Ladairo, viños con mimo

Esta adega da DO Monterrei, que xestiona arredor de 23 hectáreas de viñedo, mantén o coidado da calidade desde o traballo nas viñas, onde xa nos anos 80 o seu fundador, José Luis Vaz, decantouse por variedades coma o godello e a treixadura en brancos, e a mencía e a arauxa en tintos

Publicidade
Ladairo, viños con mimo

Ladairo é unha adega da denominación de orixe (DO) Monterrei que exemplifica a aposta pola calidade que seguen os viños da comarca. Xa nos anos 80, o fundador de Ladairo, José Luis Vaz, comezou a orientar os viñedos familiares cara variedades de prestixio, coma o godello e a treixadura en brancos, ou a mencía e a arauxa (tempranillo) en tintos. O seu traballo no viñedo, con rendementos controlados, culminou a mediados dos anos 90 na posta en marcha dunha moderna adega, na que desde un comezo contou coa colaboración do enólogo Álvaro Bueno, que continúa á fronte do control enolóxico na actualidade.

A adega, na que colleron o relevo de José Luis a súa viúva, Josefa Vaz García, e a súa filla Ana, elabora arredor de 200.000 litros ó ano, en torno a un 60% de tintos e un 40% de brancos. Ladairo ten os seus mercados principais en Galicia e Madrid, e tamén cunha pequena parte adicada á exportación a países como Bélxica, Holanda ou Gran Bretaña.

Como é habitual na denominación, en Ladairo destacan os viños xoves, un branco de godello e treixadura, e un tinto de mencía con arauxa. En barrica, elabórase ademais tódolos anos un tinto en base a unha selección de cepas vellas, tanto de mencía e arauxa como doutras variedades, caso da sousón, brancellao ou a bastardo, unha variedade local característica de Monterrei.

Elaboracións
A elaboración dos viños brancos xoves presenta en Ladairo a particularidade dun traballo das lías antes da primeira fermentación. Durante 2-3 días, o viño permanece en cuba coas lías a unha temperatura de 5º C, a fin de evitar a súa fermentación. “É un proceso que permite lograr viños con máis estrutura e densidade. Tamén se facilita a cesión de aromas da pel da uva ó mosto, o que favorece a fermentación”, explica Álvaro Bueno.

Coa uva treixadura, dado que se trata dunha variedade con gran presenza de aromas na pel, a adega procede á conxelación da pel con neve carbónica para favorecer a súa rotura e a saída dos aromas durante a maceración.

O proceso continúa co filtrado e fermentación dos viños para, finalmente, cando está concluído o seu acabado, facer un ‘coupage’ de variedades e proceder a embotellalas.

En tintos xoves, a elaboración contempla arredor de 12 días de maceración do mosto co bagazo. Faise despois un sangrado do mosto e un prensado do bagazo, uníndose os viños xema cos viños prensa. O proceso inclúe tamén a microosixenación dos viños antes da fermentación maloláctica co obxectivo de que expresen todo o seu potencial aromático.

Barricas na adega de Ladairo.

Barricas na adega de Ladairo.

Para as elaboracións de tintos en barrica, a maceración chega ós 20-25 días e mantense o bagazo en contacto co viño tras rematar a primeira fermentación, facilitando así a adición de máis taninos e cor. O viño, unha vez sangrado, pasará en barricas de carballo francés e americano arredor de 6-8 meses, antes da súa clasificación e embotellado.

En anos de colleitas excepcionais, tamén se elaboran brancos en barrica, aínda que non é o máis habitual. “O godello é un viño con corpo, estrutura e acidez, apto para o traballo en barrica, pero a tendencia de mercado en brancos é a de viños xoves, aromáticos e con toques de froita e acidez”, valora Álvaro Bueno.

Os numerosos premios nacionais e internacionais logrados pola adega avalan o seu traballo. En tintos, conseguiron en varias ocasións a distinción ó mellor tinto de Galicia, no marco das Catas de Galicia, a última vez no 2016, en tanto que en brancos tamén acumulan numerosos galardóns, un dos últimos un baco de prata.

Vista dalgúns dos viñedos da adega.

Vista dalgúns dos viñedos da adega.

Viticultura
O traballo na adega aséntase sobre a base dun traballo vitícola que mantén a liña tradicional de Ladairo, con rendementos controlados que rondan o 7.000-9.000 quilos por hectárea en brancos e algo máis en tintos. Estes días, Ladairo estivo acometendo podas en verde e en agosto completará o traballo con clareos de racimos, a fin de deixar a carga final que se busca.

Espérase para esta campaña unha bo desenvolvemento do viñedo que compense as perdas do 2017, cando toda a denominación de orixe sufriu unhas xeadas tardías que minguaron a colleita en arredor dun 50%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información