Lanzan “Quesea”, unha campaña para promover o consumo de queixos españois

Lanzan “Quesea”, unha campaña para promover o consumo de queixos españois

A Organización Interprofesional Láctea (INLAC) lanzou a campaña “Quesea” para divulgar a oferta de queixos de orixe nacional, nun contexto no que son moitas as referencias de importación de baixo valor engadido que copan os lineais dos supermercados. E é que coa crise do coronavirus, aumentou a entrada en España de queixos de Holanda ou Alemaña a moi baixo prezo. 

A INLAC aliouse con Carrefour, Carrefour Market, Eroski e Ahorramás e, desta forma, 295 centros, entre supermercados e hipermercados, participarán desde hoxe nesta iniciativa que pretende pór en valor ante o consumidor os queixos elaborados nalgunha das 17 comunidades autónomas.

Colaborarán nesta iniciativa 80 establecementos do País Vasco; 76 de Madrid, 33 de Cataluña, 27 en Comunidade Valenciana, 24 de Andalucía, 13 de Navarra, 10 de Castela-A Mancha, 8 en Castela e León e Baleares, en cada caso, 7 en Galicia; 3 en Murcia, 2 en Aragón, Asturias, Canarias e Estremadura, respectivamente e un supermercado na Rioxa.

A campaña “Quesea” terá tres anos de duración (2020-2022) e “aspira a ser un motor de cambio cara a esta evolución positiva que esperan os gandeiros e fabricantes, xa que este sector ten un gran potencial aínda de crecemento”, remarcan desde a Interprofesional.

“Que o queixo que elixas QUE SEXA DE AQUÍ, DE ESPAÑA”

Entre outros obxectivos, persegue potenciar o consumo de queixo español; vincular diferentes tipos de queixo a distintos momentos de consumo durante o día; aumentar a cultura do consumidor asociada ao queixo, conseguindo unha maior capacidade de diferenciación en canto aos distintos tipos de queixo español nos lineais e situar o queixo español no mercado para competir vantaxosamente con outras alternativas de consumo.

“A idea que preside toda a campaña é animar aos consumidores a pedir queixo de España en super e hipermercados, tendas especializadas, mercados de abastos, bares e restaurantes”, destacou a presidenta de INLAC, Charo Arredondo. “Imos converter quesear nun verbo de moda, como pasou co tardeo. Grazas á sonoridade de quesea, as nosas mensaxes sempre transmiten que o queixo que elixas QUE SEXA DE AQUÍ, DE ESPAÑA. Convertemos o acto de tomar queixo en algo sinxelo, directo e divertido”, subliñou Arredondo.

Así mesmo, unha páxina web (quesosdeespaña.es) ofrece ampla información ao consumidor a través de tres grandes seccións:

1) #quesear: un apartado que explica de maneira sinxela a esencia da campaña e as razóns para #quesear cos queixos de España.

2) A #quesoteca dos queixos de España que permitirá atopar o queixo que estás a buscar.

3) #quesea e non te perdas nada: trátase dunha sección de actualidade sobre o sector e os queixos de España con todas as novidades sobre os nosos produtos e a campaña, así como as últimas noticias relacionadas co mundo do queixo.

De igual forma, no marco da campaña sortearanse 100 táboas de queixo entre os consumidores que adquiran queixos de España, fagan unha foto á súa táboa preferida e súbana a Instagram (@quesea_es co #queseaconquesosdeespaña )

En cifras

O queixo forma parte da cesta da compra do 89 % dos fogares españois, que consomen ao redor de 7,78 quilos de media ao ano. De acordo con datos do Ministerio, en España producíronse 442.200 toneladas de queixo en 2019. Destes, 185.900 toneladas corresponden a queixo de leite de vaca (puro); 69.900 toneladas a queixo de leite de ovella (puro); 51.700 toneladas a queixo de leite de cabra (puro) e 134.800 toneladas a outros (mesturas).
Os fogares españois consumiron o ano pasado preto de 360 millóns de quilos de queixos por valor próximo aos 2.694 millóns de euros.

O consumo de queixo en España, que é o destino principal do leite producido en pequenos rumiantes, é un dos consumos máis baixos de Europa, segundo os datos estatísticos da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e que recolle o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). O país está en trixésimo sétima posición mundial, por detrás da maior parte dos países europeos. A media da UE sitúase en 17,3 quilogramos por persoa e ano, dobrando os rexistros de España.

Valor nutricional

As principais guías en alimentación establecidas por organismos nacionais e internacionais recomendan tomar entre dúas e catro racións ao día de lácteos, dependendo da idade e circunstancias de cada colectivo. Unha ración de leite equivalería a 200-250 mililitros (unha cunca ou vaso), mentres que a ración de iogur serían 250 gramos (2 iogures). A porción de queixo semicurado ou curado roldaría os 30 gramos e, a de queixo fresco, sobre 60 gramos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información