Laminados Villapol: madeira de eucalipto glóbulus galego para a industria centroeuropea

O destino máis habitual do eucalipto é a pasta de papel, pero hai usos de alto valor engadido, como a madeira laminada, que están a lograr un importante mercado de exportación

Publicidade

ESTRUTURA VILLAPOL

A empresa Laminados Villapol, de Trabada (Lugo), conseguiu facerse un oco no esixente mercado da madeira en Centroeuropa. O seu segredo: empregar madeira de eucalipto glóbulus de alta calidade e durabilidade para os seus produtos. Fiestras, galerías e carpintería exterior son os principais elementos nos que se empregan os seus laminados.

Falamos co conselleiro delegado da empresa, Óscar Villapol, para coñecer cales foron os pasos dados ata agora, os proxectos de futuro e as posibilidades que a silvicultura para madeira de eucalipto glóbulus pode ter en Galicia nos vindeiros anos.

– Vostedes levan anos seleccionando madeira de glóbulus de alta calidade. Por que optaron por ela e que características presenta?

– Nós traballamos exclusivamente con eucalipto glóbulus para elaborar os produtos de calidade. Precisamos árbores con toros de máis de 45 centímetros de diámetro, algo que rara vez se acada se o eucaliptal non ten 25 anos ou máis. O tempo de crecemento tamén depende da zona, da orientación, do tipo de terreo…

O traballo co glóbulus require dunha maquinaria potente porque é unha madeira de moito peso e tamaño

As pezas seleccionadas teñen que adaptarse ademais ao serrado radial, que dá moito traballo e reduce o aproveitamento. O serrado radial permite que pola cara da táboa vaia a veta sempre recta. Se se producen movementos na madeira por humidade ou oscilación térmica, a nosa madeira vai traducir eses cambios no espesor e non tanto na anchura. Eso é un requisito para garantir a calidade e a estabilidade.

Os serradoiros cos que operamos están adaptados a este sistema de serrado radial. Precisan, iso si, de máquinas robustas porque a madeira coa que traballamos é moi pesada. Hai que decatarse que son pezas de máis de 45 cm de diámetro e 3 metros de longo.

– Resulta difícil conseguir este tipo de pezas de glóbulus de tanto tamaño e en perfecto estado?

– Hai que recoñecer que o eucalipto glóbulus de calidade escasea en Galicia. Porque non se está a desenvolver unha silvicultura que vaia nesa liña. En todo o norte de España e de Portugal, o destino prioritario do eucalipto son as pasteiras. Para iso non necesitan que teña nin tanto tempo nin tanto diámetro.

Esa ausencia dunha silvicultura orientada ao eucalipto glóbulus de calidade non só repercute nos usos que nós lle damos senón tamén noutros produtos industriais como a chapa, produto cun enorme recoñecemento internacional. É unha madeira tamén valorada para parqués, tarimas ou mesmo mangos de ferramentas.

A nosa sección forestal é a que nos permite manter un fluxo estable de glóbulus na empresa

Nós conseguimos a madeira porque traballamos a parte forestal. Unha das nosas empresas, Madeiras Villapol, subministra boa parte do glóbulus que se emprega en Laminados Villapol. Percorremos moitos quilómetros buscando esa madeira ideal e tentamos adquirila cando a atopamos.

Os artesonados son unha das múltiples opcións estruturais que ofrece o eucalipto glóbulus

Os artesonados son unha das múltiples opcións estruturais que ofrece o eucalipto glóbulus

– Sería entón interesante para o sector forestal galego unha maior presenza de plantacións de globulus, en parte con quendas de corta máis longas, alí onde a especie sexa viable?

– Vemos moi interesante que se espalle o cultivo de glóbulus alí onde poida saír adiante. Porque se pode ir a segundas transformacións e produtos de alta calidade que o mercado demanda e está disposto a pagar ben. Incluso para o mercado da pasta sería interesante recuperar e aumentar as plantacións de glóbulus porque mellora o rendemento da producción industrial e tamén a calidade de dita pasta.

O glóbulus ten moita demanda, non só para pasta, senón para usos moi diferentes, como chapa ou tarimas, pero as plantacións de quendas máis longas son escasas e o seu cultivo pouco profesionalizado. Iso é algo que habería que solucionar porque pode ser moi rendible para os produtores e aumentar a competitividade das empresas galegas.

Co glóbulus podemos ir a segundas transformacións e a produtos de calidade polos que o mercado está disposto a pagar

En canto ás pasteiras, non esquezamos que as grandes industrias do sector están inmersas en proxectos para novas aplicacións do eucalipto, como o desenvolvemento dunha industria para abastecer a produción téxtil ou por exemplo os cueiros absorbentes. Todo iso vai funcionar mellor se aumentamos o cultivo do glóbulus.

A aposta polo glóbulus tamén suporía para Galicia unha vantaxe competitiva respecto a, por exemplo, Sudamérica onde traballan con outras especies que non lles dan a posibilidade de acadar o nivel de calidade e versatilidade que obtemos aquí co glóbulus.

– En canto ó eucalipto nitens, que nas últimas décadas se extendeu pola súa maior resistencia á praga do gorgullo e a súa tolerancia a maiores altitudes, védeslle usos madeireiros posibles?

