A inacción ante o exceso de leite pon a outras cen granxas contra as cordas

Lácteos de Riotorto baixará o prezo do leite 7 céntimos en marzo pola falta de mercado. A empresa, un primeiro comprador intermediario, argumenta que todas as ofertas que ten das industrias son a 19-20 céntimos

A inacción ante o exceso de leite pon a outras cen granxas contra as cordas

O sector augura unha primavera complicada polos excedentes estacionais de leite.

A ausencia de medidas no sector lácteo para unha xestión ordenada dos excedentes de leite está a xerar graves problemas para parte das granxas. As primeiras en verse en dificultades este ano foron o medio cento de explotacións que integran a cooperativa Codegui (Guitiriz), que mandan a súa produción para leite en po, pagada no entorno dos 20 céntimos litro, desde hai tres semanas. En marzo, un cento de granxas que traballan con Lácteos de Riotorto veranse nun problema similar.

Lácteos de Riotorto, un primeiro comprador intermediario entre gandeiros e industrias, anuncioulle os seus produtores unha baixada de 7 céntimos a partir de marzo polas dificultades do mercado. “Todas as ofertas que teño das industrias para comprar o leite son a 19-20 céntimos. En consecuencia, teño que rebaixar o que lle pago ás granxas porque se non iría a quebra”, explica Víctor Crecente, administrador único de Lácteos de Riotorto.

A empresa asegura que se puxo en contacto coa Consellería do Medio Rural para trasladarlle o problema con antelación suficiente, pero polo de agora non se albiscan solucións. O administrador de Lácteos Riotorto tamén lle enviou unha carta á Interprofesional Láctea (Inlac) na que lle pregunta en que pode axudar a Inlac a Lácteos Riotorto e ós gandeiros que lle entregan o leite á hora de atopar novos compradores. Non obtivo resposta. “Para que me serve a Inlac?”, pregúntase.

“O problema non somos os primeiro compradores. Quen manda son as industrias e non queren mercar o leite” (Víctor Crecente, Lácteos de Riotorto)

“Pola miña parte, se hai calquera empresa que lle ofreza un prezo digno ós gandeiros, anímoos a que se cambien sen dubidalo” -apunta Víctor Crecente.- “Teño produtores cos que levo traballando 20 anos, pero a situación é a que é. Parece que o problema somos os primeiros compradores, pero a cuestión de fondo é que non hai ningunha industria que queira mercar o leite, nin directamente ás granxas nin a nós neste caso, aínda que penso que haberá máis primeiros compradores particulares e cooperativas na mesma situación. Quen manda é a industria, eu non podo ordenarlle á industria que me merque o leite”, conclúe o empresario.

Lácteos Riotorto viña pagando o leite ata agora coa fórmula 70-30, un 70% do leite a prezo de mercado (27 céntimos de media máis calidades) e un 30% a prezo de leite en po. O aumento da produción nos últimos meses e os excedentes estacionais da primavera empeoraron a situación, ata o punto de que a partir de marzo a empresa asegura que terá que vender a práctica totalidade do leite a prezos de 19-20 céntimos. “Estarán aí facturas e contratos para verificalo”, aseguran desde Lácteos de Riotorto.

A empresa di terlle trasladado o problema á Consellería do Medio Rural e á Inlac con antelación suficiente

A empresa agarda que Administracións ou industrias lle ofrezan outras alternativas de comercialización, se ben por agora non hai perspectivas de solución. “Hai industrias que estiveron recibindo moitas subvencións de cartos públicos e que deberían ser as que asumisen a xestión de excedentes, pero non está a ser así”, valora Víctor Crecente.

O caso de Lácteos de Riotorto saiu á luz logo de que o Sindicato Labrego advertise do problema ó que se enfrontan a partir de marzo as granxas que lle entregan o leite á empresa. Son en total 104 explotacións, cunha produción de 1,5 millóns de litros ó mes, e repartidas por diversas comarcas leiteiras como a Terra Cha ou Melide.

Reunión hoxe en Bruxelas.

Reunión hoxe en Bruxelas.

Peticións de Medio Rural en Bruxelas
Doutro lado, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe a segunda das dúas reunións que tiña previstas en Bruxelas, esta vez co director de Mercados da Comisión Europea, Joost Korte. Vázquez trasladoulle a Korte unha petición para o aumento dos prezos de intervención do leite en po, de cara a aliviar a delicada situación de mercado que se prevé na primavera.

Outra das medidas propostas pola conselleira foi o impulso a un aumento da transparencia na cadea de valor do leite a nivel europeo. En España, o Ministerio proxecta un decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión entre industria e distribución, un dato que permitiría aclarar o escenario. A conselleira considera que esta lexislación debería de impulsarse a nivel europeo.

Por último, a titular de Medio Rural tamén fixo un chamamento para mellorar a organización e a competitividade do sector produtor: “Os gandeiros teñen que organizarse e ser fortes”, defendeu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información