
Camión de recollida de Lactalis nunha granxa da provincia da Coruña
O escenario de renovación de contratos do leite que se está a producir en Galicia esta primavera é de prezos á alza (entre 1 e 3 céntimos), pero esa mellora está a ser moi desigual en función do volume de entregas das ganderías, incrementándose de xeito notable as diferenzas entre granxas grandes e pequenas.
A última empresa en sumarse a esta tendencia foi a multinacional francesa Lactalis, que mandou a súa proposta de contrato esta semana ás máis de 1.100 granxas ás que merca o leite en Galicia (cun volume total duns 450 millóns de litros anuais). Propón un contrato de 4 meses de duración (1 de abril-31 de xullo) cun prezo base de 41 céntimos, o mesmo que no actual contrato, pero con cambios na bonificación por entregas, coa creación de dous tramos máis por arriba que priman só ás granxas de maior volume: 5 céntimos entre 200.000 e 275.000 litros mensuais e 5,5 céntimos para máis de 275.000.
Lactalis imita así a Larsa, que tamén creou no novo contrato dous estratos máis por volume (5,5 céntimos para ganderías entre 209.000 e 250.000 litros ao mes e 6 céntimos para entregas de máis de 250.000 litros), subindo deste xeito o tope por enriba 1,5 céntimos (de 4,5 a 6 céntimos). No caso de Lactalis, o importe máximo da prima por cantidade pasa de 3 a 5,5 céntimos.
Lactalis equiparase a Larsa con dous estratos máis na prima por cantidade para as granxas de máis volume
A multinacional francesa, a empresa que máis leite recolle na comunidade, mantén o resto de condicións do seu contrato: 0,5 céntimos a décima de graxa por enriba de 3,70% e 0,3 pola de proteína por enriba de 3,20%, 1,5 céntimos por calidade hixiénica super A e até 1,2 céntimos por benestar animal, segundo a puntuación obtida (até 50 puntos 0,3 céntimos; entre 50 e 54 puntos 0,5; entre 54 e 60 0,7; entre 60 e 75, 1 céntimo; e máis de 75 1,2).
A suba vía complemento por cantidade pero sen tocar o prezo base supón de facto a contención do cheque do leite para os vindeiros meses á maioría de granxas que lle venden o leite en Galicia e está a provocar descontento entre as explotacións de tamaño pequeno e mediano, que agardaban unha mellora de contrato, en liña o que fixeron outras industrias que operan na comunidade.
Os prezos de Larsa chegan como máximo a 50 céntimos, os de Naturleite a 49,5, os de Lactalis a 49,2 e os de Reny Picot, Celta e Inleit a 49
Conscientes do malestar, os propios inspectores da empresa están a dicirlles aos gandeiros nalgunhas zonas, como na comarca do Xallas, que está a ser nesta ocasión a zona quente de renovación, que o prezo final podería ser mellorado aínda antes do 31 de marzo con algún tipo de complemento empresarial.
A empresa gala pertencente á familia Besnier corrixe en parte a oferta inicial lanzada hai mes e medio, na que mesmo propuña unha baixada de dous céntimos até o verán, baixando o prezo base aos 39 céntimos, pero os movementos producidos desde entón no mercado do leite en Galicia cambiaron por completo o panorama a día de hoxe.
A multinacional francesa quedou fóra de mercado en Galicia logo da escalada de prezos provocada polos movementos de Reny Picot
O movemento de captación de leite de Reny Picot, que desencadeou de xeito inmediato unha reacción do resto de competidores para asegurar aos provedores, semella ter collido co pe cambiado a Lactalis, cun prezo base no contrato que queda lonxe dos prezos de renovación que están a manexar as demais industrias.
Entrepinares sobe 1,5 céntimos
Ás subidas asinadas por Inleit (3 céntimos na base até os 46 céntimos, que poderían chegar aos 49 coa prima por volume), Naturleite (2 céntimos no prezo base até os 46, até 3 por benestar e sostibilidade e medio por mercar o penso, cun prezo final de 49,5) ou Larsa (que non tocou o prezo base de 42 pero subiu de medio céntimo a 2 por volume e medio por benestar, cun prezo final de 50 céntimos para as explotacións máis grandes), sumouse esta semana Entrepinares, que sobe 1,5 céntimos o prezo base até deixalo nos 48,5 céntimos.
A queixería de Valladolid, con planta de fabricación en Vilalba, non fai diferenzas entre os seus gandeiros por volume de entregas e inclúe xa no prezo base a bacterioloxía, que se descontaría en caso de incumprimento, polo que a única mellora posible sobre o prezo base fixado no contrato viría polas calidades, coa décima de graxa por enriba do 3,80% a 0,5 céntimos e a de proteína a partir de 3,20% a 0,8 céntimos, moi por enriba doutras empresas. A súa aposta polos sólidos está a facer que boa parte das súas ganderías acaden niveis de proteína que superan o 3,50%, o que lles aporta unha revalorización de máis de dous céntimos en litro.
