Juan Gallástegui, novo director xeral de CLUN

Juan Gallástegui, novo director xeral de CLUN

Juan Gallástegui Baamonde, novo director xeral da cooperativa CLUN

O Consello Reitor de CLUN decidiu, por unanimidade, nomear a Juan Gallástegui Baamonde como novo director xeral da cooperativa. Con este nomeamento do máximo responsable executivo da organización, CLUN continúa un proceso de renovación de equipos no que se creou unha nova dirección de división láctea e se incorporaron varios responsables comerciais e industriais con ampla experiencia no sector.

O novo director xeral, Juan Gallástegui, asumirá as funcións que desde hai catorce meses exercía un Comité Executivo, do que el formaba parte. O presidente de CLUN, José Ángel Blanco Purriños destacou que “o obxectivo é avanzar na profesionalización e modernización da área executiva da cooperativa” e “Juan Gallástegui acreditou estes anos en CLUN unha capacidade de xestión, de diálogo e de iniciativa que o fai idóneo para que abordemos novos retos de futuro”.

Juan Gallástegui (Santiago de Compostela, 1988) era, desde decembro de 2020, secretario xeral da cooperativa, á que chegou en 2017 como asesor xurídico e secretario dos consellos de administración, con José Luis Antuña como director xeral, cargo que agora el asumirá. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, especializado en dereito fiscal e mercantil, con anterioridade exerceu como avogado e asesor legal.

Blanco Purriños: “Gallástegui  ten experiencia e coñece ben a cooperativa e, ao tempo, forma parte dunha nova xeración”

Clun é unha cooperativa rural galega que, ademáis de prestar servizos agrarios e gandeiros aos seus socios e socias, comercializa os lácteos de calidade Únicla, Clesa e Feiraco. A cooperativa naceu hai cinco anos da unión das históricas cooperativas galegas Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto. Para o seu presidente, “esta unión permitiu que hoxe en día, con todas as dificultades, centenares de familias poidan vivir no rural e do rural galego”.

“Despois de estes primeiros anos, o proxecto está consolidado e agora é o momento de abrir unha nova etapa na que fortalecer os nosos liderados e dotar da maior estabilidade aos nosos cooperativistas nun sector sempre inestable que precisa dun porvir certo”. Para Blanco Purriños, “o nomeamento de Gallástegui vai nesta dirección porque ten experiencia e coñece ben a cooperativa e, ao tempo, forma parte dunha nova xeración que é imprescindible sumar ao obxectivo dun rural máis próspero”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información