Jesús Montes asume a dirección da Cooperativa O Rodo

Substitúe no cargo a José Luis Camiñas, que abandona a presidencia tras 13 anos á fronte da entidade. Potenciar a eficiencia dos servizos de maquinaria e nutrición ás granxas son algunhas da prioridades para a nova etapa da cooperativa de Rodeiro

Jesús Montes asume a dirección da Cooperativa O Rodo

Jesús Montes (cuarto pola esquerda), xunto co resto de membros do Consello Reitor da Cooperativa O Rodo.

O Consello Reitor da Cooperativa gandeira O Rodo, de Rodeiro (Pontevedra), celebrou este xoves a súa primeira xuntanza convocada polo novo presidente da entidade Jesús Montes, quen asume a directiva trala renuncia de José Luís Camiñas, que deixou o cargo despois de 13 anos á fronte da entidade. O cambio na directiva fíxose efectivo logo de comunicárllelo ós socios na asemblea xeral celebrada a finais de xullo e na que ademais se presentaron as contas, que ratificaron a solvencia económica da entidade que aglutina a máis de 300 asociados.

Nesta primeira xuntanza, Montes destacou a boa labor do seu antecesor no cargo e entre as liñas de traballo para para os vindeiros anos apuntouse o obxectivo de conseguir “que as familias socias ganen máis cartos. Para nós o importante é a solvencia económica da cooperativa acompañada coa mellora e ampliación de novos servizos”, sinalou nun comunicado a directiva.

Entre as prioridades para conseguir melloras para as ganderías socias buscan contar cun parque de maquinaria máis eficiente. Dada a alta demanda que ten este servizo dentro da Cooperativa, a directiva procura evitar subir os prezos, pese ó incremento dos combustibles, e busca facer o servizo máis rendible a través da eficiencia.

Tamén procurarán unha maior profesionalización das explotacións, proporcionando mellores coñecementos agronómicos e gandeiros, de mellora constante na produción de forraxes coa finalidade de reducir a dependencia de insumos externos, comezando dende os procesos de encalado, abonado, elección de sementes e épocas de sementeira e recolleita.

Dende a cooperativa buscan apoiar o servizo de nutroloxía, dado que a eficiencia en canto á alimentación é un piar fundamental para as ganderías. Neste senso tamén destacaron a importancia de contar cunha industria solvente como Xuncoga, cooperativa de segundo grao especializada na fabricación de penso e da que forma parte O Rodo. “Contar cunha industria propia que está a mercar as mellores materias primas para ofrecer un penso de calidade resulta estratéxica para O Rodo e para os seus socios”, destacaron dende a entidade de Rodeiro.

Montes sinalou ademais a importancia que as cooperativas teñen para o sector, como ferramentas necesarias para a súa supervivencia. “Queremos que a Cooperativa sexa un instrumento imprescindible para os asociados e para a supervivencia, mellora e dignificación do sector primario local”.

Ó mesmo tempo, o novo presidente aproveitou esta primeira xuntanza para agradecer o apoio recibido. “Levo toda vida vinculado ó sector primario cunha granxa familiar e poder aportar os coñecementos adquiridos nun proxecto colectivo coma O Rodo é unha gran satisfacción”, conclúe Montes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información