A queixería de Vilalba non fai diferenzas entre granxas por volume de entregas e paga a décima de proteína a 0,8 céntimos
A empresa recolleu no ano pasado en Galicia un total de 215 millóns de litros de leite en 170 ganderías e este ano agarda incrementar o seu volume de recollida até chegar aos 230 millóns de litros. A maior parte dese aumento viría dado polo propio crecemento orgánico das granxas que levan anos acompañando o medre da planta de Vilalba, que experimentou xa dúas ampliacións desde a súa inauguración no ano 2011, e está a exportar neste momento queixo a Portugal da man da apertura de supermercados da cadea Mercadona no país veciño.
A maioría das explotacións de Entrepinares son de tipo medio, cunha produción de entre 1,5 e 2 millóns de litros ao ano
Aínda que Entrepinares incorporou algunha nova explotación na renovación de contratos en xaneiro, a empresa está a ser cauta na captación de novas ganderías para permitirlles seguir medrando ás granxas que xa teñen. Moitas delas fixeron importantes investimentos nos últimos dous anos, tanto en ampliación de instalacións como en robotización, e contan cunha media de idade dos seus titulares bastante nova, polo que as perspectivas é que sigan a aumentar a súa produción nos vindeiros anos.
Subas desiguais en Leche Celta
A renovación de contratos do leite en Galicia atópase na súa fase final e estará rematada previsiblemente a vindeira semana, na que se agarda que saia o Grupo Lence (Leite Río e Leyma), malia que ten contrato en vigor até o 30 de abril, igual que Pascual ou Nestlé. Sen embargo, a axitación que se está a vivir este ano nas renovacións de primavera fixeron que a maioría de empresas sairan antes do que é habitual, adiantando as sinaturas. No caso de Leite Río, xoga así coa vantaxe de coñecer previamente os contratos de Lactalis, Larsa ou Celta, principais competidores da compañía lucense no segmento de empresas adicadas ao envasado de leite de marca branca en Galicia.
Leite Río sairá a vindeira semana, adiantando un mes a sinatura de contratos
No caso da fábrica de Pontedeume propiedade da cooperativa portuguesa Lactogal, está a levar a cabo unha negociación individualizada coas ganderías, aplicando subas desiguais de entre 1 e 2 céntimos dependendo do volume de entregas, chegando a acadar un prezo final de 49 céntimos para as granxas máis grandes, igualando deste xeito o prezo de Reny Picot, para evitar a fuga de explotacións sobre todo na comarca de Santa Comba e outras zonas da provincia da Coruña, como por exemplo un grupo importante de gandeiros de Rois cos que segue a negociar.
Medio céntimo en litro por comprar o penso a NaturRego
En canto á planta de Meira, que envasa para Mercadona, está a efectivizar unha suba de 2 céntimos no prezo base, até os 46 céntimos, chegando aos 49 coas primas por calidade hixiénica, benestar e pegada de carbono, que sofren modificacións. A dobre A por células e bacterioloxía segue supoñendo 1 céntimo en litro, pero os complementos por sostibilidade e benestar poden ir de 0,5 a 2 céntimos en función da puntuación Welfair e da auditoría propia de medio ambiente da empresa, que por primeira vez vai ligada ao sistema de xestión de residuos da granxa.
O complemento de Naturleite está condicionado a mercar un mínimo de 0,45 kg de penso por litro de leite entregado
Outra das novidades do contrato de Naturleite é a prima de 0,5 céntimos en litro que a empresa está a ofrecer aos gandeiros que ademais de entregarlle o leite tamén lle merquen o penso, logo da adquisición da fábrica de Cereais Rego en Meira. O consumo mínimo terá que ser de 0,45 quilos de penso por litro de leite entregado. A cooperativa andaluza Covap, propietaria en Galicia de Naturleite e NaturRego, segue así a mesma estratexia que realizan tamén outras cooperativas, como Central Lechera Asturiana, Aira ou Clun, que vinculan o prezo da compra do leite coa venda de insumos.
O contrato de Naturleite é de 7 meses contados a partir do 1 de abril e inclúe tamén unha prima única de 3 céntimos a cobrar en abril pero efecto retroactivo sobre o leite entregado desde xaneiro, que en boa medida está a condicionar a renovación por parte das 160 ganderías que ten neste momento en carteira a fábrica de Meira, principalmente na provincia de Lugo e nalgunha zona da Coruña como na comarca de Ordes ou na Costa da Morte, onde recolle un trailer diario á cooperativa de Muxía.
