Alvariza, a I Feira Internacional de Apicultura de Lalín, reunirá esta vindeira fin de semana a abelleiros profesionais e afeccionados e a público en xeral na capital do Deza coincidindo coa Feira do Cocido, que tivera que ser aprazada no mes de xaneiro debido á situación sanitaria da pandemia da covid-19.
O programa inclúe unha andaina pola serra do Candán, degustación de meles da zona, catas e showcookings, obradoiros infantís, demostracións en vivo de fundición de cera e unha serie de charlas e ponencias formativas a cargo de estudosos e expertos.
O sábado, Martiño Nercellas fará un percorrido pola historia da apicultura local e Luis Navarro, Elia Pérez e Xosé Manuel Durán falarán da diversidade de polinizadores e da protección da biodiversidade.
O domingo, Diego Huerta explicará outros métodos de loitar contra a varroa; Marcos e Jara Varela explicarán como multiplicar o apiario con criterios selectivos; Melante Parejo, falará sobre marcadores xenéticos; e Egoitz Galartza, sobre a selección da abella negra ibérica.