La Élida, unha explotación arxentina de raza hereford cun rabaño de 500 vacas e 5.000 hectáreas de superficie

Entre os países do Mercosur encóntranse alguns dos principais produtores mundiais de carne de tenreira. Coñecemos como se traballa nunha gandería ubicada ao norte da Patagonia

LA ELIDA (Argentina) vacas hereford 3
Patagones é un dos 135 partidos da provincia arxentina de Bos Aires. Atópase entre os ríos Colorado e Negro e é o máis austral e extenso de toda a provincia. Conta con 1,3 millóns de hectáreas (unha superficie que equivale case á metade de Galicia) e posúe máis da 76% da área ocupada pola gandería.

A media de terreo que manexan as explotacións gandeiras da zona é dunhas 1.000 hectáreas en secaño, pero hai granxas máis grandes, de 10.000 hectáreas como Huencobú e mesmo de ata 28.000 hectáreas como Paso Alsina.

La Élida é unha explotación bovina de carne situada no val do río Colorado, no norte da Patagonia

La Élida dispón de 5.000 hectáreas e máis de 500 cabezas de gando. A finca, que é propiedade dunha sociedade familiar, está xestionada neste momento por Juan Bautista Dell, terceira xeración á fronte da granxa, que atende xunto ao seu pai, Claudio.

Juan Baiutista, en el quad que usan para recorrer la finca

Juan Baiutista, no quad que usan para recorrer a propiedade

“A explotación era da miña avoa paterna. Nela había vacas e touros de raza hereford, traballaban con 400 nais e o seu obxectivo era sacar tenreiros de 7 ou 8 meses cunha media de 200-220 kg ao destete, que era cando se vendían a distintos cebadoiros para o seu engorde”, detalla.

Ese traballo planificado rachouse en 2013, cando tras varios incendios a finca caeu no abandono, do mesmo xeito que o gando que albergaba. O rabaño seguiu reproducíndose sen control durante uns 7 anos ata chegar a ter máis do dobre de animais das 400 vacas iniciais.

Hai un ano, trala morte do tío avó de Juan Bautista, el e o seu pai fixéronse cargo da propiedade e empezaron a traballar tanto as terras coma o rabaño. “Estaba todo desbordado e a nosa idea é chegar a un rabaño de 600 reprodutoras e facer un manexo semi holístico conxuntamente coa finca”, indica.

A finca é propiedade da avoa de Juan Bautista e de dúas irmás dela

Entre as 5.000 hectáreas de superficie da explotación gandeira hai tanto monte como zona de val, pola que pasa o río Colorado. “Temos tamén unha parte de salitral que non se pode labrar”, explica Juan Bautista.

Alimentación do gando

LA ELIDA (Argentina) matogueira2
A totalidade da superficie está dividida en 8 parcelas e todo o manexo do gando realízase en extensivo. No inverno, as vacas pastan no monte e na zona de marisma, onde medra a sampa (Atriplex lampa), “unha planta arbustiva que crece no salitral só en pleno inverno e que nos axuda moito a manter a condición corporal dos animais”, explica Juan Bautista.

Ao arder o monte baixou a altura da matogueira e as vacas poden aproveitalo

Cando se aproxima a época de partos na primavera baixan o rabaño á zona do río. As leiras do val divídense en catro parcelas, que suman unhas 1.800 hectáreas. Outras 3.500 hectáreas serían superficie de monte, con distintos graos de aproveitamento por parte dos animais.

“Non se trata do típico monte patagónico de 50 centímetros de altura, senón que hai plantas dun metro ou un metro e medio, pero ao arder baixou esa altura da matogueira e as vacas poden aproveitala”, indica.

Selección do rabaño

LA ELIDA (Argentina) ganado hereford2
A finca estivo sete anos sen ningún tipo de manexo, polo que os animais reproducíronse sen control, ata chegar a dobrar a cabana inicial. Por iso unha das tarefas prioritarias nestes momentos é reducir o número total de cabezas seleccionando aquelas vacas e touros sobre os que se sustentará a liña xenética futura, aproveitando a base hereford da que parten.

O rabaño conta cunha boa xenética de raza hereford

“Empezamos a restrinxirlles a auga para poder xuntar aos animais, xa que levaban 7 anos sen ver a unha persoa. Para reunilos facémolo dacabalo ou en quads. Unha vez xuntados, o primeiro que fixemos foi sacar aos machos, para poder facer un control reprodutivo efectivo”, explican.

O rabaño conta cunha boa xenética de base de raza hereford e a gran cantidade de cabezas de gando existentes na finca puido minimizar os problemas de consanguinidade que ocasionaría o apareamento descontrolado durante anos.

