Lactalis confirma a tendencia á suba do leite cunha mellora de prezo de 1,5 céntimos

A multinacional francesa mantén diferenzas de máis de 6 céntimos en litro entre a granxa que máis cobra (unha explotación de máis de 275.000 litros mensuais, con calidade super AA e máis de 75 puntos Welfair), que chegaría aos 50,7 céntimos, e a que menos recibe (unha granxa pequena que non supere a auditoría de benestar animal), que quedaría nos 43,3 céntimos

Lactalis propón manter prezos até agosto e unha baixada de 2 céntimos a partir de setembro

A multinacional francesa Lactalis, a empresa que máis leite recolle en Galicia, comezou este mércores a asinar os seus contratos de renovación cunha suba de entre 1,5 e 2,3 céntimos no prezo do leite, que queda no entorno dos 50 céntimos até abril, en liña do que xa fixeron tamén outras industrias asentadas na comunidade como Entrepinares ou Inleit.

No caso da empresa propiedade da familia Besnier, o prezo base quedaría fixado en 42,5 céntimos (1,5 máis), cun reaxuste á alza tamén nas bonificacións por volume, reequilibrando os tramos intermedios, despois de que a empresa engadira dous chanzos máis por arriba na sinatura dos contratos que entraron en vigor en abril (5 céntimos para as explotacións que produzan entre 200.000 e 275.000 litros mensuais e 5,5 para as de máis de 275.000).  

A maiores, Lactalis tamén decide subir de 0,5 a 0,8 céntimos a prima por calidade hixiénica básica (menos de 250.000 células e 50.000 xermes), mantendo sen embargo a super AA en 1,5 céntimos. No caso da certificación de benestar animal,  mantén os baremos do contrato actual, con até 1,2 céntimos segundo a puntuación obtida (até 50 puntos 0,3 céntimos; entre 50 e 54 puntos 0,5; entre 54 e 60 0,7; entre 60 e 75, 1 céntimo; e máis de 75 1,2).

O prezo base até a vindeira primavera pasa a ser 42,5 céntimos e increméntase a prima por volume ás granxas de tamaño medio

Os sólidos tamén seguen pagándose como até agora, 0,5 céntimos a décima de graxa por enriba de 3,70% e 0,3 pola de proteína por enriba de 3,20%, eliminando no caso da graxa a indexación ao prezo da manteiga no Observatorio Lácteo da UE (0,5 céntimos se a tonelada de manteiga cotizaba por enriba dos 6.000€ e 0,4 se baixaba dese nivel) que até agora fixaban as cláusulas do contrato da multinacional francesa.

Lactalis recolleu en Galicia 515 millóns de litros de leite procedentes de 1.148 explotacións o ano pasado, o 98,8% con certificado Welfair

Coa proposta de novo contrato, as diferenzas de prezo mantéñense en máis de 6 céntimos en litro entre a granxa que máis cobraría (unha explotación de máis de 275.000 litros mensuais, con calidade hixiénica super AA e máis de 75 puntos Welfair), que chegaría aos 50,7 céntimos, e a que menos recibe (unha granxa pequena con células e bacterioloxía estándar que non supere a auditoría de benestar animal), que quedaría nos 43,3 céntimos.  

Larsa, Río e Celta

Trala saída de Lactalis, agárdase que detrás vaian tamén CAPSA, o Grupo Lence e Lactogal, tres empresas que envasan marca branca e que se miran de reollo sempre nas renovacións de contrato. No caso da cooperativa asturiana propietaria de Larsa e da empresa lucense dona de Río e Leyma apóstase por subas máis moderadas mantidas no tempo, mentres que Celta está a buscar de maneira activa leite no proceso actual de renovación de contratos.

O equipo de compras de Celta está a visitar granxas en busca de leite

O equipo de campo da planta de Pontedeume está formado neste momento por 5 persoas, trala incorporación de dous reforzos na zona de Ordes e na de Lugo. Logo da marcha da Cooperativa Xallas na primavera, que se cambiou para Reny Picot, Celta está movéndose para recuperar subministro.

A-Ware captou 10.000 litros diarios de Río na Mariña para a súa planta en Asturias

No caso de Leite Río, está a ter competencia desta volta na Mariña, onde a empresa holandesa Royal A-Ware, que comprou a planta asturiana de Danone en Salas para facer mozzarella, lle sacou uns 10.000 litros diarios de recollida nunha das rutas. Clun, asentada na comarca a través da cooperativa Os Irmandiños, tamén está a presionar ao Grupo Lence na zona.

No caso da provincia da Coruña, os movementos desta volta viñeron da man de Entrepinares, que colleu algunha granxa a Lactalis, Inleit e Río, igual que fixera na primavera con Barreiro Baltar SC na Pastoriza.

