Lactacións prolongadas, unha alternativa para obter máis leite das vacas de alta produción

Inseminar máis tarde aos animais para non cortar o seu pico de produción e que estean máis días dando leite supón incrementar en máis dun terzo a súa produción por parto. Coñecemos os criterios para aplicar esta técnica a nivel de granxa

Ángel Ávila, durante su intervención en el seminario sobre robot de ordeño organizado por Anembe

Ángel Ávila, durante a súa intervención no seminario sobre robot de muxido organizado por Anembe

Inseminar demasiado pronto a unha vaca de alta produción supón desaproveitar parte do seu potencial para dar leite e xera problemas engadidos á hora do secado. Este é o razoamento que levou a algunhas granxas asesoradas por Ángel Ávila a implantar lactacións prolongadas nos seus animais máis produtivos.

Este especialista en nutrición explicou recentemente nun seminario sobre robot de muxido organizado en Asturias pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina (Anembe) os criterios para a selección das vacas e o momento de inseminalas tendo en conta o seu pico de produción.

“Diferenciamos primíparas e multíparas. En vacas adultas multiplicamos o pico de lactación por 2 e sumámoslle os días desde o parto que tardou en alcanzalo. É dicir, para unha vaca que alcanza o pico de lactación aos 60 días con 51 litros, o cálculo de cando inseminar sería o seguinte: 60 + (51×2) = inseminación aos 162 días”, explica Ángel.

Unha vaca que alcanza o pico de lactación aos 60 días con 51 litros sería inseminada aos 162 días despois do parto

No primeiro parto diferencian 3 grupos distintos: “ás que baixan de 35 litros inseminámolas xa, sen esperarlles; cando están entre 35 e 40 litros multiplicamos o pico de lactación por 2,2 e sumamos os días ao que o alcanzou; e por enriba de 40 litros, ata que recuperan carnes non inseminamos, o que pode ser aos 180 días”, detalla.

Criterios para alongar as lactacións

“Que sentido ten inseminar unha vaca dando 62 litros?”, pregúntase este especialista. “Se nos fixamos nas vacas de carne, moitas delas empréñanse cando destetan os tenreiros”, sostén.

Unha das granxas que realiza lactacións prolongadas é SAT As Pandas, de Vilalba (Lugo), que mellorou con iso en aspectos produtivos e reprodutivos. “Temos medias de 1,9 doses por vaca preñada. Ao inseminar as vacas cando baixan á leite, temos taxas de preñez á primeira inseminación moi boas”, insiste Ángel.

Ao alongar as lactacións necesitamos menos recría

Na explotación, a primeira inseminación ponse, de media, aos 150 días. As xovencas alcanzan o pico de lactación aos 100 días e as vacas adultas aos 60. “Todo son vantaxes, porque ao alongar as lactacións necesitamos menos recría e baixamos a pegada de carbono da granxa”, engade.

Produción vitalicia e número de lactacións

As Pandas realiza lactacións de entre 400 e 500 días, o que lle permitiu incrementar de maneira considerable a produción por parto. “Supón pasar de 20.000 litros aos 305 días a 29.000 alongando a lactación”, indica. “Temos vacas con 3 lactacións que fixeron 90.000 litros de leite”, detalla.

Ángel defende que “o período seco é un período improdutivo que custa cartos ao gandeiro”. “Eu son un namorado da eficiencia. Se facemos 90.000 litros con 3 lactacións prolongadas é mellor que facelos con 5 lactacións convencionais, porque nos estamos aforrando 2 períodos secos”, argumenta.

Alongar a lactación de 305 días a 400 supón pasar de 20.000 litros a 29.000 por parto

Ese mesmo criterio de eficiencia é o que aplican para establecer o número de animais por robot. SAT As Pandas muxe 130 vacas en 3 robots de muxido, con medias de 45 kg por vaca ao 4% de graxa e 3,4% de proteína.

“Os beneficios da granxa pasaron de 62.000€ a 69.000€ ao pasar de 2 a 3 robots, só con 10 vacas máis”, detalla. “Se fas 2.500 litros de leite por robot con menos vacas estás sendo máis eficiente, porque non se trata de meter máis vacas por robot, senón de sacar a mesma leite con menos vacas no robot”, argumenta.

Pero a pesar dos beneficios desta nova estratexia de inseminacións retardadas, aclara que non serve para todas as granxas. “Levamos 2 ou 3 anos implantando lactacións prolongadas en algunhas ganderías, pero teñen que ser ganderías boas, con altas producións e bo manexo”, insiste.  