A nosa idea é traballar con 600 nais e sacar 550 tenreiros ao ano: ese sería o obxectivo

“A nosa idea é traballar con 600 nais e sacar aos tenreiros con 6-7 meses, antes de subir ás vacas ao monte, cun peso medio de 180-190 quilos e alimentados só con pasto. A época de partos concentrámola toda en 3 meses (agosto, setembro e outubro), que coincide coa nosa primavera, e despois metemos aos touros ata decembro”, detalla Juan Bautista.

Cercados eléctricos quilométricos

LA ELIDA (Argentina) vacas hereford 4
Xunto coa selección do gando, tras facerse cargo da explotación, Juan Bautista e o seu pai empezaron tamén reparando as infraestruturas que había danadas, desde os bebedoiros e pozos desde os que se subministran ata os propios peches das parcelas.

Manter os cercados eléctricos é unha das maiores complicacións, debido á súa gran extensión. “Os peches son todos de 7 fíos e as divisións internas de dous”, explican. Un dos obxectivos é manter baixo control aos depredadores. “Temos problemas cos pumas e na época de nacementos tamén cos raposos, sobre todo cando a vaca deixa un momento á cría soa. Na nosa rexión temos tamén bastante gando ovino, con dobre propósito de la e carne, e a única forma de combater aos depredadores que teñen eses gandeiros é con cans pastores”, conta.

Temos hereford porque é unha raza moi dócil e fácil de traballar

Outra prioridade é mellorar a superficie de pastos. Na área costeira arxentina sofren desde hai anos a presenza dunha planta invasora coñecida como tamarisco (Tamarix sp.), que colonizou a zona como consecuencia das enchentes do río do ano 1984. “Empezamos a cortalo porque é un arbusto que se estende moito e as vacas métense dentro e logo é moi difícil sacalas porque co cabalo non podes entrar. Por iso necesitamos cortalo para que sexa máis sinxelo o manexo do gando. Con tamarisco a única opción é traballar con cans, pero fan correr moito ás vacas e pódense magoar”, indica.

En Arxentina un cabalo ten o valor de dous ou tres xatos

Estes reagrupamientos eran moitas veces un factor causante de baixas. “Eran animais que non estaban afeitos a ser manexados e ás veces cando queriamos xuntalos e movelos empezaban a botar escuma pola boca e acababan morrendo de rabia aos 2 ou 3 días”, recoñece.

“É moi difícil traballar con este tipo de gando en liberdade. Os touros e xatos tiñámolos que manexar desde fóra dos currais e sempre con moito respecto, porque se volvían a nós e encarábannos”, explica.

Tiñamos 1.000 animais espallados por 5.000 hectáreas

Por iso, di, “o noso obxectivo principal é achicar a cabana para quedarnos con 600 nais de boa calidade xenética e meter touros hereford doutras procedencias para renovar o sangue, buscando mansedume, que para a nosa forma de traballar é algo fundamental”, asegura.

Obxectivos: cruces con angus e produción de forraxes

LA ELIDA (Argentina) tractor vello labrando
Pretenden empezar a ensaiar tamén cruces das súas vacas hereford con touros angus, xa que explica Juan Bautista, “o resultado son tenreiros moi pesados; trátase dunha raza terminal pero moi boa para a produción de carne”.

Para as xovencas de recría seguirán apostando pola raza hereford pura, con cubricións aos 24 meses con touros que acheguen baixo peso dos tenreiros ao nacer. Precisamente, unha das vantaxes da raza hereford é a súa gran facilidade de parto, destaca.

Unha das vantaxes da raza hereford é a súa gran facilidade de parto

O segundo obxectivo pasaría por rexenerar o campo e conservar forraxes, tendo un maior control da alimentación do gando. “Pretendemos concentrar aos animais en parcelas máis pequenas porque cando ti tes que percorrer todos os días 5.000 hectáreas acábanseche escapando cousas que non podes controlar”, recoñece.

O manexo levaríase a cabo nun único lote, que pasaría o inverno e parte do outono nas catro parcelas de monte, baixando aos animais na primavera e verán á zona de costa, que está dividida noutras catro parcelas.

Grave seca en 2023

LA ELIDA (Argentina) pastizais
Debido á falta de pasto pola grave seca que sufriu a zona, o ano pasado tiveron importantes episodios de mortandade de animais. “Déronse sobre todo en vacas moi vellas, porque cando un animal ten moitos anos se lle falta algo de comida non é capaz de recuperar”, explica Juan Bautista.

