Co obxectivo de chegar ás 130 vacas en muxido levando en paralelo un rabaño holstein e outro jersey, José Luis Carballo, Rocío Pena e os seus dous fillos, Sergio e Abel, construiron no lugar da Lagoa unha nova nave que contan ter a pleno rendemento en 2020. Explícannos por que se decidiron e as dificultades que atoparon no camiño.
“No noso caso era meterse a facer un novo establo ou pechar e adicarse a outra cousa, non tiñamos alternativa. A cuadra vella ten 40 anos e non daba máis de si e as vacas estaban moi mal, había sitio para 25 e muxiamos 50”, conta Abel, o máis novo da familia pero que con só 18 años é un dos piares da explotación.
Trouxeron 16 xovencas primeirizas de raza jersey de Dinamarca e xa o notaron na mellora das calidades do leite
Estudou o ciclo medio en Produción Agrícola en Fonteboa e conta facer efectiva a súa incorporación á granxa familiar o vindeiro ano para completar deste xeito a segunda fase do proxecto. O seu irmán Sergio, de 26 anos, fíxoo en 2018 e coa axuda da incorporación construiron a nave nova para as 70 vacas en produción que teñen a día de hoxe.
“Estamos muxindo as 50 vacas frisonas que tiñamos na cuadra vella e 11 jersey dun rabaño de 16 xovencas primeirizas que trouxemos de Dinamarca”, explica Abel. “Deixamos Danone e entramos en Entrepinares fai agora dous anos en outubro. Buscabamos mellorar en calidades e o certo é que se notaron as jersey, porque muxindo só unha ducia pasamos de 3,20 de proteína e 3,70 de graxa a 3,60 de proteína e 4,20 de graxa”, conta. O problema, di, é que “viñeron todas xuntas e agora van secar todas xuntas e imos baixar moito de golpe”.
Recoñece que “dan algo menos de leite”, unha media de 19 litros fronte aos 33 das holstein. “As vacas que xa había na casa cambiámolas para aquí o 15 de marzo e só co cambio de instalacións, sen facer nada máis, xa se notou moito na produción e subiron ao leite porque na cuadra vella estaban moi apertadas”, asegura.
Dous rabaños en paralelo
De momento, as vacas jersey están na mesma cornadiza que as frisonas aínda que separadas noutro lote, pero aínda que as camas están adaptadas ao seu tamaño e son máis pequenas, as dimensións do comedeiro son as mesmas. “Quédalles algo grande, porque as jersey son máis pequenas”, conta Abel.
A ampliación que van acometer o vindeiro ano está pensada para as jersey, con cubículos máis pequenos
A intención que teñen cando completen o proxecto é contar con dous rabaños diferenciados, de 65 vacas en muxido cada un, un de raza holstein e outro jersey. Cada un deles ocupará unha ala da nave, co pasillo de alimentación polo medio. De momento, nesta primeira fase, construiron a nave para as frisonas e as instalacións comúns (foxa de purín, sala de muxido, etc). O investimento foi de 550.000 euros. O vindeiro ano, coa axuda á incorporación de Sergio completarán a segunda fase, a ala da nave adicada ás jersey, cun investimento previsto de 100.000 euros. “Xa quedou todo preparado para dobrar a nave, só necesitamos outra ringleira de cornadizas, as camas e o teito sandwich, a foxa de purín e a sala de muxir xa serve porque foi todo feito coa intención de medrar”, comenta Abel.
Esa nova ampliación estará deseñada para acoller ao rabaño jersey, polo que as dimensións serán distintas, adaptadas ao seu menor tamaño. “Os cubículos serán dun metro de ancho fronte ao metro vinte que teñen os das frisonas, é dicir, cada 5 frisonas colle unha jersey máis”, explica.
Os separadores dos cubículos no canto de ser barras de ferro son de plástico. “Son flexibles, aínda que tropecen neles non lles pasa nada nin ás vacas nin aos cubículos. É unha novidade que vimos por internet e despois na SAT Os Penedos da Pastoriza, que xa os tiñan postos desde hai un tempo”, conta.
A cama é de serrín e secante, que botan un día si e outro non. “De momento vainos moi ben así, as vacas están cómodas. Recheámolos todas as semanas, no purín non ten ningún problema, non é como a area, e ademais é algo máis barato que o carbonato. Se as tés ben coidadas non tés ningún problema de mamite, nós levamos xa seis meses e non tivemos ningún problema”, aclara Abel.
Centrados en atender o gando
O irmán maior, Sergio, estudou Mecánica e traballa nunha empresa de servizos que é a que lles fai todos os traballos na explotación. “Penso que compensa, así podes atender máis ás vacas que é o que dá os cartos”, opina Abel.