– Hoxe xa hai zonas en Galicia onde se cortan nitens con 10 ou 12 anos. Ten un gran crecemento, pero esa madeira non dá un bo rendemento nin sequera para a produción de pasta, e faise complicado traballar con ela. O problema, para os produtos de segunda transformación da madeira, é a escasa durabilidade do nitens e a dificultade para secalo. Son problemas que a desbotan para usos con alto valor engadido.

O rigoroso proceso de secado é clave para obter unha madeira de calidade

O rigoroso proceso de secado é clave para obter unha madeira de calidade

En calquera caso, tanto o eucalipto nitens como o glóbulus son necesarios para abastecer ás industrias pasteiras. Desde a perspectiva dos usos madeireiros, as dúas castes de eucalipto son difíciles de traballar e requiren dun secado especial e moi lento.

A diferenza témola en que dun glóbulus ben tratado -sen nós, sen folgura, eliminando o corazón, co serrado radial…- obtés un produto cunha durabilidade natural moi elevada. Co nitens dá igual que se faga todo ben, porque non ten esa durabilidade necesaria.

Por durabilidade natural enténdese o comportamento da madeira ante os ataques de todo tipo que pode sufrir. Falamos de fungos, termitas e outros insectos. Ante esas situacións, o glóbulus de calidade ofrece moi boa solución. Aparte de que ten propiedades físico-mecánicas moi atractivas para a carpintería: resistencia a cargas, flexibilidade…

Demostrámoslle ó mercado europeo que o eucalipto galego cumpría coas súas esixencias técnicas

– Cales son os usos principais dos seus laminados e en que mercados están a traballar?

– O eucalipto que nós traballamos podería ser empregado en estruturas construtivas de calquera tipo. O noso produto estrela é o perfil laminado para a fabricación de fiestras. O 90% do que producimos vai para fabricantes do centro de Europa que o destinan a carpintería exterior, é dicir, ventás, portas, galerías e similares.

Xa cando deseñamos o proxecto de laminados sabiamos que o mercado estaba no centro e norte de Europa, porque en Galicia e en España as ventás e galerías fanse maioritariamente de aluminio ou de PVC. As carpinterías industriais non traballan a penas carpintería exterior con madeira. Non hai esa cultura.

Acceder a eses mercados europeos non foi doado. Máis que nada porque tiñamos que demostrarlles que o eucalipto glóbulus cumpría á perfección co que esas empresas necesitaban. Dende que empezamos a fabricar ata que puidemos xa comercializar volumes importantes, pasaron algo máis de catro anos. Conseguimos un reto importante e agora traballamos para eles con fluidez.

No mercado galego tamén comercializamos madeira estrutural, principalmente pequenas vigas e correas, que están a ter moi boa acollida e dan un resultado óptimo. Poderían combinarse perfectamente con metais e con formigón para crear estruturas híbridas. Tamén facemos en pequenas cantidades taboleiro alistonado, pensado principalmente para a fabricación de escaleiras.

– Cales son os pasos que segue a madeira dende que sae do monte ata que sae da fábrica?

– Nós temos unha rede de compradores que percorren o territorio na procura dese tipo de madeira que precisamos. E os serradoiros que son provedores nosos, teñen os seus propios equipos, que os informan cando hai madeira que é de interese para Villapol. Neste caso mercámoslle ó serradoiro a táboa xa rematada.

A demanda de glóbulus para carpintería exterior medra en Europa central e do norte

A demanda de glóbulus para carpintería exterior medra en Europa central e do norte

Onde a nosa intervención é decisiva é sobre todo no secado. É un proceso lento e traballoso no que hai que actuar con moita precisión. En Villapol utilizamos un programa de secado específico para eucalipto que fomos creando grazas á nosa experiencia.

– A madeira que procesan en Laminados Villapol conta coas certificacións máis elevadas. Que supón eso para a empresa, os clientes e o medio ambiente?

Para nós é moi importante empregar madeira que garanta a sustentabilidade. Por iso traballamos baixo as dúas certificacións máis sólidas con recoñecementos internacionais, PEFC e FSC. Son certificacións específicas para a madeira que se corta no monte e en Galicia hai boa parte do eucalipto acollido a elas.

A certificación garante que haxa un control sobre a madeira. Garantimos así que hai un permiso de corta, que se coñece a procedencia da madeira, e que hai as autorizacións necesarias para garantir a trazabilidade e unha axeitada xestión do monte.

– Desde a Axencia Galega da Industria Forestal XERA manteñen liñas de colaboración coas industria do sector. No voso caso, en que ámbitos se desenvolven?

– XERA, como organismo público que é, facilítanos en todo momento unha comunicación directa dende asuntos que teñen que ver co eido administrativo ata os de formación ou os de subvencións e liñas de axuda.

Para as industrias da madeira, é importante todo o que ten que ver cos apoios para innovar en tecnoloxías e maquinarias forestais que van aparecendo no mercado, e que supoñen unha modernización do sector. E non só para os traballos no monte; tamén para maquinaria empregada en segunda transformación. Hai unha colaboración fluída e efectiva.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información