Para dar de beber ao gando dispoñen de pozos desde os que bombean a auga aos depósitos mediante muíños de vento, pero a falta de choivas fixo efecto tamén nos acuíferos subterráneos.

Debido á falta de pasto o ano pasado sufriron unha alta mortandade nos animais de maior idade

“Actualmente temos unha crise hídrica. No último ano a zona rexistrou un considerable descenso de precipitacións que está a reducir a produción de pasto. Dos 350-400 mm anuais que adoitaban chover de media habitualmente estamos máis ou menos na metade”, indica.

“As choivas danse sobre todo na primavera; todo o que é o outono e o inverno é xeralmente seco e os pasteiros cambian considerablemente en función de se teñen rega ou non. Nós necesitamos 10 hectáreas de monte para alimentar a unha vaca, cando en zonas de regadío o cociente de superficie por cabeza é dunha hectárea por vaca”, conta.

Nós necesitamos 10 hectáreas de monte para alimentar a unha vaca

O río Colorado permite unha ampla zona de regadío, dunhas 500.000 hectáreas, pero La Élida non dispón dos permisos necesarios para facer uso da auga do río. A súa intención é poder contar de cara ao futuro cunhas 50 hectáreas de regadío para poder facer nelas reservas de forraxe coa que poder alimentar ao gando nos períodos máis críticos.

Juan Bautista, junto a uno de los pozos que usan para que beba el ganado

Juan Bautista, xunto a un dos pozos que usan para que beba o gando

“Coinciden normalmente co inverno e o inicio da primavera, cando as vacas están xestantes, polo que cun pequeno suplemento de forraxe, aínda que non teña unha calidade extraordinaria, poderiamos mantelas”, asegura. Pero desde finais do ano pasado, ao non dispoñer aínda de ningún tipo de forraxe conservada, nin seca nin ensilada, tiveron problemas de fame en parte das reses.

Pretenden sementar avea, non para gran, senón para ter forraxe coa que suplementar ao gando nos meses nos que escasea o pasto

Se se dan as condicións de precipitacións necesarias, a súa intención é tamén sementar avea a principios de febreiro, non como cereal para gran, senón como cultivo forraxeiro. “É unha zona con moito vento e temos tamén xeadas e mesmo podemos ter granizadas, polo que preferimos ensilalo en bólas; é máis cómodo para nós de dar ao gando que en gran”, explica.

Destino á exportación

LA ELIDA (Argentina) vacas hereford 5
Boa parte da carne de vacún producida en Arxentina destínase á exportación. Case un terzo do total da carne producida no país (ao redor de 75.000 das 230.000 toneladas mensuais producidas) véndese fóra das súas fronteiras.

China acapara o 75% da carne exportada, mentres a UE recibe o preto do 10%, con Alemaña como principal destino. E ante o temor a un aumento destas importacións, entre os principais motivos das protestas dos agricultores e gandeiros europeos estiveron as negociacións para a firma do tratado de libre comercio con Mercosur.

Entre os motivos das protestas dos agricultores e gandeiros europeos está a firma do tratado de libre comercio con Mercosur

“En 2023 tivemos un problema porque o Goberno arxentino bloqueou as exportacións de carne para conter os prezos da alimentación a nivel interno, afectados por unha forte inflación”, explica Juan Bautista.

Os prezos o ano pasado desplomáronse até baixar dun euro o quilo

O freo ás exportacións provocou unha importante caída de prezos, afectando á rendibilidade das ganderías. “Como había seca, todo o mundo empezou a reducir número de cabezas, sacrificando a aqueles animais improductivos, pero ese sacrificio masivo de vacas vellas xerou unha sobreoferta enorme que tirou os prezos e ante a imposibilidade de darlle saída no exterior fixo que a carne non valese nada. Un tenreiro de 220 quilos de peso vivo valía a un 1 euro o quilo”, lembra.

Fin das restricións

Pero a chegada do ultraliberal Javier Milei á presidencia do país abriu de novo as fronteiras arxentinas, co fin das restricións exportadoras, e nos primeiros meses de 2024 o país bateu todos os récords de exportación de carne de vacún, con medias mensuais por enriba das 80.000 toneladas, unha marca sen precedentes nos últimos 57 anos.

En 2023 o prezo da carne disparouse nos mercados locais e o Goberno arxentino cortou a exportación para tratar de frear a inflación

Estes números débense ao cambio na política comercial, tralas medidas instauradas polo anterior Goberno de Alberto Fernández, que o 3 de xaneiro de 2022 establecera que ata o 31 de decembro de 2023 non se podían exportar determinadas partes das canais, os chamados cortes populares, como falda ou paleta, que representaban un 25% do peso, para tentar conter a forte inflación interna.

