
Un camión da empresa francesa Lactalis recollendo leite nunha explotación leiteira galega
Semana clave para a renovación dos contratos de compra de leite que vencen o vindeiro día 31 nun momento de encarecemento dos custos de produción nas explotacións e con propostas de baixada importante de prezo por parte das industrias, que confirman os peores augurios das ofertas remitidas o mes pasado.
A multinacional francesa Lactalis, a empresa que máis leite recolle en Galicia, abriu a veda o venres cunha proposta de contrato que xa causou un importante cabreo entre os 1.000 gandeiros que entregan leite ás plantas de fabricación de Nadela e Vilalba.
O contrato é por 4 meses e propón unha baixada de até 8 céntimos nas granxas máis grandes, que pasarían dos 53 céntimos que cobran neste momento a 45 céntimos no mellor dos casos. O prezo base descende até os 38 céntimos, tal como figuraba na oferta enviada a finais do mes de xaneiro ás explotacións, 4,5 céntimos menos que no actual contrato.
Unha explotación que entregue máis de 275.000 litros ao mes cumprindo benestar e calidade hixiénica non pasaría de 45 céntimos
A maiores, a empresa da familia Besnier reduce as primas por volume, que se comprimen nos distintos tramos pasando de 5,5 céntimos a 4,5. O maior descenso sófreno as explotacións de maior tamaño, as de máis de 275.000 litros ao mes, que perden un céntimo nos incentivos por cantidade.
Os restantes tramos quedarían do seguinte xeito: de 200.000 a 275.000 litros, 3,5 céntimos; de 150.000 a 200.000 litros, 3 céntimos; de 100.000 a 150.000 litros, 2,5 céntimos; de 75.000 a 100.000 litros, 2,2 céntimos; de 50.000 a 75.000 litros, 2 céntimos; de 35.000 a 50.000 litros, 1 céntimo; de 20.000 a 35.000 litros, 0,2 céntimos.
Lactalis manten un nivel esixente para o cobro da super A por calidade hixiénica, tendo que estar por baixo das 190.000 células
A prima por calidade hixiénico-sanitaria do leite pode chegar a 1,5 céntimos, pero para iso é necesario estar por debaixo de 25.000 bacterias e 190.000 células. En caso de non cumprir con algún destes parámetros o pago a granxa perdería 1 céntimo.
No caso da graxa e a proteína, Lactalis segue mantendo os mesmos valores (0,4 céntimos a décima de graxa de 3,5 a de proteína). Finalmente, a prima de benestar animal está vinculada á puntuación obtida pola explotación na auditoría Welfair Quality. O pago máximo é de 1,2 céntimos, esixindo para iso estar nun nivel Excelente, con máis de 90 puntos obtidos. O habitual, sen embargo, é que as explotacións se sitúen entre 0,6 e 1 céntimo de bonificación.
Descontento importante entre as granxas provedoras
A baixada agresiva de Lactalis xerou moito descontento no campo. A gran maioría das granxas que subministran á multinacional francesa negáronse polo momento a asinar a proposta da industria, agardando unha mellora nas condicións.
É habitual nas renovacións que as ganderías de Lactalis se neguen a asinar a primeira o contrato proposto
A propia empresa está a facer chegar aos gandeiros descontentos a mensaxe de que, en función do que fagan o resto de empresas da competencia, vai haber complementos comerciais que acaben por subir a cantidade final a percibir polas explotacións.
Poucos movementos de captación
Agárdase que antes de que remate esta semana (máis aínda tendo en conta que o xoves 19 é festivo en Galicia) saian tamén o resto de industrias compradoras cos seus contratos, pero o feito de que Lactalis fose a primeira en tirar a pedra marca o camiño a seguir ás demais.
Polo momento, existe pouco movemento, coas empresas tratando de manter as súas granxas pero con escasas propostas de captación sobre a mesa, o que supón un escenario diferente ao das últimas renovacións, cando a busca de leite por parte de Celta na provincia da Coruña e de Royal A-Ware na Mariña animou o mercado.
