Lalín acollerá na feira Alvariza a presentación de exoesqueletos para apicultores ou os útimos avances contra a varroa

FEIRA ALVARIZA LALIN 2025O apicultor David Liñares, organizador en colaboración con o Concello de Lalín, presentou esta mañá, acompañado do concelleiro Avelino Souto, a cuarta edición da Feira do Mel Alvariza, un evento xa asentado en Lalín dentro das actividades da Feira do Cocido.

A feira terá lugar a primeira fin de semana de febreiro, en concreto o 1 e 2 de febreiro coma sempre na Carpa do Cocido do Campo da Feira Vello. A cuarta edición de Alvariza manterá un formato continuista ofertando unha programación feiral para todos os públicos, cunha parte profesional para os apicultores ou os que buscan iniciarse na apicultura e outra de marcado carácter gastronómico para o resto do público con produtos relacionados co mel. O programa inclúe actividades como charlas técnicas ou talleres e showcooking con especial atención nos máis pequenos, así como animación musical.

David Liñares avanzou que “participarán con casetas varias empresas do sector apícola, así como as principais asociacións apícolas, produtores de mel da zona pero tamén de fóra de Galicia”. “Como novidade -engadiu- participará unha empresa que elabora cosmética natural a partir de mel da zona, así como unha conserveira que emprega o mel como conservante, tamén participarán queixerías tanto locais como unha de fóra que elabora queixo de cabra con mel e un vinagre de allo negro, mazá e mel, ou bombóns e outros produtos de chocolate con mel”. Igualmente destacou a presenza dun viveiro que presentará árbores e plantas que destacan polas súas propiedades melíferas.

O organizador de Alvariza tamén destacou o Roteiro Apícola, unha actividade que suscita gran interese ano tras ano, e que nesta ocasión discorrerá pola fraga de Catasós, así como por varias alvarizas, co obxectivo de poñer en valor o rico patrimonio apícola do Deza.

Charlas técnicas

Polo que respecta ás charlas técnicas dirixiranse tanto a un público xeneralista como a profesionais do sector. Nesta ocasión, a programación do sábado incluirá a presentación de exoesqueletos especiais para desenvolver traballos no apiario con menor esforzo, uns equipos que se poderán probar na caseta da empresa durante toda a fin de semana. Outras temáticas de interese que se abordarán nas charlas do sábado serán o control da varroa, a apicultura ecolóxica, a selección xenética das abellas ou o manexo das colmeas a cargo de distintos expertos.

A programación do domingo contempla a presentación dun novo produto para combater a varroa ou un relatorio a cargo dunha investigadora que explicará o ciclo de vida e o comportamento dos distintos tipos de avespas. Tamén falarase sobre o pole e as súas posibilidades comerciais.

Xa para un público máis amplo, ao longo da fin de semana terán lugar distintos showcookings nos que 4 chefs elaborarán distintos pratos empregando produtos da colmea (mel, xelea real, pole…#etc). Ademais, e como vén sendo habitual, celebraranse catas de mel e de hidromel.

Igualmente, ao longo da feira Alvariza 2025 celebraranse sorteos de produtos apícolas así como obradoiros infantís tanto pola mañá como pola tarde. Tamén haberá un photocall co galardón dos premios audiovisuais Mestre Mateo, cuxa gala este ano celébrase en Lalín.

Por último, na semana previa á feira impartiranse charlas divulgativas polos distintos centros escolares de primaria da capital do Deza para transmitirlles aos máis pequenos a importancia da apicultura para o ser humano e para o medioambiente. Os escolares participarán nun concurso de debuxos sobre temática apícola.

FEIRA ALVARIZA LALIN 2025 CARTAZ

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información