La Nave SC: Así traballa a granxa leiteira con máis produción por día de vida de toda España

José Manuel Souto e Jesús Cancela están á fronte desta gandería do Corgo que centra os seus esforzos no manexo do gando e a alimentación desde o mesmo momento do nacemento das becerras. Así traballa a granxa leiteira con máis produción por día de vida de toda España

Establo de vacas en produción da explotación

Establo de vacas en produción da explotación

Unhas naves abertas que priman o confort do gando e a estética agradable dunhas boas vacas e un entorno coidado son a carta de presentación de La Nave SC, unha explotación leiteira ubicada en Vilachá, no concello do Corgo, que vén de ser distinguida por CONAFE como a granxa con maior produción vitalicia de España.

Pero chegar a este recoñecemento non foi doado, admiten José Manuel Souto e Jesús Cancela, os dous socios desta gandería que está a piques de cumprir 20 anos. É o resultado do traballo constante na busca do equilibrio entre todos os aspectos da explotación: produción de leite e de sólidos, confort do gando, autosuficiencia forraxeira, coidado da recría, man de obra cualificada e calidade de vida.

Nos últimos dous anos eliminaron un total de 61 animais dunha media de 153 vacas en produción, acadando as vacas enviadas a matadoiro unha produción media de 26,56 kilos de leite por día de vida. Para poder lograr este obxectivo, tres son as claves principais: adiantar o primeiro parto das xovencas, empreñar canto antes as vacas e alongar a súa vida produtiva a nivel xenético por medio dunhas boas patas e ubres.

José Manuel e Jesús teñen 4 fillos e gustaríalles que continuasen coa explotación

O coidado da cama e unha boa alimentación, a través da dixestibilidade das forraxes producidas na explotación, son imprescindibles para que unha granxa “funcione e non dea problemas”, aseguran.

Desde a humildade do traballo diario ben feito, José Manuel e Jesús aseguran non facer nada extraordinario nin diferente a outras granxas. Son comedidos coa evolución do sector pero miran ao futuro con obtimismo. Teñen catro fillos e gustaríalles que continuaran coa explotación.

A piques de cumprir 20 anos

LA NAVE SC (O Corgo)O 4 de xullo do ano 2006 José Manuel e Jesús poñían a andar o proxecto conxunto de La Nave SC. Estreaban as novas instalacións muxindo 45 vacas naquel momento. Desde entón, foron medrando paulatinamente até contar hoxe cunha media de entre 140 e 150 vacas en produción.

A aquela primeira nave inicial que dá nome á explotación, destinada hoxe á recría, sumouse despois outra para vacas en lactación e a máis recente, para vacas secas e xovencas. “Concentramos todo o gando nunhas únicas instalacións. Iso é moi importante para a eficiencia no traballo e para facilitar o control dos animais. Por exemplo, o lote das xatas en idade de inseminar témolo no lugar máis transitado da granxa para deste xeito detectar mellor os celos”, explican.

O crecemento ten que ser paulatino e equilibrado para poder dominar ben os distintos aspectos e non verse sobrepasado polas necesidades de man de obra

O crecemento no número de animais sempre foi parello ao aumento da superficie agraria e á man de obra dispoñible, a mesma estratexia que queren continuar de aquí en diante. “Imos ver como evoluciona o sector; non queremos dar pasos en falso nin romper o equilibrio que conseguimos despois de tantos anos”, din.

José Manuel e Jesús botan a vista atrás cunha mensaxe de agradecemento: “Queremos agradecer a todos os que nos axudan no dia a dia, aos nosos traballadores sobre todo, aos veterinarios (Puri, Carlos e Juan), ao nutrólogo (Murias), ás empresas de servizos que nos atenden de 10, aínda que ás veces os gandeiros presionamos para facelo o mellor posible, e como non, ás nosas familias e aos amigos e veciños que nos aconsellan”.

Equilibrio entre sólidos e litros

Zona de secado, preparto e xovencas próximas

Zona de secado, preparto e xovencas próximas

La Nave SC entrega o leite a Entrepinares buscando unha produción compensada entre litros e sólidos. A produción por lactación a 305 días sitúase en 13.200 litros, cun 4,50% de graxa e un 3,50% de proteína, con menos de 10 en bacterioloxía e en torno a 100.000 células somáticas.

Moxen 3 veces ao día (ás 5 da mañá, ás 12 do mediodía e ás 8 da tarde) e conseguen unha media por vaca e día de entre 40 e 41 litros. “Muxir tres veces permíteche aumentar sobre todo a produción nas primeirizas. Antes podiamos ter xovencas con 36 ou 38 litros pero agora moitas chegan aos 45 litros no pico de lactación”, detallan.