Manexo da nutrición en sistemas de muxido robotizado

Un dos aspectos clave para minimizar os atrasos nunha granxa con muxido robotizado é a alimentación. “Para estimular a frecuencia de muxido e incentivar que as vacas asistan voluntariamente ao robot debemos manexalo a través da formulación, porque se a vaca está moi saciada non acudirá ao robot”, afirma Ángel Ávila.

Por iso, insiste, “debemos ter unha ración equilibrada, porque se facemos unha ración moi enerxética no pesebre a vaca non irá muxirse ao robot, onde o aliciente é o penso”, explica.

En vacas de alta produción, o consumo de auga está tamén intimamente relacionado coa inxesta. “SAT As Pandas era unha granxa con moitos problemas de posparto (cetoses e cuaxares) no inverno, sobre todo nos meses de xaneiro a marzo, e solucionouse quentando a auga dos bebedeiros, porque a auga estaba moi fría e as vacas non bebían, e como non bebían, non comían tampouco o suficiente”, exemplifica Ángel.

O éxito dunha dieta é 80% manexo do gandeiro e 20% do nutrólogo

Este experto en nutrición diferencia tamén entre o que a vaca come e o que aproveita. “Os forraxes para robot teñen que ser moi dixeribles. Unha alta dixestibilidade implica que o rume se baleira rapidamente, por iso, canta máis fibra neutro deterxente libre de cinzas teñamos dixerible ás 30 horas, mellor irán as nosas vacas e máis leite obteremos”, aclara.

Dixestibilidade

Pola contra, unha mala dixestibilidade traerá como consecuencia unha menor asistencia ao robot. “Cando a fibra indixestible é maior a un 0,4% do seu peso vivo, a vaca non vai ao robot, queda no cubículo”, explica.

“O gandeiro, cando chegan as análises do silo, pregunta canta proteína ten e non canto dixire a vaca diso. O obxectivo nun silo de raigrás é lograr máis do 60% de dixestibilidade nas primeiras 30 horas. Hai un incremento de 6 litros por vaca e día entre meter un silo de herba de boa calidade e un de mala calidade, metendo a mesma cantidade na ración”, indica.

Hai un incremento de 6 litros por vaca e día entre meter un silo de herba de boa calidade e un de mala calidade na ración

A tendencia actual en Galicia é facer silos de raigrás con entre un 22 e un 28% de materia seca, segando con rotativas acondicionadoras e cortando máis alto. “Así evítase ter que estender e enfilar a herba, polo que se aforra en maquinaria e evítase o risco de arrastrar terra”, destaca. Pero a herba con moita humidade ten poucos azucres e fermenta mal, por lo que son necesarios conservantes químicos ou inoculantes se o grao de humidade é moi alto.

En canto ao silo de millo, asegura, “non debemos buscar só gran, senón que toda a planta sexa dixerible”. “As vacas dan máis leite cun millo verde con pouco gran que cun millo moi seco, porque é máis dixerible. Produce máis leite un silo de millo cun 30% de materia seca e un 30% de amidón fronte a outro silo cun 35% MS e 35% de amidón”, insiste.

Por iso, á hora de ensilar un millo para vacas de leite, “o millo ten que soltar tamén leite á hora de picalo. Iso é o que eu lles digo aos meus gandeiros para que o entendan”, indica.

As vacas dan máis leite cun millo verde con pouco gran que cun millo moi seco

O obxectivo é lograr silos con niveis próximos ao 35% de amidón e cunha boa dixestibilidade, “pero non é fácil de conseguir en zonas onde o millo se seca moito”, recoñece Ángel.

“Con silos de millo de alta dixestibilidade as curvas de lactación aplánanse e as vacas aguantan moito mellor a produción nos meses de verán”, indica. En canto ao gran húmido, “se se fai ben, é máis barato que a fariña de millo e produce máis leite porque ten máis enerxía”, compara.

Cortar máis alto

Ángel Ávila é partidario de picar máis alto o millo, xa que outra forma de aumentar a dixestibilidade é aumentar a altura de corte. “A diferenza entre picar a 17 cm ou a 39 cm nunha granxa de 100 vacas equivale a 30.000€ máis ao ano de ingresos por venda de leite”, calcula.

