Kiwi Atlántico, a maior produtora de kiwi de España, iniciou un proxecto para desenvolver un sistema de medición da calidade interna da froita segundo o seu grao de madurez. Un proxecto enmarcado na iniciativa “Fábrica 4.0” que conta co apoio de Igape, a Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
Concretamente, a empresa galega está a traballar en colaboración con AINIA Centro Tecnolóxico e Maxfrut, fabricante de maquinaria para procesos de lavado, calibrado e empaquetado de froitas e hortalizas, no deseño e desenvolvemento dun prototipo de calibrado mediante técnicas ópticas para medir o grao de madurez da froita.
Antes de empezar con este desenvolvemento, AINIA realizou un estudo previo para avaliar a capacidade dunha innovadora tecnoloxía fotónica para estimar a madurez do kiwi, demostrando que é posible inspeccionar e clasificar a froita a alta velocidade en función do seu grao de madurez.
O sistema que se está desenvolvendo vai integrar a nova tecnoloxía nun calibrador de froita electrónico e implantarase na planta de produción de Kiwi Atlántico, adaptando o seu centro de produción á nova contorna de Industria 4.0, que pretende transformar as fábricas facéndoas máis flexibles, eficientes, intelixentes e adaptables ás demandas do mercado.
No caso de Kiwi Atlántico, permitirá determinar que produto debe permanecer en cámara e cal está maduro para iniciar o proceso de comercialización, tratando de garantir que o produto chegue ao consumidor final nas mellores condicións posibles e reducindo as diminucións de produto.