Lactalis prevé duplicar para 2020 a recollida de leite ecolóxico en Galicia

Lactalis prevé duplicar para 2020 a recollida de leite ecolóxico en Galicia

Gandería de vacún de leite en ecolóxico no concello de Guntín.

O Grupo Lactalis, líder mundial no sector lácteo, prevé duplicar a recollida de leite ecolóxico pasando dos 9 millóns de litros actuais a alcanzar en 2020 os 20 millóns de litros, que se comercializarán en España baixo a marcha Puleva Eco. Así o anunciaron os responsables da multinacional francesa na Primeira Convención de Gandeiros de Leite Ecolóxico celebrada en Vilalba (Lugo).

O aumento progresivo na recollida producirase grazas á reconversión de 30 gandeiros que se sumarán aos 50 que xa están certificados para a produción ecolóxica. Estes 80 gandeiros están localizados principalmente en Galicia, aínda que a compañía tamén colabora con explotacións en Asturias, Cantabria e Cataluña.

Os prezos para os gandeiros mantéñense na contorna dos 0,50 euros o litro e con contratos a un ano para os produtores que xa están certificados. A crecente demanda do leite ecolóxico, impulsada pola campaña publicitaria de Puleva Eco, levou mesmo este verán neste outono a unha escaseza deste produto no mercado, debido ao descenso da produción por mor da seca dos pastos.

O Grupo Lactalis comezou a recoller leite ecolóxico en España a dous gandeiros en 1999, cando a comercializaba baixo a marca Président. En 2011 chegou ao mercado Puleva ECO, que é a verdadeira dinamizadora do mercado e líder actual da categoría cunha cota de mercado do 57,1%.

Lactalis prevé lanzar novos produtos con leite ecolóxico

Os alimentos ecolóxicos son unha das categorías con maior expansión a nivel mundial. En España, as vendas destes produtos rexistraron crecementos do 20% en 2016 e do 35% na primeira metade do 2017.

Neste sentido, un dos principais retos é conseguir producir alimentos ecolóxicos en cantidade suficiente para cubrir a demanda crecente dos consumidores españois.

“Para o Grupo Lactalis é importante seguir coa recollida de leite ecolóxico, posto que o mercado demanda cada ano máis produtos elaborados con este tipo de leite. A medida que aumentemos a recollida poderemos pensar en lanzar novos produtos non só de leite de consumo senón noutras categorías”, destacou Aurelio Antuña, conselleiro delegado do Grupo Lactalis en España.

Lactalis amplía as instalacións da súa planta de Vilalba

Primeira Convención de Gandeiros de Leite Ecolóxico celebrada en Vilalba

Primeira Convención de Gandeiros de Leite Ecolóxico celebrada en Vilalba

A empresa Leche de Galicia SL completou durante os meses de verán a ampliación das súas instalacións en Vilalba para cumprir as súas previsións de expansión, tamén no sector do leite ecolóxico.

Así, segundo informa o xornal El Progreso, entre as reformas, substituíuse un antigo depósito de almacenamento de leite cru, que tiña capacidade para 50.000 litros, por outro novo de 120.000 litros, destinado precisamente á «recepción de leite ecolóxico procedente de granxas galegas».

As numerosas melloras realizadas permiten á láctea de orixe francesa alcanzar unha capacidade produtiva de ao redor de 320 millóns de litros na súa planta vilalbesa, tanto para leite ecolóxico como para convencional.

Ademais de duplicar a súa capacidade de almacenamento, a actuación contempla tamén a dotación dunha nova liña de pasteurización de leite, que supón un incremento da súa capacidade de procesado ata os 75.000 litros por hora.

A súa implantación levou ademais a necesidade de instalar un novo pasteurizador e unha nova desnatadora, así como equipos de bombeo e redes de tubos para permitir a circulación do leite.

O completo proxecto, que se executou dentro do recinto que xa ocupaba a planta e que requiriu un importante investimento económico, supón ademais a colocación de dous depósitos destinados ao almacenamento de nata, de 50.000 litros de capacidade, que substitúen a outros xa existentes, que só podían albergar 30.000 litros.

Lactalis tamén ampliou a zona destinada ao envasado, implantando dúas novas envasadoras, ás que se suma a instalación de dúas liñas de taponeiras, dúas máquinas de conformación de packs e dúas máquinas de asas.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información