Larsa adianta a renovación de contratos prevista para decembro, tratando de gañar recollida en Galicia

A empresa está a visitar as explotacións de Reny Picot descontentas. O movemento de CAPSA fixo saír tamén a Entrepinares, que sobe un céntimo e sitúa o seu prezo base en 47. Co leite spot e a manteiga en niveis máximos, neste momento hai certo interese das industrias por captar leite de cara ao inverno

Planta de Larsa en Outeiro de Rei, onde se envasa leite para Mercadona

Planta de Larsa en Outeiro de Rei, onde CAPSA envasa tamén leite para Mercadona

Movementos no mercado da compra do leite en Galicia. Empresas como Larsa ou Entrepinares decidiron adiantar a renovación dos seus contratos, que vencían o 30 de novembro, para tratar de asegurar o subministro até a primavera nun momento no que a demanda de leite está a aumentar.

O movemento por sorpresa de CAPSA, propietaria de Larsa, que empezou esta semana a asinar contratos de decembro a marzo mantendo as condicións vixentes neste momento (42 céntimos de base máis primas por calidade hixiénico-sanitaria –até 1,5 céntimos– e volume de entregas –até 4,5 céntimos–), provocou unha reacción en cadea doutras empresas, como Entrepinares, a quen lle tocaba renovar contratos en Castela e León, pero non en Galicia.  

As principais industrias adiantaron a renovación de contratos tratando de amarrar prezos e subministro para os vindeiros meses

Naturleite, que finaliza contratos o día 31 deste mes, tamén mantén prezos, coa base fixada en 44 céntimos, máis 1 céntimo por dobre AA, 0,5 por benestar animal e 0,5 por compromiso gandeiro na redución de antibióticos, polo que a empresa pertencente á cooperativa andaluza COVAP que envasa en Meira para Mercadona chega como máximo aos 46 céntimos.

Lactiber, a homóloga a Naturleite en León, participada ao 50% por COVAP e Iparlat, repite prezos tamén en Castela e León (foi xa a única que non baixou en xullo), pagando a 48,8 céntimos, 2,8 máis ca Naturleite en Galicia.

Lactiber está a pagar en Castela e León 2,8 céntimos máis ca Naturleite en Galicia

Reny Picot, que acaba en novembro o acordo coa maior parte dos seus gandeiros e é das que menos está a pagar o leite (40 céntimos de base), e Leche Celta, que conclúe o 31 de decembro e recupera no prezo deste mes de outubro os 42 céntimos de base, son neste momento as que faltan por saír en Galicia, despois de que Lactalis deixase en agosto pechados os contratos até o 31 de marzo e Leite Río até o 30 de abril, aínda que Carmen Lence non descarta ter que actualizar prezos en función do que fagan os seus competidores

Larsa está tratando de captar gandeiros de Reny Picot

Larsa volumen de leche recogida en Galiciavolumen leche recogida por Larsa en GaliciaO movemento de Larsa, adiantando a renovación de contratos e tratando de captar máis leite (Larsa está visitando ganderías de Reny descontentas), descolocou en certa medida aos seus competidores. As condicións que CAPSA ten en Galicia son mellores que as da outra empresa asturiana con presenza na comunidade. Reny Picot está a pagar a 40 céntimos de base máis 0,6 de dobre AA e até 3 por volume (43,6 no mellor dos casos), mentres que Larsa chega aos 47 céntimos no caso das granxas máis grandes.

CAPSA perdera recolilda en Galicia nos últimos anos pero está recuperando leite pouco a pouco

Larsa mantivera sempre até esta primavera un contrato con dous prezos, un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga, que se revalorizou moito no último ano até acadar neste momento prezos históricos. Pero no último contrato presentado en abril, o primeiro tras comezar a envasar leite para Mercadona, a planta de Outeiro de Rei xa prescindiu da indexación e asinou a prezo fixo.

Nas últimas semanas CAPSA lanzou unha campaña publicitaria baseada no prezo

Central Lechera Asturiana, que tomara o relevo de Pascual como primeira marca de consumo en España baseando a súa estratexia de márketing en conceptos como a calidade, o respecto ao medio ambiente e o benestar animal, mudou os seus slogans este mes de setembro, o mes no que se reactivan as vendas de leite coa fin das vacacións e a volta aos colexios, optando por poñer o foco no prezo, cunha campaña de balados publicitarios nos que as botellas de Central Lechera aparecían retratadas xunto ao lema “nuestro precio más bajo siempre”.  