Os próximos investimentos previstos consistirán na ampliación dos silos para gañar capacidade de almacenaxe de forraxe para non ter que variar a ración

Debido a problemas de almacenaxe nos silos para as forraxes, varían a ración ao longo do ano, o que provoca unha lixeira variación tamén na media de produción e no nivel de graxa. “A proteína mantense todo o ano entre 3,5% e 3,6% pero a graxa resíntese cando vas a unha ración de produción máis esixente que fai aumentar os litros de leite”, recoñece José Manuel.

A maior parte do ano botan 32-33 kilos de silo de millo, 11-12 kilos de silo de herba e 12-13 kg de penso pero neste momento están usando 22 kg de silo de millo, 22 de silo de herba e 13 de concentrado.  

Foco na recría

LA NAVE SC (O Corgo) recriaO crecemento da granxa foi progresivo e froito do traballo coa recría propia. “Desde que estamos aquí só mercamos 5 vacas”, lembran. Poñen o foco no arranque da becerra, logrando altos crecementos nas primeiras etapas e unha idade ao primeiro parto de 21 meses.

“Parámonos bastante coas becerras. Primeiro están na parideira coa nai unhas horas para garantir o encalostrado e despois pasan para os boxes individuais, onde lles damos tres tomas diarias con biberón, sempre de leite de vaca recén muxido, do que vai ao tanque, até que as destetamos en torno aos 90 días”, explica José Manuel.

Dan tres tomas diarias de leite de vaca até o destete das becerras aos 90 días

“O de pasar a dar tres tomas notámolo moito, tanto a nivel de diarreas como a nivel de crecemento”, recoñece. “Tes unha toma máis de biberón pero compensa”, di. As becerras teñen auga limpa desde o inicio, que lles renovan todos os días, e en canto comezan a interesarse pola alimentación sólida introdúcenlles penso e unha pouca da ración de vacas de leite para prepararlles o rume de cara ao destete e que non noten o cambio.

Parámonos bastante coas becerras; nesta primeira fase é cando hai que ser meticulosos

Aínda que a nave da recría é neste momento un dos factores limitantes da granxa, no canto de poñer boxes pechados no exterior, prefiren ter as xatas pequenas dentro e empregar divisións metálicas de malla para separar os animais, xa que din que permiten unha mellor ventilación e reducir así a incidencia de pneumonías e outras enfermidades respiratorias, mentres que o uso de leite de vaca tamén diminúe os problemas dixestivos. “A nosa mortandade nas becerras é practicamente cero”, destacan.

Mellora xenética

LA NAVE SC (O Corgo) vacas producion3Algúns dos animais mercados nesta explotación nos últimos anos proceden de Mantoño Holstein, a gandería de Barreiros con mellor xenética frisona de España. Fixérono coa intención de dar un salto a nivel xenético mediante a aposta polos embrións.

Gústannos as boas vacas, porque iso non está reñido coa produción, ao contrario

Usan seme sexado en xovencas e en primeira inseminación e tamén nalgunhas vacas de sergundo parto, mentres que partir do terceiro vanse a touros bos pero en convencional. “Priorizamos moito a preñez da vaca, o que nos interesa é que as xovencas paran canto antes e que as vacas nos queden preñadas. Tentamos ir o máis rápido posible á preñez”, indica José Manuel.

A media de cualificación morfolóxica do conxunto do rabaño é actualmente de case 82 puntos

Poñen case todo seme americano e canadense tentando ir o máximo a tipo, a ubres e a patas. “Gústannos moito as boas vacas, porque iso non está reñido coa produción, ao contrario. Os animais que chegan a esas producións vitalicias elevadas sempre teñen unha boa cualificación. Priorizamos que sexan animais duradeiros; nunca puxemos un touro só porque sexa alto a leite”, indican.

Camas de area nas vacas de leite e compost nas secas

Vacas secas en cama fría de compost

Vacas secas en cama fría de compost

En canto á lonxevidade, a media dos animais da granxa sitúase por enriba de 4 partos, unha lactación máis que a media de granxas en Control Leiteiro en Galicia, aínda que no último ano e medio están a quedar con máis recría para poder facer máis descartes voluntarios sen verse obrigados a aguantar vacas que poidan nalgún momento chegar a ser problemáticas.

“As vacas vellas sempre hai que miralas máis e ter máis coidado con elas. Tamén tenden a coxear máis e hai que metelas máis ao potro. E a nós, estando a tres muxiduras, interésanos animais áxiles que non haxa que ir buscar para que veñan á sala a muxirse”, argumentan. Teñen unha sala traseira de 16 puntos na que sempre moxe unha persoa soa e lévalles arredor de 2 horas facer cada muxido.

Non buscamos vacas vellas, buscamos rendibilidade e esa rendibilidade tamén cha poden dar animais máis novos

No caso dos descartes por mamites, o punto de inflexión foi comezar a usar camas de area, aseguran. “Foi un antes e un despois para nós. Antes probamos con todo tipo de material, desde palla a carbonato, pasando polo serrín, pero como a area nada. Ten o problema de decantación no pozo do purín, é certo, pero para as vacas é o mellor”, destaca José Manuel.