A caída da produción en Galicia desde xaneiro fai escasear a oferta no campo

grafico producion leite Galicia xaneiro-maio 2025

Litros de leite entregados en Galicia no que vai de ano en comparación co 2024, ano bisiesto. (Fonte: MAPA)

A oferta de leite en Galicia está a ser limitada este ano, o que mete presión ás empresas compradoras e impulsa os prezos á alza. Até agora, o descenso da produción en comunidades como Asturias ou Castela e León estaba a ser compensada polos incrementos sostidos en Galicia nos últimos anos, unha tendencia que semella terse roto esta primavera. 

De feito, a caída da produción en Galicia este ano (xaneiro-maio) está mesmo por enriba da do conxunto de España (-1,72% no mesmo período). Nos primeiros 5 meses do ano a produción española caeu en conxunto en 55.257 litros, dos que 20.173 litros deixaron de muxirse en Galicia. Se se comparan os datos do 2024 cos do 2025, só no mes de maio producíronse 7.615 litros menos.  

A baixada da produción en Galicia nesta primavera está por enriba da do resto de comunidades

Eliminada a distorsión que supón o mes de febreiro (o 2024 foi bisiesto, polo que os datos oficiais computan un día máis de recollida), os descensos de produción mais notables producíronse na primavera, precisamente a estación máis produtiva en termos de volume de leite, cun 2,21% de baixada en abril e un 3,45% en maio. A falta de saíren os datos oficiais de xuño, as altas temperaturas vividas durante boa parte do mes non fan presaxiar unha recuperación nos datos. 

No último ano pecharon 359 granxas en Galicia e 658 no conxunto de España

Outro dos factores que incide directamente na caída da produción é o continuo goteo de peche de explotacións, que non se detén. En Galicia hai neste momento 5.135 ganderías entregando leite, 359 menos ca fai un ano. No conxunto de España quedan 9.085, 658 menos ca en maio do 2024.

No que respecta aos prezos, os gandeiros galegos seguen recibindo unha retribución polo leite inferior ao do resto de comunidades. En maio, o prezo medio en Galicia foi de 48,8 céntimos, cando a media Española se situou en 50,1 céntimos e comunidades como Cataluña (50,7), Andalucía (50,9), Castela e León (51,1) e Asturias (52) por enriba da media.

O prezo en Galicia segue 3 céntimos máis baixo ca en Asturias e 2 con respecto a Cataluña, Andalucía e Castela e León

No caso dos gandeiros socios de Central Lechera Asturiana, o prezo base de xuño foi de 42 céntimos, máis 5 céntimos en litro de aporte de valor aos socios, que non cobran os gandeiros galegos que subministran a Larsa. A maiores, a cooperativa paga en Asturias primas por volume (0,5 céntimos en litro para entregas de 250.000 a 500.000 litros anuais, 1 céntimo de 500.000 a 1 millón de litros e 1,5 para granxas de máis dun millón de litros) e un pago por trazabilidade por consumir os produtos e servizos da cooperativa (1 céntimo en litro polo servizo de calidade do leite e ADSG, 1,25 polo de nutrición e 2,25 por consumir o penso e usar os carros mesturadores de ASA e recibir os servizos de calidade do leite e ADSG). 

Baixada da produción e suba de prezos tamén en Europa

Mapa da evolución da produción por países este ano comparado co ano pasado (corrixido o efecto de ano bisiesto)

Mapa da evolución da produción por países este ano comparado co 2024 (corrixido o efecto de ano bisiesto)

A situación de dispoñibilidade de materia prima non é moito mellor en Europa. Segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo, nos catro primeiros meses deste ano (xaneiro-abril) a produción caeu no conxunto da UE un 1%. Entre as caídas máis significativas están as de Alemaña (-2,9%), Holanda (-2,3%), España (-2,3%), Francia (-1,8%), Dinamarca (-0,9%). No lado oposto sitúanse Irlanda (+7,9%), Polonia (+0,8%) e Italia (+0,03%).

O leite subiu con forza en maio en países como Holanda, Alemaña, Irlanda ou Polonia

En canto aos prezos, a media na UE en maio foi de 53,03 céntimos, con subas significativas en Dinamarca (+19,8%), Holanda (+19,6%), Alemaña (+18,6%), Irlanda (+17,9%), Polonia (+15,5%), Italia (+15,2%) ou Francia (+7,5%). Por países, o prezo máis alto sitúase en Italia (57,58 céntimos), seguido de Holanda (56,75), Dinamarca (55,90), Alemaña (54,2), Polonia (52,98), Irlanda (51,08) e Francia (49,59), mentres que España (48,64) e Portugal (46,04) pechan a clasificación entre os principais produtores. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información