
José Luis Rey, primeiro pola esquerda, presidente de AGAFAC. Foto: Cedida
A Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) celebrou hoxe a súa Asemblea Xeral Extraordinaria no Salón de Actos da Autoridade Portuaria da Coruña, nunha xornada clave para o sector centrada no proceso electoral que deu lugar á ratificación da continuidade da presidencia, baixo o liderado de José Luis Rey, e da renovación da xunta directiva.
A sesión privada, reservada aos socios, abordou a aprobación da modificación dos estatutos, a presentación e validación das contas correspondentes ao exercicio 2025 e, especialmente, a elección dos novos órganos de goberno da entidade. Durante este proceso, José Luis Rey Rodríguez (Coren) foi ratificado como presidente de Agafac, acompañado por Daniel Castro Moscoso (De Heus Nutrición Animal) e Pablo García Folgar (Piensos SIL) nas vicepresidencias primeira e segunda.
Xunto a eles, Manuel Orosa Canabal (Bograo) asumiu a secretaría e José Ángel Bonome González (Nanta) a tesourería, completando así un equipo ao que se suman Jesús Bardelas Hermida (Aira), Ángel Miranda González (CLUN), María Lois Gómez (Xallas Santa Comba) e Carlos Fondevila Alén (Nudesa) como vogais provinciais.
A nova xunta directiva, que combina continuidade con novas incorporacións, afronta esta etapa co obxectivo de reforzar a competitividade do sector, avanzar en innovación e dixitalización, e consolidar o papel de Agafac como referente para a industria dos alimentos compostos en Galicia.
Sinerxias co Porto da Coruña
A parte pública da asemblea abriuse coas intervencións de Susana Roel Cabal, xefa de Área de Explotación da Autoridade Portuaria da Coruña, e de José Luis Rey, quen destacou a importancia da colaboración entre a industria dos pensos e o porto da Coruña.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado, foi o primeiro en intervir na parte pública, cunha exposición na que ofreceu unha ampla visión sobre a situación económica actual, tanto en España como en Galicia, e as perspectivas de futuro. Corgos destacou o bo comportamento da economía na comunidade, en comparación con outros territorios nacionais, e puxo en valor o esforzo institucional por facer fronte á incerteza que planea sobre os mercados internacionais.
Posteriormente, Samanta García-Carro, xefa de División Comercial da Autoridade Portuaria, presentou o relatorio “O Porto da Coruña na cadea de valor do cereal”, na que subliñou o papel estratéxico do porto na loxística e distribución de materias primas esenciais para o sector.
Tamén destacou a gran evolución que tivo o porto desde o 2014, pasando a converterse nun dos máis importantes do noroeste peninsular en canto a volume de descargas e movemento de barcos. “10 anos para un porto é moi pouco, e a evolución que experimentou nesta década dá fe dos esforzos que hai por potenciar as instalacións”, asegurou.
Visita ás obras da nova sede e ao MAHI

Tras as intervencións, os asistentes desprazáronse ás obras da nova sede de Agafac no Porto Exterior de Punta Langosteira, onde puideron coñecer o avance dunhas instalacións que están chamadas a converterse nun centro pioneiro en Europa para o control da calidade e a seguridade dos pensos.
O novo centro integrará tecnoloxía avanzada, procesos automatizados e espazos especificamente deseñados para reforzar a rastrexabilidade e a análise de materias primas. Este proxecto representa un salto cualitativo para o sector en Galicia e posiciona á comunidade como referente en estándares de seguridade alimentaria dentro do ámbito europeo.
A xornada continuou cunha visita guiada ao Museo de Automoción e Historia de Arteixo (MAHI), onde os asistentes puideron coñecer de primeira man algúns modelos históricos que permitiron aos asociados facer unha viaxe ao pasado e lembrar algún dos vehículos máis emblemáticos do século XX, e concluíu cun cóctel de despedida no Hotel Eurostars Atlántico.
Galego









Control OJD