CAPSA recolleu o ano pasado en Galicia 340 millóns de litros de leite, volvendo a ser a segunda empresa en importancia tras Lactalis (473 millóns)

Segundo os datos do informe Nielsen, CAPSA recuperou vendas tanto das marcas propias (Central Lechera Asturiana e Larsa) como a través do acordo coa cadea de supermercados de Juan Roig para envasar leite de marca branca Hacendado.

Do volume total de litros recollidos por CAPSA en España en 2023 (un total de 822.465 millóns), o 41% corresponde a Galicia, case o 50% a Asturias, o 7% a Cataluña (onde CAPSA participa en ATO) e o 2% a Castela e León (onde é propietaria da queixería Flor de Burgos).

Entrepinares sobe un céntimo

O movemento de Larsa acabou provocando tamén a saída anticipada doutras industrias que acababan contratos en decembro, tratando de amarrar aos seus gandeiros proveedores. Entre elas Entrepinares, que optou por subir un céntimo, en consonancia co que fixo tamén en Castela e León, deixando o prezo base de decembro a marzo en Galicia en 47 céntimos (sempre que se cumpra coas calidades esixidas: 3,80% de graxa e 3,20% de proteína), recuperando deste xeito o prezo que a queixería de Vilalba tivo até maio, antes de baixalo un céntimo a partir de xuño.

A queixería de Valladolid asinou só por tres meses en Castela, de outubro a decembro, cun prezo base de 48 céntimos, mentres en Galicia alonga o contrato até marzo pagando a 47

Recupera un céntimo a partir deste mes Lactalis, que apostou en agosto por contratos máis longos, ao igual que Leite Río e Inleit. A multinacional francesa propiedade da familia Besnier asinou un contrato con variación temporal, baixando un céntimo en agosto e setembro, pagando a 40 de base máis primas (1 céntimo de dobre AA, 1 de benestar e até 3 de volume) e recuperándoo de outubro a marzo, nos que o prezo base será de 41 céntimos.

De cara ao inverno hai certo interese das industrias por captar leite, xa que as cisternas spot tamén subiron

Tamén Inleit ten pechado xa os seus contratos até a primavera. A planta de Teixeiro asinou por 8 meses, de agosto a marzo, cun prezo base de 42 céntimos máis 1 de dobre AA e 3 de volumen. A empresa de capital español e americano foi, xunto con Reny Picot, a que fixera unha baixada máis agresiva na primavera, de dous céntimos, deixando o prezo base en 40 céntimos e optou por recuperar ese diferencial en agosto. Inleit, que chegou a ter máis de 200.000 litros de recollida diaria en Galicia, non pasa neste momento dos 140.000, suplindo o resto da demanda co subministro regular de materia prima por parte de firmas galegas de base gandeira e cooperativa.

Até decembro teñen contrato en vigor Nestlé, Danone e Pascual, que se sitúan no tramo alto de prezos. Nestlé ten o seu prezo base en 46 céntimos máis un bono ambiental en 3 tramos que premia os esforzos das súas ganderías na reducción da súa pegada de carbono.

Nestlé, Danone e Pascual manteñen a súa traxectoria de estabilidade no prezo e de fidelización de granxas

En canto a Pascual, en Galicia aínda non saíu co novo contrato, pero en Castela e León, onde xa renovou o 1 de outubro, repetiu o prezo. A empresa de Aranda de Duero non chega a día de hoxe ás 70 granxas en Galicia, unha cifra semellante á de Danone, que incrementou a súa recollida este ano para paliar a perda de leite en Asturias e Castela e León.

A diferenza de prezo con Castela e León consolídase en 4 céntimos

Entre as industrias que faltan por explicitar o seu prezo a partir de decembro están tamén Reny Picot e Celta, aínda que as dúas melloraron os contratos que asinaron este mes en Castela e León, no caso da empresa propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal 0,6 céntimos.

O prezo na segunda comunidade produtora de España queda fixado para os vindeiros meses no entorno dos 48,5 céntimos

Reny Picot tamén subiu prezos en Castela, aínda que o seu volume de recollida é moi limitado nesta comunidade. En Galicia, pola contra, merca o leite a unhas 450 ganderías, entre elas a cooperativa Cobideza. A empresa asturiana baixou en abril até os 40 céntimos e foi subindo despois nalgún caso a base de complementos a algunhas granxas, aínda que segue mantendo prezos moi desiguais no campo.     

