José Luis Aristegui, un viticultor outsider

Este economista decidiu hai seis anos cambiar a oficina polas viñas para continuar coa tradicional familiar. Dos seus viñedos na Rúa, na Denominación de Orixe Valdeorras, logra viños de autor e con personalidade propia que teñen a variedade Garnacha Tintoreira de cepas vellas como sinal de identidade

Publicidade
José Luis Aristegui, un viticultor outsider

José Luis Aristegui cos seus viños

“Decidín que a miña oficina fose un ceo aberto e pasar todo o tempo posible na viña, onde realmente me sinto feliz”. Así resume José Luis Aristegui Anido o seu paso a viticultor profesional despois de anos traballando como economista.

A viña levábaa na tradición familiar, que se remonta máis alá do seu pai e do seu avó, José Aristegui, viticultores tradicionais que vendían a granel os seus viños para toda a xeografía galega.

“En 2011, cando faleceu o meu pai, vinme no dilema de deixar as viñas abandonadas ou seguir mantendo o patrimonio dos antergos, e foi o que fixen”, confesa José Luis.

Neste proxecto persoal empezou sacando ao mercado 5.000 botellas e hoxe rolda as 9.000 comercializadas, demostrando nestes seis anos ser un colleiteiro fiel á tradición pero disposto a arriscarse para explorar novos camiños, mesmo a contracorrente do establecido.

A Garnacha Tintoreira é o emblema identificador desta adega

Cultiva unhas 4 hectáreas repartidas en 15 parcelas, nas que o minifundio se impón con pequenas fincas de entre mil e cinco mil metros cadrados, outorgándolle ás uvas de cada finca unha singularidade propia. Os viñedos localízanse nos lugares de Pedrazais e Tras de Eirelas, en ladeiras solleiras de pizarra, arxilas e cantos rodados.

Nelas cultiva as variedades Godello, a raíña da Denominación de Orixe Valdeorras, Mencía, Brancellao, Caíño Longo e cepas case centenarias de Garnacha Tintoreira, “unha variedade que cando comecei os técnicos da Xunta me recomendaron arrincar, e que hoxe, grazas a que non lles fixen caso, é o emblema da miña adega”.

Como el di, “practico unha viticultura sensata e respectuosa, na que non traballo con herbicidas nin con produtos sistémicos”. Observa as necesidades de cada parcela e de cada planta, para lograr na vendima unha uva sa, nun punto óptimo de maduración e cun grao de alcohol equilibrado. E é que o cambio climático cada vez estase a sentir máis nas ladeiras de Valdeorras, con vagas de calor no verán que pasifican a uva, chegando aos 16 graos de alcohol na Garnacha Tintoreira.

“Practico unha viticultura sensata e respectuosa”

O resultado desta viticultura son uns viños de autor orixinais e diferenciados. Así, baixo o amparo da D.O. Valdeorras comercializa unhas 7.000 botellas de José Aristegui Branco, un Godello fermentado sobre lías; José Aristegui Tinto, coa Mencía como variedade principal, e Traste, elaborado con uvas de cepas vellas de Garnacha Tintoreira, a variedade que identifica á adega.

Pero a inquedanza e as ganas de explorar levaron a José Aristegui a elaborar tres viños fóra da Denominación de Orixe: Os Mecos Branco, a partir de uvas de Godello fermentadas cos pelellos en depósitos de cerámica; Os Mecos Tinto, con Garnacha, Brancellao e Caíño, e fermentación en depósitos de formigón ao estilo tradicional: co pelexo e coa canga do acio; e Xeo, un viño doce elaborado a partir de uva conxelada e prensada.

“Son viños rústicos, puros e directos, que me saíron da alma, e dos que o mellor prescriptor será o consumidor final”, subliña este outsider do viño, para quen formularse preguntas e arriscar forma parte da súa forma de entender a arte da viticultura.

“Vendo o meu viño a un prezo digno e traballo cun concepto de mínimos gastos”

O mercado dos viños de José Luis Aristegui sitúase en Galicia, onde vende arredor do 60% da súa colleita, mentres que o 35% comercialízao nas principais cidades de España, e unha pequena parte en Inglaterra. Ao mesmo tempo segue vendendo a granel unha parte da produción a clientes particulares do seu pai.

Unha pregunta ineludible é se é rendible vivir como colleiteiro con pequenas producións: “Si. Vendo o meu viño a un prezo digno e traballo cun concepto de mínimos gastos para facer a adega viable económicamente, cun obxectivo de chegar a un máximo de 13.000 botellas anuais”, explica José Luis.

¿E cales son os proxectos de futuro para este viticultor?: “Seguir tendo inquedanzas e pasar o máximo tempo posible fóra do traballo: é dicir, na viña”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información