Lactalis sostén que revalorizará o leite pero non aclara canto nin cando

A industria considera inxustificadas as acusacións da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo e afirma que ten a “total determinación” de cumprir cos compromisos asumidos no acordo lácteo

Lactalis sostén que revalorizará o leite pero non aclara canto nin cando

Grupo Lactalis.

A decisión da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de iniciar un boicot e mobilizacións contra Lactalis é considerada “inxustificada” pola industria francesa. A empresa sostén que “compartirá co sector produtor as revalorizacións de prezo xa realizadas” polas cadeas da distribución, así como as futuras actualizacións dos prezos de compra que poidan facer os operadores, conforme ó estipulado no acordo lácteo. Lactalis, sen embargo, non aclara nin cando nin canto vai subir o leite.

Na reunión mantida a pasada semana cos gandeiros, a industria asegurara que aplicaría unha suba de prezos en abril, pero tampouco concretou de canto sería esa mellora de prezos. Aquel encontro, que fora xestionado a través da organización de produtores Ulega, pois a normativa de Competencia só permite negociacións de prezos entre industrias e organizacións de produtores recoñecidas, rematou sen ningún acordo nin perspectivas de que o vaia haber. Os gandeiros amosáronse especialmente molestos da actitude da empresa, que consideran que amosou escasa empatía cara os problemas que atravesan as granxas.

Desde o sector produtor non se entende por que Lactalis non lle quere trasladar ós gandeiros a suba aplicada pola distribución en decembro. A industria, pola súa banda, en resposta a Campo Galego, asegura que ten a “total determinación” de cumprir os compromisos do acordo lácteo e dos contratos de aprovisionamento suscritos cos gandeiros, pero non aclara máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información