Trala última renovación de contratos en Castela e León consolídase o diferencial de prezos con Galicia, situado nos 4 céntimos no último informe FEGA. O prezo do leite queda para os vindeiros meses na segunda comunidade produtora de España no entorno dos 48,5 céntimos máis calidades. En Castela as primas por volumen teñen menor peso nos contratos que en Galicia e o nivel de calidades esixido ás granxas é tamén menor, xa que as empresas pagan a proteína a partir do 3,1% (en Galicia pártese de 3,2%), o que supón, dependendo da empresa, entre 0,3 e 0,6 céntimos máis por litro de leite.

As explotacións volven cobrar o IVE nas vendas do leite

Había certo temor entre as empresas que máis leite de marca branca envasan en Galicia, como o Grupo Lence, por se a recuperación paulatina do IVE aos produtos lácteos (2% o 1 de outubro e outro 2% o 1 de xaneiro), trala exención fixada polo Goberno para loitar contra a inflación, podía acabar provocando unha redución nas marxes de beneficio industrial, no caso de que as cadeas de supermercados optasen por manter o prezo do leite e repercutir aos seus proveedores ese diferencial, algo que finalmente non aconteceu.

En paralelo, as ganderías volverán a cobrar o 2% de IVE nas liquidacións do leite deste mes de outubro. A súa eliminación tiña provocado nas explotacións un desequilibrio nas súas contas, xa que, ao non poder compensar coas facturas do leite o IVE pagado no penso ou noutros gastos, moitas delas solicitaban a Hacienda a devolución das cantidades abonadas, tardando até ano e medio en cobralas, o que causaba en moitas delas problemas de liquidez.

Hacienda tardaba até ano e medio en ingresar a devolución do IVE ás granxas, o que causaba problemas de liquidez en moitas delas

Máis aló da recuperación do 2% de IVE no prezo do leite nos supermercados o principal movemento nos lineais dos supermercados é o aumento do diferencial de prezo existente entre o leite enteiro e o desnatado, que se incrementou até superar os 10 céntimos, en función das marcas e as cadeas.

Nos supermercados aumentou o diferencial de prezo do leite desnatado para estimular a súa compra

Co incremento de prezo da nata e a manteiga, ás industrias compénsalles desnatar o leite, polo que a baixada de prezo buscaría incentivar o seu consumo para dar saída deste xeito aos excedentes. Dentro dos queixos, está a aumentar tamén o consumo de untables e raiados, que son dous produtos que levan máis graxa.

Unha cisterna de nata ao 40% ten un valor de máis de 90.000 euros a día de hoxe  

Mercadona, que controla un terzo do mercado do leite líquido en España e é a referencia á hora de fixar prezos nos lineais para as demais cadeas, baixou un céntimo a comezos de setembro o leite enteiro, 2 o semidesnatado e 3 o desnatado, quedando en 90, 81 e 77 céntimos respectivamente. Trala aplicación do 2% de IVE o 1 de outubro o prezo actual é de 92, 83 e 79 céntimos.

Soia a 370€ a tonelada e millo no entorno dos 200€

No lado dos custos de produción das granxas, o escenario actual e as previsións de cara ao comezo de 2025 son de estabilidade. Nos mercados nacionais o millo sitúase esta semana no entorno dos 230 euros, o trigo para penso en 220 e a cebada en 190. A alfalfa en rama está nos 170 euros (a deshidratada roza os 200) e a palla por debaixo de 50 euros nas principais lonxas de Castela e León, debido á abundancia de forraxe que houbo este ano.

A UE esixe que a soia importada teña certificado de procedencia de zonas non deforestadas e está por ver como repercute iso nas granxas

En canto aos mercados de importación, a soia do 44% de proteína está hoxe en porto a 370 euros, mentres que o millo sitúase arredor dos 215, con perspectivas similares a máis longo prazo, xa que o mercado de futuros da bolsa de Chicago reduce o prezo a 170 euros para marzo.

Cos custos de alimentación están contidos, á espera de ver como finaliza a campaña de ensilado do millo, a continuidade nos prezos do leite debuxa un 2024 positivo pasa o sector, aínda que o prezo medio do leite acadado este ano non fora quen de igualar o de 2023.

Grazas á boa colleita de millo do ano pasado, algunhas explotacións teñen certo colchón de forraxe ensilado para cubrir as perdas desta campaña

Esta marxe de beneficio das explotacións está a estimular a o investimento nas granxas das principais zonas produtoras de Galicia, que no últimos dous anos fixeron importantes apostas en automatización, incremento da súa capacidade produtiva e mellora do benestar animal do gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información