Comezar a usar area nas camas foi un antes e un despois a nivel de células e mamites

Na nave das vacas secas, teñen dúas zonas diferenciadas, unha con cubículos de area, que é onde se efectúa o secado por se houbese algunha perda de leite, e outra con cama fría de compost, que fresan todos os días e renovan dúas veces ao ano coincidindo coas campañas de sementeira do millo e do raigrás.

“Priorizamos a dixestibilidade nas forraxes botando ciclos curtos de millo”

Sementaron este ano 15 hectáreas de cebada forraxeira para alimentar ás vacas secas que están a piques de ensilar

Sementaron este ano 15 hectáreas de cebada forraxeira para ensilar coa que alimentar ás vacas secas

La Nave SC ubícase nunha zona limítrofe entre os municipios de Lugo e O Corgo e a maior parte da superficie agraria da explotación atópase nestes dous concellos, nunha área con poucas granxas leiteiras, algo que ten vantaxes e inconvintes, recoñecen José Manuel e Jesús.

Dunha banda existe menor competencia pola terra, pero doutra, tamén menos posibilidades de acceder a servizos compartidos con outras ganderías. Non teñen tampouco concentración parcelaria, aínda que a base de mercar fincas e apezar con outras arrendadas foron conseguindo superficie viable para o traballo eficiente da maquinaria. “Os veciños tamén colaboraron, permitíndonos sacar peches, por exemplo. Estámoslles agradecidos por iso”, din.

Dispoñen dunhas 80 hectáreas, das que 48 rotan a millo e raigrás anualmente e o resto están a pradeira permanente (aínda que teñen que resementar unha boa parte delas “porque o terreo é bastante regular e no verán seca moito”, explica José Manuel) ou destinadas á produción de cereal de inverno.  

Toda a comida é producida por nós: botamos millo, raigrás e facemos tamén 15 hectáreas de cebada forraxeira ou triticale para ensilar

“Botamos 15 hectáreas de cebada forraxeira para ensilar, que imos ensilar agora estes días, que usamos sobre todo para alimentar as nosas vacas secas e xovencas próximas. Aquí practicamente toda a comida é producida por nós, tan só mercamos puntualmente algún rolo de silo ou de herba seca para as xatas a algún veciño”, destacan.

Ciclos curtos de millo

LA NAVE SC (O Corgo) silo milloA calidade do solo condiciona os cultivos e variedades que poden sementar. “O terreo nesta zona é bastante malo e hai moita disparidade: temos fincas boas e outras que son moito menos produtivas e que secan moito no verán”, admite José Manuel.

O terreo é bastante malo porque no verán seca moito

Esa circunstancia obrígaos a apostar por variedades de millo de ciclo curto, co obxectivo de poder ensilar cedo asegurando a dixestibilidade da planta. “Unha vantaxe deste tipo de terreo é que en canto non chove xa podes entrar a labrar e ensilamos sempre a finais de agosto ou principios de setembro para evitar esa calor de setembro que acaba secando o millo.

Nós temos que recoller dixestibilidade nas forraxes porque senón as vacas non inxiren o suficiente

Este ano sementamos 12 hectáreas mediados de abril para recoller xa polo 15 de agosto. Aquí se non fas así corres o risco de que che seque a cana. No millo non imos a uns amidóns moi altos pero si a unhas dixestibilidades moi altas. A nós é o que nos funciona ben, igual que na herba, e procuramos buscar iso. Interésanos unha boa dixestibilidade para que a vaca coma moito e rápido, cunha boa transición ruminal”, conta.

Non facemos ningún traballo de campo practicamente, unicamente abonamos, limpamos algunha pradeira e sacamos algo de purín

En canto ás labores agrícolas, prefiren subcontratalas a empresas de servizos para poderen centrar os seus esforzos no coidado do gando da explotación. “Non facemos ningún traballo de campo practicamente, unicamente abonamos, limpamos algunha pradeira e sacamos algo de purín”, explican.

Catro traballadores

LA NAVE SC (O Corgo) mural silosA explotación é atendida polos dous socios coa axuda de 4 traballadores. Organízanse en 2 turnos, de mañá e tarde, que van rotando semanalmente. En cada grupo sempre hai un socio e dous traballadores e libran unha fin de semana si e outra non desde o venres ao medio día até o luns.

Tanto os socios como os empregados teñen xornada continua de mañá ou de tarde

“O noso futuro pasa pola man de obra para ter o establo sempre ben atendido, pero a man de obra ten que ser cualificada. No noso caso éo. Os nosos empregados están con nós desde fai tempo e traballan moi ben. Fano tan ben ou mellor ca nós”, destaca José Manuel. “Por sorte nós estamos cerca de Lugo e iso facilítanos conseguir traballadores, pero se viviramos nun lugar máis afastado sería máis complicado e habería que ofrecer vivenda”, razoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información