A multinacional francesa Lactalis fixo público esta tarde un comunicado no que “reitera o seu compromiso de cumprir co Acordo de Sustentabilidade do Sector Lácteo” asinado en setembro, polo que “aplicará a revalorización que se deduce do devandito acordo a partir das liquidacións do mes de xaneiro”. Ou sexa, nos pagos que perciben as explotacións en febreiro xa virán os cartos de máis cobrados por Lactalis no leite de decembro; nos pagos de marzo os de xaneiro e así sucesivamente.
Desta forma, prevese que as subidas do prezo do leite de marca branca anunciadas pola distribución para repercutirllas á industria, cheguen tamén aos gandeiros que lle venden o leite a Lactalis. Estas subidas foron logradas polos produtores galegos despois das mobilizacións ante a distribución durante o mes de decembro. Lactalis comprometérase a repercutirlle esta subida aos produtores pero non aclarara cando o ía facer, previsiblemente a partir de abril, o que levara aos gandeiros a manifestarse a pasada semana ante a planta da multinacional francesa en Vilalba.
Iso si, Lactalis non concretou no seu comunicado a contía da suba. Con todo, fontes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego, organizadora das mobilizacións ante a distribución e ante a industria, prevén que este incremento será por encima dos 0,5 céntimos por litro que anunciou Leite Celta o pasado mes, se ben a industria tampouco lles facilitou ningún dato en tal sentido.
Lactalis, segundo sinalan desde a Plataforma, faralle chegar unha carta explicativa a todas as explotacións a partir de mañá a través do camión de recollida de leite.
Desexo de Lactalis de estabilidade no sector
Por outra banda, o grupo Lactalis expresa o seu “desexo de estabilidade para os próximos meses e solicita ás organizacións que aínda non asinaron o Acordo lácteo que se adhiran ao mesmo como marco de diálogo e colaboración adecuado para o Sector”.
A multinacional lembra que o contexto é “adverso” para o sector, tanto a nivel internacional como local, debido a que “os excesos de produción e stock vense agravados polas caídas da demanda”.
Descarga aquí a nota de prensa de Lactalis