Lalín celebrará a segunda edición da Feira Internacional de Apicultura o 28 e 29 de xaneiro

Participarán 57 expositores e destacados especialistas no mundo das abellas procedentes de países como Macedonia, Francia ou Austria

Lalín celebrará a segunda edición da Feira Internacional de Apicultura o 28 e 29 de xaneiro

Instante da presentación da II Feria Internacional de Apicultura de Lalín, no consistorio lalinense.

O concello pontevedrés de Lalín acollerá a finais deste mes a segunda edición de Alvariza, Feira Internacional de Apicultura. Celebrarase os días 28 e 29 baixo a Carpa do Cocido, que se instalará no Campo da Feira Vello do municipio, para acoller ó longo destes meses tanto este evento como os organizados arredor da Feira do Cocido.

A cita apícola contará con 57 expositores, 11 máis que na primeira edición e consolídase así como un referente autonómico. Estarán presentes as principais asociacións apícolas de Galicia, que representan case ó 90% dos apicultores galegos. Ademais haberá produtores, empresas e especialistas procedentes doutras zonas de España, así como de Austria, Francia ou Macedonia.

Como apuntou durante a presentación o organizador do evento, o apicultor lalinense David Liñares, a cita busca ser un atractivo para tódolos públicos. Ofrecerá actividades de interese tanto para apicultores experimentados, así como para aqueles abelleiros que comezan a achegarse ó sector e para un público xeral que poida coñecer e degustar produtos de mel, así como para os máis cativos.

A feira contará con actividades o sábado 28 dende as 10.00 ata as 14.00 horas e entre as 16.00 e as 20.30 horas. O domingo a cita será só en quenda de mañá, entre as 10.00 e as 15.00 horas.

Relatorios apícolas

Aínda que por agora non se fixo público o programa definido de actividades, dende a organización xa confirmaron a participación de importantes referentes no mundo da apicultura. O sábado contarán cunha destacada investigadora que abordará a flora apícola. Ó longo da mañá o especialista francés Gilles Fert tratará temas como o manexo das colmeas na saída do inverno e durante a primavera. Pola tarde, o experto tamén abordará a importancia de traballar coa abella autóctona, así como as características a potenciar e seleccionar destas abellas, na procura dunhas colmeas con mellores rendementos.

Na xornada do sábado tamén contarán co técnico macedonio Aleksandar Uzunov, especializado na selección xenética de abella negra e outra razas, que abordará en Lalín os caracteres herdados e selecionables nas abellas.
O domingo, a IXP Mel de Galicia abordará as características da Indicación Xeográfica. Haberá un relatorio sobre a varroa, unha das principais enfermidades das abellas. Trataranse ademais as claves sobre alimentación apícola.

Durante a fin de semana, o programa completarase con demostracións sobre o proceso produtivo do mel e exhibicións de equipamentos por parte de varias empresas.

Degustacións de mel e visita a alvarizas

O programa da Feira incluirá degustacións, catas de mel e exhibición de produtos elaborados con mel como cervexas, licores ou mesmo vinagre. Ó longo das dúas xornadas haberá demostracións culinarias que inclúen mel nas súas elaboracións e catas guiadas pola IXP Mel de Galicia, para coñecer os distintos tipos de mel producidos en Galicia. Ademais, dispoñerán dun espazo de cata libre chamado Recantos de Galicia, onde os asistentes poderán degustar diferentes meles galegas e maridaxes de queixos das principais queixerías da comarca do Deza.

A cita incluirá ademais obradoiros para os cativos. Como na primeira edición realizarase unha ruta para visitar as alvarizas, apiarios pechados con lousas para protexer as colmeas dos ataques da fauna salvaxe e que se conservan no municipio, entre as que destacan as conservadas na Serra do Candán.

Trala boa acollida da primeira edición, neste segundo ano a Feira busca seguir consolidándose como un referente, como sinalaron tanto o alcalde do Concello, José Crespo, como os edís Avelino Souto e Begoña Blanco durante a presentación, ó tempo que aseguraron o apoio do Concello de Lalín ó proxecto.

Cartel Alvariza Lalín

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información