Cando picas o millo moi baixo estás metendo 3 kg de palla de baixa calidade na ración

Pero, como convencer a un gandeiro para que corte o millo máis alto e logo lle bote medio kg de palla á ración? “Primeiro porque a parte baixa do millo achega fibra de mala calidade, xa que é toda lignina, polo que estás metendo 3 kg de palla mala sen darte conta, e ademais porque estás metendo unha cantidade enorme de fungos no silo, que é o que hai na parte baixa do millo”, asegura Ángel.

Pero aclara que “se o millo ten unha boa dixestibilidade, non necesitas meter palla na ración, aínda que eu prefiro meter medio kg de palla controlada que 3 kg de palla de mala calidade procedente da parte baixa do millo”, insiste.

Esperar 6 meses para abrir o silo

Ademais de elixir o momento idóneo de ensilado e realizar unha recollida e procesado adecuados, garantindo así levar ao silo un forraxe dixerible, é necesario asegurar a súa posterior conservación no silo, para o que Ángel recomenda o uso de conservantes. “Os conservantes hai que metelos sempre, porque unha boa comida pero mal conservada a vaca non a vai comer”, asegura. Os obxectivos de conservación a lograr serían máis dun 10,5% de ácido láctico, menos dun 3% de ácido acético e menos dun 0,8% de ácido butírico.

Outro consello que Ángel dá é esperar polo menos 6 meses para abrir o silo de millo. “Se o facemos en outubro, o ideal é abrilo a partir de marzo. Se o abrimos moi pronto haberá moito amidón en feces”, advirte.

Perdemos un 14% de dixestibilidade abrindo o silo antes de tempo

“Existen 14 puntos máis de dixestibilidade entre abrir un silo de millo aos 2 meses ou facelo ao ano. Non só as vacas soben en leite, senón tamén en sólidos (graxa e proteína). Realmente merece a pena esperar para abrir o silo”, asegura.

Penso no robot

A posibilidade de dispensación individualizada de concentrado no robot de muxido en función de parámetros como a produción, número de lactación, días en leite ou días ao parto permite unha alimentación de precisión.

Os concentrados para a estación de muxido deben ser altamente palatables, formulados con ingredientes como DDGs, cebada, trigo, avea ou melazas e reducir os ingredientes menos apetecibles como xabón cálcico, minerais e buffers.

Para animais de alta produción é recomendable que o concentrado sexa en forma de pélet (3,5 – 4 mm) e alto en fibra soluble, para evitar acidosis e mellorar a durabilidade do pélet. Aconséllase tamén achegar edulcorantes e aromatizantes ao pélet para mellorar a súa apetecibilidade, tales como laranxa, melón ou vainilla.

O tempo de rumia debe ser superior a 400-450 minutos por día e por debaixo de 250 minutos existe un alto risco de acidose ruminal

O desexable é que non teñamos, a nivel de granxa, diferenzas superiores ao 3-4% entre a cantidade de penso programada no robot e a consumida. Se superamos esa desviación deberemos modificar os permisos de muxido.

Poden ser varios os motivos polos que unha vaca non come a cantidade de concentrado programada para ela, ben por baixa afluencia ao robot, ben por ter un fluxo de leite alto, etc.

Ningunha marca de robot é capaz, a día de hoxe, de pesar o penso que queda no comedeiro, polo que non sabemos realmente canto comeu a vaca, senón simplemente canto lle deu o robot.

Sistemas de alimentación automáticos

Ángel aposta polos novos sistemas de alimentación automatizada, considerando que permitirán dar un salto de calidade na nutrición de precisión. “O seguinte proceso de robotización que teremos nas granxas será a alimentación. Está comezando pero vai ser imparábel”, augura.

Cantas máis veces arrimemos a comida, máis inxesta imos ter.

Ao seu xuízo, entre as vantaxes destes sistemas autónomos está o achegamento de datos sobre alimentación e a súa maior precisión á hora de realizar a ración. “Ao facer o carro pasa un pouco como co muxido, que depende moito do operario que manexe o carro, e ás veces se faltan 4 kg de silo non se volve para cargalos, mentres que a máquina vai facer a ración sempre igual”, razoa.

Cando un gandeiro carga o carro cunha pa e lle faltan 4 kg de silo, normalmente non volve a cargalos

En canto ao manexo da ración no comedeiro, “cantas máis veces arrimemos a comida, máis inxesta imos ter, pero eu son partidario de botar de comer máis dunha vez ao día, porque é comida fresca. É mellor iso que facela unha vez ao día e arrimar despois máis veces”, argumenta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información