A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Lactalis usa nas súas dúas fábricas de Galicia un 50% de enerxía de orixe renovable

Esta medida, materializada grazas a un acordo asinado con ENGIE España, permitirá ao grupo francés reducir un 10% as emisións de CO2 das plantas de Vilalba e Nadela

O grupo francés conta con dúas fábricas en territorio galego, as de Vilalba e Nadela, en Lugo

O grupo francés conta con dúas fábricas en territorio galego, as de Vilalba e Nadela, en Lugo

O coidado do medio ambiente é cada vez máis unha preocupación fundamental para o sector lácteo, non só desde o punto de vista dos gandeiros, senón tamén das industrias que recollen e transforman ese leite. O grupo francés Lactalis, que é o que maior volume de leite compra en Galicia, leva anos traballando para diminuír o impacto das súas factorías sobre o medio ambiente.

Proba diso é que, desde o 1 de xaneiro deste ano, o 50% da electricidade que se utiliza en todas as instalacións do Grupo Lactalis en España, entre as que se atopan as plantas de Nadela e Vilalba, xa é de orixe renovable. Esta medida sostible co medio ambiente débese a un acordo asinado con ENGIE España que terá unha vixencia de 9 anos, período durante o cal ENGIE fornecerá preto de 70 GWh de electricidade ao ano.

Grazas a esta enerxía de orixe renovable, as fábricas do Grupo Lactalis reducirán un 10% as súas emisións de CO2, aforrando a emisión á atmosfera de 26.950 toneladas de CO2 ao ano. Esta cantidade equivale a retirar máis de 11.000 vehículos da circulación durante un ano.

Nos últimos anos as plantas de Villalba e Nadela, que traballan con combustible limpo, fixeron importantes esforzos para reducir o seu impacto ambiental minimizando o consumo de auga e de emisións de CO2 á atmosfera

As fábricas de Villalba e Nadela fixeron grandes esforzo nos últimos anos para reducir o seu impacto ambiental e xa deran pasos importantes nese sentido antes de que se materializase este acordo con ENGIE España. En 2019, por exemplo, conseguiron reducir máis dun 6% a emisión de CO2 á atmosfera.

Recolle a 2.300 gandeiros e conta con 8 plantas en España

O compromiso ambiental é un dos principais piares de Grupo Lactalis, que segue avanzando para poñer en marcha iniciativas respectuosas co medio ambiente e contribuír á economía circular. A compañía realizou tamén importantes avances na redución do consumo de auga, a xestión de residuos e a sustentabilidade dos envases: grazas aos investimentos levados a cabo pola compañía orientadas a alcanzar estes obxectivos, o consumo de auga reduciuse nun 1,8% en 2019; actualmente todas as fábricas de Lactalis en España traballan con combustible limpo; e, a nivel de envases, aínda que o 100% deles xa son reciclables, o Grupo continúa traballando no seu ecodiseño e na incorporación de material reciclado na súa fabricación.

Fundado en Francia nos anos 30, o Grupo Lactalis é unha empresa familiar desde fai tres xeracións. Líder mundial dos produtos lácteos, o Grupo conta con 84.000 colaboradores, opera en máis de 260 fábricas en todo o mundo e está presente en 94 países. En España, o Grupo Lactalis conta con 8 fábricas e 2.500 empregados. Ademais, adquire leite a nivel nacional a máis de 2.300 gandeiros. Entre os seus produtos atópanse marcas como Galbani, Président, Puleva, Lauki, RAM, O Castelo, Gran Capitán, Flor de Esgueva, O Ventero ou Chufi.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *