A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Lactalis reforza o seu peso en Galicia con máis de 240 millóns en compras a 1047 provedores

A compañía recolle case 500 millóns de litros de leite de 893 ganderías galegas e consolida a comunidade como o seu principal centro de aprovisionamento en España

Lactalis reforza o seu peso en Galicia con máis de 240 millóns en compras a 1047 provedores

Galicia consolídase como unha peza estratéxica para Lactalis en España. A multinacional láctea destinou durante 2025 máis de 240 millóns de euros á compra de bens e servizos a 1047 provedores galegos e investiu 6,24 millóns na modernización das súas plantas de Vilalba e Nadela, segundo recolle o seu Informe de Responsabilidade Social Corporativa 2025.

A compañía mantén relación comercial con 1.047 provedores (gandeiros, industrias, servizos..etc)  distribuídos en 136 municipios galegos e considera a comunidade o seu principal territorio de aprovisionamento. Ao longo do pasado exercicio recolleu máis de 497 millóns de litros de leite procedentes de 893 explotacións situadas en 128 concellos, reforzando a súa vinculación cun dos sectores produtivos máis relevantes da economía galega.

Lactalis subliña que as plantas de Vilalba e Nadela xeran actualmente 340 empregos directos e que o investimento realizado en 2025 permite superar os 42 millóns de euros destinados ás instalacións galegas durante a última década. Segundo a empresa, esta aposta busca mellorar a competitividade industrial e avanzar na modernización dos procesos produtivos.

O informe tamén destaca o peso do sector primario na actividade da compañía. Preto do 99 % do leite de vaca recollido en Galicia conta xa coa certificación de benestar animal Welfair, un dato que Lactalis presenta como resultado do traballo conxunto desenvolvido coas ganderías provedoras. Ademais, a empresa participa, en colaboración co CSIC, nun proxecto para reducir as emisións das explotacións antes de 2030. A iniciativa identificou 27 medidas de mellora tras analizar máis de mil granxas en España e conta cun proxecto piloto en 16 explotacións, das que 13 están situadas en Galicia.

Xunto á actividade industrial, a compañía pon o foco nas accións de carácter social e educativo desenvolvidas na comunidade. Durante 2025, máis de 2.500 escolares visitaron a planta de Nadela para coñecer o proceso de elaboración dos produtos lácteos, mentres que se doaron máis de 37.000 quilos de produtos a bancos de alimentos e entidades sociais galegas. A empresa tamén mantén colaboracións con clubs e iniciativas deportivas como o Club Fluvial de Lugo, o Racing Club Vilalbés e a carreira popular San Silvestre de Lugo.

A compañía destaca que este compromiso foi recoñecido polo Atlas Gallego de la Empresa Comprometida 2025, que sitúa a Lactalis entre as empresas mellor valoradas en ámbitos como a sustentabilidade, o bo goberno e a contribución ao desenvolvemento económico e social do territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *