O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei reuniuse este pasado mércores 8 de marzo para elixir o novo órgano de goberno desta denominación. A reunión estivo presidida polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos. A elección fíxose dentro do proceso de renovación dos órganos gobernativos de quince consellos reguladores agroalimentarios.
José Luis Cabarcos entregou as credencias aos vogais elixidos. Deste xeito, a mesa do novo pleno quedou constituída por 7 vogalías, das cales 2 corresponden á Asociación Agraria de Galicia; outras 2 para Unións Agrarias; outras 2 para a Federación Rural Galega e a restante correspóndelle a Terras do Cigarrón, S.L.
Unha vez tomada a posesión das diferentes vogalías procedeuse á votación para elixir a nova presidencia da D.O. Monterrei. Por unanimidade foi elixido novo presidente do Consello Regulador Jonatás Gago García, quedando como novo vicepresidente Manuel Vázquez Losada.
Gago García é diplomado en Educación Infantil e licenciado de Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo, ademais é profesor de Educación Infantil no Colexio María Inmaculada de Verín. Será a oitava persoa que presidirá a D.O. “Agradezo o apoio outorgado polo sector vitivinícola por confiar na miña persoa para este cargo”, destaca o novo presidente. Ademais indica “que afronta o reto con moita ilusión e compromiso con Monterrei”.
No acto, tomaron tamén posesión os vogais electos e proclamados. O director de AGACAL foi o encargado de entregar as credenciais aos vogais Lara Da Silva Rodríguez (representante de Gestión Vitivinícola, C.B.), Aníbal Blanco Núñez e Asunción Rodríguez Zarraquiños (representante de Viticultura Monterrei, S.L.). Todos eles polo sector produtor (Censo A).
No Censo B (industrial) como vogal do Subcenso B1 atópase Manuel Vázquez Losada, e xa no Subcenso B2,Amadeo Salgado Cid (representante de Adega Pazo de Valdeconde, S.L.) e José Fernando Boo Paradela (representante de Adega Abeledos, S.L.).
Por último no sector cooperativo (Censo C), entregóuselle a credencial a Miguel Ángel Tubio Fernández (representante de Terras do Cigarrón, S.L.).
Segundo lembra a Cosellería de Medio Rural, nas pasasdas eleccións só votaran determinados censos de consellos reguladores das denominacións de orixe (Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras). Tamén votaran as indicacións xeográficas protexidas (IXP) Mel de Galicia e Carnes de Vacún de Galicia. O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo. No que queda de semana constituiranse tamén os consellos reguladores das diferentes IXPs Carnes de Vacún de Galicia e das denominacións de orixe Rías Baixas e Valdeorras.