Naturleite está a enviar cisternas desde Meira para cubrir necesidades puntuais doutras plantas do grupo COVAP
Logo de ter pasado momentos de escaseza pola marcha de ganderías, mesmo tendo que acudir ao seu rescate Entrepinares co envío dalgunha cisterna, Naturleite decidiu aumentar a súa recollida e xogar cun colchón de excedentes en Galicia co que cubre puntualmente as necesidades doutras plantas do grupo COVAP, como por exemplo a de Lactiber en León.
Reny Picot segue visitando ganderías na procura de máis leite
A empresa asturiana Reny Picot levaba tempo na parte baixa da táboa de prezos de compra do leite, pero desta volta moveu ficha e desencadeou unha tormenta que foi o detonante en boa medida da suba de prezos do resto de industrias en Galicia, encarecéndolles deste xeito o custo da materia prima aos seus competidores, xa que nun momento de cotizacións elevadas dos produtos lácteos industriais nos mercados internacionais, empresas como Reny Picot, especializada na transformación do leite en commodities de maior valor engadido, como o queixo, a manteiga ou o leite en pó, e máis enfocada cara á exportación, é capaz de defender mellor prezos altos no campo.
Por iso, a actual coxuntura de mercado supón unha oportunidade para a firma asturiana, que segue necesitando máis leite para a súa factoría de Navia. Algunhas fontes falan de 100.000 litros diarios máis. De feito, tras ter captado 150.000 litros dun grupo de 73 gandeiros de Xallas que levaban 28 anos entregando a Celta, segue a visitar explotacións na zona.
A comarca coruñesa do Xallas está a ser desta volta o epicentro da disputa entre empresas
A sinatura do acordo co grupo de Xallas, xunto con outros semellantes, como o que mantén coa cooperativa Cobideza, busca tamén asegurar un volume de subministro mínimo de cara aos vindeiros anos, nos que o continuo goteo no peche de pequenas granxas, que até agora eran un dos target principais da empresa asturiana, reducía as súas opcións de incrementar o volume de recollida.
Feiraco tamén subiu prezos na última renovación e colleu algunha granxa na zona
A comarca coruñesa, unha das de maior produción leiteira na comunidade, está a ser desta volta o epicentro da disputa entre empresas. Tralo movemento de Reny Picot, Celta viuse obrigada a reaccionar, igualando os prezos pagados pola empresa asturiana cun contrato para os vindeiros 4 meses e logrando reter deste xeito a 5 das ganderías do grupo de Xallas, 3 delas cun volume de produción importante, que decidiron non cambiar de empresa e seguirán entregando á planta de Pontedeume a partir do 1 de abril.
Reunión de presentación en Santa Comba
O resto de explotacións que deron o paso asinaron contrato con Reny Picot por un ano, pero había certa desconfianza. Para tratar de calmar os ánimos e tranquilizar aos novos gandeiros provedores, celebrouse a semana pasada unha xuntanza coas explotacións en Santa Comba, á que asistiu o responsable de compras de Reny Picot, José Ramón Álvarez.
As menores esixencias en benestar animal están entre as razóns para o cambio do grupo de Xallas a Reny Picot
Aínda que o grupo para a venda do leite funciona de maneira independente da cooperativa, o presidente de Xallas, José Guardado, foi o encargado de pilotar as negociacións con Reny Picot e actúa como representante dos 73 gandeiros que o forman. Celta non permitía novas entradas no grupo, pero Reny Picot si e xa se deron 3 altas.
Unha das razón que motivou o cambio de Celta a Reny Picot foron as menores esixencias en canto á certificación de benestar animal. A empresa asturiana ten dúas liñas de recollida diferenciadas, unha certificada e outra sen certificación, o que facilita as cousas ás granxas que non cumpren cos requisitos do protocolo Welfair, moitas delas granxas pequenas con titulares próximos á xubilación.
A cooperativa Xallas está formada por 1.400 socios, 600 deles en activo
“Celta estaba apertando e quería que todos superaran a auditoría, porque así o esixen os clientes para os que envasa leite de marca branca”, recoñecen fontes da cooperativa Xallas. Coa decisión de cambiar a Reny Picot, gañan así tempo para que as ganderías que non cumpren poidan adaparse ou mesmo chegaren á xubilación.
Aínda que as 73 explotacións negocian e actúan en bloque, a sinatura do contrato e a entrega do leite é individual. Tamén o prezo é diferente, en función do volume de entregas de cada unha delas, cun prezo final de 43 céntimos para as máis pequenas e de 49 para as máis grandes, seguindo o mesmo escalado por cantidade que xa tiña o grupo con Celta.