As industrias temen unha caída no consumo como consecuencia do incremento da inflación e a perda de poder adquisitivo das familias
O contexto é diferente actualmente. Agora, sen embargo, a demanda está frouxa e as empresas temen unha caída no consumo, porque nos momentos de inflación elevada consúmese menos.
Leite barato dispoñible no mercado
A existencia neste momento de leite barato dispoñible en países como Francia, Italia ou Portugal está a presionar á baixa os prezos do leite en España. Esas cisternas mesmo están a chegar ás fábricas galegas.
O leite spot está a 40 céntimos neste momento en Galicia pero están a entrar cisternas a menor prezo ante a posibilidade de pechar leite de Francia a 18 céntimos máis porte (6-7 céntimos) até xuño, coincidindo co pico estacional de produción no país veciño, o que incrementa os excedentes de leite dispoñible.
Royal A-Ware está a vender desde decembro cisternas de leite a perdas
Mesmo a empresa holandesa Royal A-Ware, que comprou a fábrica que tiña Danone en Salas para fabricar mozzarella, está a vender desde o mes de decembro parte das cisternas de leite que recolle por debaixo de custo.
Risco de caída na produción pola suba de custos e a baixada de prezos
A baixada de prezos proposta polas industrias, sumada ao incremento de custos de produción das granxas como consecuencia da guerra en Irán, que trasladou xa os seus efectos ao gasóleo agrícola, á electricidade ou aos fertilizantes, pode incentivar a venda de vacas a matadoiro nun momento de bos prezos do vacún maior, cunha conseguinte caída na produción de leite de cara ao verán, o que obrigaría ás industrias a ter que subir prezos para captar leite no outono.
O forte encarecemento dos custos de produción das granxas pode incentivar o envío de vacas a matadoiro
Por iso agárdase a sinatura de contratos a curto prazo por parte da maioría de empresas, o que obrigaría a renegociar no verán, de maneira que a posible corrección de prezos desta primavera para axustar o diferencial dos últimos meses a respecto de Europa, podería ser corrixida en poucos meses, máis aínda se a dermatose nodular contaxiosa segue estendéndose a alcalza zonas de produción leiteira.
A negociación dos contratos coincide ademais estes días co arranque da campaña de ensilado da herba en moitas explotacións, condicionada este ano pola chuvia caída no inverno, que dificultou o aboando das fincas, tanto con purín como con fertilizante químico. De cara ao segundo corte, mesmo existe pouca dispoñibilidade dalgúns produtos, coma a urea, debido ao elevado custo que supón a súa produción ao estar intimamente vinculado ao prezo do gas natural.
Convocatoria dunha protesta ante a planta de Lactalis en Vilalba o vindeiro luns
A gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro, puxo de manifesto hoxe en rolda de prensa en Santiago de Compostela a situación preocupante que viven as produtoras e os produtores respecto á baixada dos prezos do leite.
“Lactalis foi unha das empresas que lanzou a súa oferta a semana pasada onde encontramos unha baixada que vai dos 2 céntimos aos 5,5 céntimos por litro. Dende o SLG viñamos denunciando isto tanto no Consello Agrario Galego como no Observatorio do Leite”, dixo Ferreiro, enmarcando esta suba no contexto xeral de aumento dos custos de produción. “Co tema do gasóleo os datos para telos actualizados hai que miralos en diversos momentos cada día. Os prezos soben dun día para outro. A isto engadimos o tema dos fertilizantes e insumos que nesta época do ano son importantes para o abastecemento das granxas. Para nós hai un momento especulativo”, resumiu.
Por todo iso, dende o Sindicato Labrego Galego reclaman a intervención urxente da Xunta e da Comisión Nacional de Mercados e, en canto á renovación de contratos láctesos, tamén reclaman a intervención da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), que é onde se ten que velar o marco contractual.
“Con estas medidas concretas xa anunciamos que o luns 23 de marzo, ás 11h, faremos unha concentración diante da fábrica de Lactalis en Vilalba para amosarlle que o sector está totalmente en contra desta baixada”, informou Ferreiro.
Galego






Control OJD