Lanzan unha plataforma gratuíta para acelerar o emprendemento dixital no agro galego

A nova ferramenta ofrece cursos e asesoramento. Enmárcase no proxecto de agrodixitalización Hub Iberia Agrotech, no que participa o centro loxístico galego Datalife

Lanzan unha plataforma gratuíta para acelerar o emprendemento dixital no agro galego

Poñerán a disposición das empresas galegas a experimentación e desenvolvemento de aplicacións baseadas en datos procedentes de satélites ou drons.

Bautizada como E-Learning Data, esta nova plataforma gratuíta nace para acelerar o emprendemento dixital no agro galego. A ferramenta ofrece formación e asesoramento e está a disposición tanto do sector primario galego como dos emprendedores que pretendan apostar polo agro e pola agrodixitalización do campo da comunidade autónoma. Trátase dunha ferramenta desenvolvida no marco do proxecto Interreg Poctep Hub Iberia Agrotech (HIBA), do que forma parte o centro loxístico galego Datalife Hub de Innovación Dixital.

E-Learning Data está dispoñible na web do proxecto HIBA en español e en portugués. A plataforma inclúe cursos en liña gratis (MOOC) sobre Tecnoloxías Habilitadoras Dixitais no agro adaptados a distintos perfís de usuario. Permite o acceso a ferramentas innovadoras que favorecen o emprendemento. Tamén proporciona apoio ao desenvolvemento da capacitación a través de asistentes virtuais e coñecemento sobre os aspectos máis relevantes da agricultura de precisión. Un asistente virtual dispoñible as 24 horas, HIBABot, encárgase de resolver calquera dúbida.

A plataforma está destinada a persoas que traballen ou emprendan no sector agroalimentario, en empresas de servizos do sector primario, grupos de desenvolvemento local, asociacións agrícolas, formadores e alumnado tanto universitario como non universitario. “Permitirá testear innovacións e experimentar con tecnoloxías para promover o espírito emprendedor, mellorar a capacitación en agrodixitalización e brindar apoio á hora de tomar decisións”, apuntan desde Datalife.

Satélites e drons

A iniciativa E-Learning Data tamén pon ao dispor das empresas galegas a experimentación e desenvolvemento de aplicacións que, baseadas en datos procedentes de distintas plataformas de observación (satélites ou drons), melloren as capacidades de innovación do sector agro. Un exemplo é o acceso a produtos Copernicus, que poden ser de especial interese para o agro, como as imaxes de Sentinel-2, que rexistran observacións do planeta Terra para dar servizos como o seguimento da evolución dos bosques, os cambios na cortiza terrestre e a xestión dos desastres naturais.

Diagnóstico de Madureza Dixital

Datalife Hub de Innovación Dixital anunciou que no marco deste proxecto europeo tamén fará público o informe sobre o Diagnóstico de Madurez Dixital (DMD) do sector primario galego. Este traballo difundirase na web de Datalife. O seu obxectivo é afondar no coñecemento do Hub sobre a situación do agro galego para poder adaptar os servizos á realidade do campo, mar e sector forestal.

Para completar este traballo, Datalife seleccionou e recompilou todo tipo de información a través dos espazos de diálogo realizados ao comezo do proxecto sobre o sector primario, desde o punto de vista e as necesidades de micropemes e grandes empresas, da agricultura e a transformación, a pesca e o ámbito forestal.

“A transformación dixital non ten un único camiño marcado no agro galego. Cada empresa debe priorizar os aspectos en liña cunha planificación adecuada do negocio e os seus procesos”

“O Diagnóstico de Madurez Dixital do agro galego pon de manifesto que as súas necesidades, capacidades e prioridades deben deseñarse segmentadas por sectores. Tamén deixa claro que a transformación dixital non ten un único camiño marcado, que cada empresa ou axente deberá ir priorizando os aspectos en liña cunha planificación adecuada do negocio e os seus procesos”, destacan fontes de Datalife.

Ademais, tamén recomendan que promover un cambio gradual e non unha transformación radical destes sectores para que calle a dixitalización en toda a cadea de valor. O informe concíbese como un punto de partida e que os avances derivados deste coñecemento en cada sector permitan establecer unha planificación para saber onde se está e onde se quere chegar a todas as empresas galegas interesadas na agrodixitalización da man dos provedores tecnolóxicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información