A carne de vacún (o asado) é un dos alimentos máis populares en Arxentina, cun consumo per cápita anual de máis de 50 quilos, fronte aos menos de 5 quilos de media en España, onde ten maior peso a carne de pito e de porco.

Javier Milei decidiu liberalizar a saída de carne ao exterior, xunto coa soia o principal produto de exportación arxentino

Para garantir o abastecemento interno, a carne de vacún, historicamente, sempre tivo unha cota de exportación en Arxentina, pero o Goberno ultraliberal de Javier Milei optou por desregularizar o sector. Desde o pasado mes de xaneiro, coa finalización das restricións á exportación, a industria cárnica arxentina ten vía libre para enviar ao exterior todo tipo de produtos de vacún, xa sexan frescos, refrixerados ou conxelados.

Isto fixo que Arxentina comezase 2024 exportando un 20% máis que en 2023, reforzando o peso do sector na economía do país. A carne de vacún, xunto coa soia, son os dous principais produtos exportados polo país (representan o 80% do total exportado).

“Un gandeiro de carne de Galicia con 80 vacas pode ter o mesmo nivel de vida e rendibilidade que un gandeiro arxentino de 1.000 cabezas”

LA ELIDA (Argentina) vacas hereford
Juan Bautista formouse como Técnico Agropecuario con orientación na Administración Agraria, un título de 7 anos de duración con materias de agricultura e gandería, e realizou a finais do ano pasado unha estancia formativa en Galicia, dentro dun intercambio coa EFA Fonteboa de Coristanco.

Tralos tres meses de estancia en Galicia e xa de volta a 13.000 km de distancia, recoñece que “non te deixas de sorprender polo tipo de instalacións, que son totalmente distintas, pero o maior choque cultural é ver que un gandeiro de carne de Galicia con 80 vacas pode ter o mesmo nivel de vida e de rendibilidade que un gandeiro arxentino de 1.000 cabezas”, asegura.

En Arxentina non temos as axudas da PAC que hai en Europa nin ningún tipo de apoio á produción

“Aquí non temos as axudas da PAC que hai en Europa nin ningún tipo de axuda á produción. O único que hai na Patagonia son uns préstamos para sementar que despois hai que devolver en quilos de carne, o mesmo que para cambiar os touros, pero non hai axudas para comprar unha finca ou maquinaria, é todo cuestión de esforzo por parte do gandeiro. Ademais, é moi difícil conseguir crédito. Son financiamentos impagables, con taxas moi altas ou en dólares. Temos unha economía moi fluctuante”, recoñece.

Claudio, o pai de Juan Bautista, era traballador da facenda desde o ano 2000

Ademais de á gandería, a familia Dell sempre se dedicou á apicultura, unha actividade que segue mantendo a día de hoxe. “Seguimos tendo entre 500 e 600 colmeas pero é un sector que está tamén complicado porque hai dous anos que non nos sobe o prezo. Vendemos a granel para exportar a Europa e págannos o mel a 0,40 euros o quilo, pero o azucre que damos de alimento no inverno multiplicou por catro o seu prezo”, narra.

“Temos moitas máis rotacións de cultivos que en Galicia”

Ademais do tamaño dos rabaños, outra diferenza das ganderías arxentinas con respecto a unha explotación de vacún de carne en Galicia é a xestión da superficie agraria. “Nos campos temos moitas máis rotacións de cultivo que en Galicia, simplemente porque doutro xeito non é viable producir. En secaño seméntanse pastos ou leguminosas de baixo requirimento hídrico e abónase con fósforo e fertilizantes químicos a maiores do que achega o gando”, explica.

Nas praderías normalmente abónase con fósforo e outro tipo de fertilizantes químicos, a maiores do que achega o gando

Tamén se sementa triticale, así como sorgo, pero neste último caso só se chove. “Na nosa zona sementábase tamén moito trigo, pero nos últimos anos, debido á seca, nacía moi mal. Agora estase apostando por sementeira directa con cobertura e dá moi bos resultados, porque as poucas choivas que houbo no último ano conserváronse en forma de humidade no chan”, describe.

Nas zonas de regadío lábrase trigo, millo, alfalfa e cultivos hortícolas

En zonas de regadío as rotacións son mesmo máis amplas. “O máis habitual é sementar alfalfa e aos cinco anos levantar o cultivo e sementar cebola. Logo recóllese a cebola e seméntase millo e despois un ano de avea ou cebada e volve empezar o ciclo”, enumera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información