Lácteos Pérez Olveira prevé unha transmisión inmediata das súas queixerías a TGT

A empresa iniciará reunións coa industria compradora das súas unidades produtivas en canto o auto xudicial que autoriza a venda sexa firme, o que se producirá a finais de mes, se non hai alegacións

Lácteos Pérez Olveira prevé unha transmisión inmediata das súas queixerías a TGT

Planta de Lácteos Pérez Olveira na Pereira (Santa Comba).

O proceso de venda de Lácteos Pérez Olveira a TGT está a chegar a súa fin, logo de que o xulgado mercantil da Coruña autorizase a venda das unidades produtivas da Pereira (Santa Comba) e O Pino ó grupo catalán TGT, unha das principais firmas queixeiras a nivel estatal. O xulgado opuxérase á venda a inicios de outubro, pero finalmente tivo en conta as alegacións presentadas por TGT e autorizou a operación.

Se non se presentan alegacións, o auto xudicial que autoriza a venda será firme a finais de novembro, intre no que Lácteos Pérez Olveira activará a transmisión das súas instalacións e marcas a TGT. O proceso inclúe a subrogación de todos os traballadores das plantas de Pérez Olveira, e será preciso tamén elaborar novos contratos coas explotacións suministradoras.

Desde Pérez Olveira explican que ata o de agora mantiveron contratos a curto prazo coas granxas, dada a situación de provisionalidade na que se atopaba a empresa, pero é previsible que TGT ofreza contratos anuais, cuestión á que está obrigada pola lexislación, por outra banda.

A operación de venda de Pérez Olveira pechouse finalmente en 5,6 millóns de euros, dos que 4,3 foron retidos polo Grupo Teodoro García Trabadelo en concepto do crédito hipotecario das instalacións da Pereira e O Pino, un crédito que TGT adquirira no seu día, cando xa puxaba polo compra das plantas da firma galega.

En principio, as partes non esperan alegacións ó auto xudicial que autoriza á venda, xa que tanto a administración concursal como Lácteos Pérez Olveira están de acordo coa operación. Desde Pérez Olveira sinalan que iniciarán reunións con TGT para afrontar a transmisión de activos en canto o auto sexa firme, a finais deste mes, se non hai alegacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información