Manexan unha superficie de 85 hectáreas en total. “En Miraz de leite só quedamos nós, problema de terreo non temos porque nesta zona hai fincas dispoñibles, pero estamos bastante arriba e o terreo non é tan bo e produce menos, así que temos que abonar máis”, comenta Sergio. Perto de 70 hectáreas adícanas á produción de herba e só para a recría e as vacas secas destinan 20 destas hectáreas. “As de produción non as botamos, nin sequera as jersey”, aclara Abel.
Levan anos sufrindo as consecuencias dos danos provocados polo xabarín nas colleitas, o que os obrigou a ter que investir en cercados. “Paramos de botar millo varios anos por culpa do cocho e tiñamos que mercalo. Agora decidimos pechar unha finca de 16 hectáreas para poder botalo, comezamos o ano pasado”, indica Sergio.
Deixaron de botar millo durante anos por culpa do xabarín e agora pecharon unha finca de 16 hectáreas
Para facer a ración venlles o carro mesturador de Clun. “De momento facemos a mesma ración para as jersey e para as frisonas pero imos cambiar, porque nas frisonas queremos dar bagazo e nas jersey non, porque auméntalles a produción pero tamén lles baixa á calidade”, razoa Abel.
Esa é a razón tamén pola que seguen muxindo dúas veces ao día, ás 6 e cuarto tanto pola mañán como pola noite. “Non é por unha cuestión de tempo, porque en hora e cuarto rematamos, pero penso que con tres muxiduras sobes ao leite pero baixas ás calidades e a nós interésannos calidades”, argumenta.
O traballo na explotación fano entre os catro: Sergio, Abel e os seus pais. “Daba moito máis traballo antes na outra corte, muxiamos con 4 puntos e levábanos 4 horas, se fixeramos 3 muxiduras serían xa 12 horas só muxindo”, compara Abel, que di que nas novas instalacións “sóbranos o tempo aos 4 e iso permítenos traballar para fóra a meu irmán ou a min”.
Apaixoado da xenética
Malia ter só 18 anos, Abel fala coma un gandeiro experimentado. A formación en Fonteboa valeulle, di, “porque é todo relacionado con isto e aprendes moitas cousas que despois podes aplicar na túa propia explotación. Eu as prácticas fágoas na casa”, bromea.
É el o que se encarga da selección xenética da granxa. “A xenética gústame moito, ando en concursos, xa desde que era máis pequeño e fun subcampión xove manexador”, conta. Nas primeirizas está a poñer seme sexado até as dúas primeiras inseminacións para deste xeito lograr medrar máis rápido no número de cabezas.
As xovencas preñadas e as vacas secas están fóra e ocupan 20 hectáreas de pradeiras
Todo o seme que emprega é americano ou canadiense. “Eles buscan máis vacas de tipo, que son as que me gustan para os concursos, aínda que sen descoidar o leite, que é ao final o que che dá os cartos”, indica.
A recría fana agora na cuadra vella. As becerras están até os 3 meses de vida tomando leite en pó, dos 3 aos 9 meses están en cama quente de palla e até os 14-16 meses en cornadizas e serrín. “Cando están preñadas bótanse fóra coas secas e teñen a porta aberta para vir comer o penso e o silo pola mañán”, explica Sergio.
A maiores das xovencas e das vacas secas, nas pradeiras están criando bois. “Como dispoñemos de terreo dabondo decidimos probar. Temos 5 bois capados, 2 son cruce con angus e 3 frisóns. Dous xa cumpriron os 2 anos pero até dentro de 3 non imos saber o resultado, porque a idea é cebalos para facer bois de 5 ou 6 anos. Penso que tendo terreo é compatible coa produción de leite, porque até o cuarto ano non hai que metelos dentro e non dan traballo ningún tendo pasto para eles, e ademais de pacer só lles damos fariña de millo e herba seca”, conta. De momento é un experimento pero xa poden tirar algunha conclusión: “os angus son máis pequenos que os frisóns pero con menos comida logran sacar os mesmos quilos”, din.
Ademais do do xabarín, tiveron que enfrontarse a outros problemas para poñer a andar a nova explotación. Por exemplo, tiveron que pagar eles o cableado eléctrico desde a casa até as novas instalacións, uns 300 metros de distancia, e agora a compañía eléctrica quere cobrarlles tamén por aumentar a potencia, que é escasa e non lles chega. Pero Sergio e Abel mostran entusiasmo e tenacidade no que fan e están dispostos a superar as dificultades que, din, son moitas, para seguir adicándose á gandería.