ao Ministerio “que estableza un mediador público, como existe noutros países, por exemplo en Francia, para resolver o conflito aberto entre a organización de produtores e Capsa e poder axilizar a sinatura dos contratos”, reclamou Xosé Manuel Liste-Liñares. En caso de desacordo entre as partes na negociación, sería ese mediador, escollido pola Administración, o que fixaría as condicións que deben cumprir ambas partes, explicou.

“Os contratos que estean por debaixo de 38 céntimos non cubren os custos de produción”

UUAA (Oscar Pose) co presidente de Ulega (Xosé Manuel Liste-Liñares)

Oscar Pose xunto ao presidente de Ulega, Xosé Manuel Liste-Liñares, na rolda de prensa deste mércores

O sindicato Unións Agrarias aproveitou a rolda de prensa na que denunciou a actitude de Larsa para analizar cal é a situación no mercado lácteo e os cambios que se están producindo nos contratos de cara á súa renovación para a campaña 2022-2023.

“Este ano estamos ante unha situación moi difícil para as ganderías polo incremento de custos que se está producindo e as previsións de cara aos vindeiros meses non son alentadoras, posto que non se agarda unha baixada a curto prazo dos custos de alimentación”, indicou Óscar Pose.

Entramos nun momento do ano de grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite

“No sector os produtores entramos ademais neste momento en grandes gastos, como son as campañas de abonado e forraxes, con custos absolutamente inasumibles con estes prezos de venda do leite”, asegurou.

Custos de produción entre 38 e 40 céntimos

Á vista das ofertas que están a facer as distintas industrias de cara á renovación dos contratos, existen notables diferenzas de prezos. “Entrepinares ou Pascual están a poñer sobre a mesa contratos razoables para os produtores e deben ser o exemplo a seguir. Son ofertas que se moven no entorno dos 38 céntimos máis calidades. Pero hai outras industrias que claramente se quedan por debaixo dos custos de produción, que estarían hoxe entre os 38 e os 40 céntimos, segundo os datos facilitados pola Xunta con medias de datos reais tomados de explotacións galegas” asegurou Óscar Pose.

Contratos referenciados á cotización dos produtos industriais

No caso de Larsa, fíxase un 70% a prezo fixo de 31,5 céntimos e o 30% restante referenciado a produtos lácteos industriais como a manteiga e o leite en po. A mesma fórmula é a utilizada por outras empresas, como Inleit.

Segue habendo unha imposición unilateral dos contratos, non hai negociación cos produtores, son contratos de adhesión, impostos polas industrias

Nestes casos, denuncian desde UUAA, “os gandeiros quedan a expensas dos prezos dos produtos industriais nos mercados internacionais, sobre os que non pode actuar a propia empresa e moito menos os gandeiros”.

Ulega e UUAA están en desacordo cos modelos de contrato ligados a prezos industriais

“Preocúpanos que ningún destes contratos leven referencia algunha aos custos de produción, porque a suba da manteiga e o leite en po foi do 60% no último ano, e os valores actuais están en máximos históricos, que é o que mantén o prezo alto neses contratos de xeito artificial neste momento, pero se se producira unha caída brusca o prezo do leite tamén caería, no caso de Larsa ata os 31,5 céntimos, que é o solo fixado como límite por abaixo nos contratos, moi lonxe dos custos de produción”, explican.

Contratos distribución-industria

UUAA está traballando coa distribución para que nos contratos de compra do leite ás industrias se estableza unha cláusula que fixe que o leite que vende esa empresa é mercado aos gandeiros a un prezo que cubre os custos de produción.                

“A distribución e a industria amañaron a súa parte na segunda metade do ano pasado, subindo o prezo no liñal e nos contratos industria-distribución, pero faltan os produtores, que non teñen esa capacidade, polo que se non se revalorizan os contratos en campo estaremos nunha situación límite con perdas nos vindeiros meses”, prognosticou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información